-En materia de mobilidade urbana, en que situación se atopa A Coruña en comparación con outras cidades do seu tamaño?

-É importante puntualizar que A Coruña parece que sempre a queren comparar con grandes cidades como Madrid e Barcelona, e non é así. Nos nosos traballos comparativos con cidades máis semellantes a nós, vemos que saímos perdendo en moitas cuestións.

-Como por exemplo?

-Galicia e A Coruña teñen unha renda per cápita inferior a outras cidades do País Vasco ou Cantabria e, sen embargo, aquí pagamos máis polo billete do bus, con ou sen bono. Comparando con urbes como Vitoria, Xixón ou incluso Vigo tamén temos un déficit en información sobre o transporte público, tanto o da cidade como o metropolitano.

-Por que aquí non está tan implantado o costume europeo do transporte en bicicleta?

-Eu creo que hai máis cultura da bicicleta do que parece. A xente vaina descubrindo como un medio de transporte. Quizais inflúan os factores económicos que animan a deixar o coche na casa para gastar menos. Pero o motivo que desincentiva máis o uso da bici ten que ver máis co entorno agresivo polo que hai que transitar. Está ben o carril bici pero hai que pacificar certas vías da cidade.

-Que significa iso de pacificar as rúas?

-Por exemplo, hai tramos da cidade nos que é unha aberración que estea permitido circular a 50 kilómetros por hora. Non pedimos levantar todas as rúas para poñer un carril bici, pero si se podería baixar a velocidade a 30 kilómetros por hora. Non é nada sen sentido. En Vitoria estanse plantexando reordenar o 80% das rúas para que teñan ese límite de velocidade nos 30 kilómetros por hora.

-Que opinión lle mereceu a retirada do carril bus?

-Foi o que provocou que nacésemos como plataforma. Creo que foi a peor noticia en materia de mobilidade dos últimos vinte anos.

-Como é o diálogo entre a plataforma e o Concello?

-Até agora foi nulo. Intentamos conseguir algunha reunión coa concelleira de Mobilidade e non tivemos ningunha resposta. Aínda así, nós intentamos fomentar que na cidade se fale de temas de mobilidade. É un debate san e saudable.

-Como se solventan os eternos problemas na comarca?

-Calquera con dous dedos de frente ve que Alfonso Molina funciona perfectamente 22 das 24 horas do día. Iso non quere dicir que estea colapsado. O problema é que nas horas punta hai unha grande desconexión entre os grandes xeradores de movementos, como son o centro, o campus universitario ou os polígonos industriais e os concellos limítrofes. Hai que traballar sobre isto nas horas punta.

-Que papel debe desempeñar el ferrocarril de cercanías?

-O tren entre A Coruña e Betanzos circula por áreas con moita poboación e paralelamente as estradas que adoitan estar saturadas. O problema é que as estacións están aí sen que as coñeza ninguén e os horarios son inaccesibles. Cun pouco de inversión para mellorar isto pode beneficiarse moito á mobilidade.