O arquitecto César Portela (Pontevedra, 1937) participou onte nunha conferencia ante estudantes de Arquitectura no Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga) na que fixo un percorrido pola súa traxectoria profesional, que o consagrou en 1999 como Premio Nacional de Arquitectura. Tras advertir ao comezo da entrevista que non respondería a preguntas relacionadas coa construción de edificios sen licencia na Universidade da Coruña, cuestión pola que está imputado, fala do papel da arquitectura na burbulla inmobiliaria así como da situación na que se atopa a estación intermodal de San Cristóbal, logo de que o Goberno central lle mandara redefinir o proxecto que lle adxudicou para adaptalo aos tempos do gasto mínimo.

-Como afecta a crise a un estudio de arquitectura de prestixio como o seu?

-Afecta como a todo o mundo. Non é unha crise puntual que afecte a uns poucos. Son crises xeralizadas que antes ou despois afectan a todos os sectores da economía.

-Que responsabilidade tivo o colectivo dos arquitectos na burbulla inmobiliaria?

-Pois tiveron unha parte importante de responsabilidade, aínda que non a máis importante.

-Pecaron de obstentosidade os arquitectos cando a economía ía ben?

-Si, pero non o foron máis que a maioría da poboación. Todo o mundo pensou que estabamos nunha época fantástica na que todo era posible e que se podían facer uns edificios cuns presupostos desorbitados. Moitos propietarios fixeron casas por riba das súas posibilidades e tamén das súas necesidades. Casas ás veces moi costosas pero nas que olvidaron aspectos fundamentais como que fosen confortables, con boas vistas, fáciles de manter e de limpar. Ao mellor se puxo énfase en facer palacetes de moi mal gusto, moi caros e pouco cómodos. Máis para aparentar que para disfrutar.

-Pensa que os recortes do COAG e o peche das oficinas nas delegacións poden debilitar ás escolas de arquitectura?

-A verdade é que estou moi desvencellado do COAG. Adiquei moitos anos á creación do colexio, de feito fun o primeiro secretario. Investimos moito tempo non só para defender os intereses dos arquitectos senón tamén os intereses xerais da sociedade. Non só nos preocupábamos polas leis que regulaban o noso sector senón tamén por difundir a cultura arquitectónica de Galicia. Cando se fai un recorte de este estilo haberá unha razón de fondo, pero non podo entrar a analizar os porqués porque levo moito tempo á marxe, centrándome enteiramente na miña vida profesional.

-O ministerio ordenoulle redefinir o seu proxecto para a estación intermodal e adaptalo a un menor orzamento. Como vai esa nova definición?

-A idea que plantexou o Goberno era a de acomodar o proxecto a unhas posibilidades económicas menores pero recalcaron ben que o recorte non debe afectar á calidade do proxecto. Temos que administrar moi ben o diñeiro que temos facendo unha estación análoga á que gañou o concurso, que era unha estación moi ambiciosa, que practicamente non se notara o recorte, non suprimir nada esencial. Nada que afectara á calidade dese espazo esencial para A Coruña.

-E é posible facelo?

-Si, eu estou moi contento de como se está a desenvolver o proxecto porque realmente se comparamos o proxecto tal como vai co que gañou o concurso non hai nada que chirríe.

-Que hai que sacrificar?

-Hai que facer un esforzo en axustar todo o programa de maneira que non haxa nada superficial, que sexan anecdóticas todas aquelas cousas simplemente ostentosas ou aparentes que se fagan a partir do presuposto. Hai que sacarlle partido ao que se faga para cumprir coas necesidades propias do edificio e que á vez sexa bonito. Se é funcional e bonito, doblemente funcional e doblemente bonito.

-Deulle o ministerio unha cifra máxima de gasto?

-Agora mesmo estamos desenvolvendo a que sería a primeira fase e estamos vendo até onde pode chegar ese axuste.

-As previsións iniciais eran as de rematar as obras da intermodal en 2014. Cre que finalmente se cumprirán con eses prazos?

-Esa palabra tena Adif. Nós estamos desenvolvendo o proxecto pero non marcamos os prazos. Non nos compete a nós.

-No borrador da lei de servizos profesionais semella que o Goberno pretender igualar competencias entre enxeñeiros e arquitectos. Que lle parece?

-Realmente non coñezo en profundidade a proposta nin sei até que punto acabará sendo así pero polo que escoito vai ser unha lei moi trascendente e que vai afectar de cheo a profesión da arquitectura tal e como a coñecemos hoxe.