Non son frecuentes as novelas nas que A Coruña se atope no centro da trama e moito menos nas que os protagonistas sexan os barrios humildes e as súas xentes. Por iso o libro de Francisco Antonio Vidal As deusas do Calvario ten o seu aquel especial para a cidade. A historia sitúanos xa ao comezo na zona de Sabón e na costa de Oseiro, no Concello de Arteixo, penetrando máis adiante no microcosmos doutros barrios como os Mariñeiros ou a Agra do Orzán, da que Vidal é veciño.

"Á hora de documentarme botei man do que tiña preto e do que coñecía", asegura o escritor, que se define "fillo dunha época de emigrantes e de mariñeiros". Vidal aproveitou tamén as particularidades dos barrios para caracterizar ás personaxes e o mundo que os rodea, aínda que aclara que as historias persoais son "pura ficción". "Os obreiros divídense en barrios, por así dicilo. Nos Mariñeiros xa se sabe o que hai, é moi difícil atopar aí un carpinteiro e iso axudoume a expoñer a tese e ás personaxes", asegura.

Mais As deusas do Calvario tamén pretende ser un retrato das fronteiras internas da cidade contemporánea. Eses balados que, sen ser físicos, poden selo sociais ou monetarios. "Hoxe non hai que pagar impostos para chegar ao centro da Coruña desde Arteixo pero hai que pagar a ORA para aparcar no centro e tomar algo aló non é posible para todo o mundo", asegura o escritor.

Un trasfondo cargado de presente, aínda sen querelo. A novela publicouse no 2010 e, malia discorrer nas rúas da Coruña, até a súa posta de largo de onte na Livraria Suévia nunca fora presentada na cidade. Na obra fanse patentes as normas dun mercado inmobiliario que restrinxe a uns poucos o acceso ás vivendas máis céntricas, mentres quen menos teñen quedan relegados ao arrabalde. "Como podería evidenciar o caso de Aurelia Rey", comenta Francisco Antonio Vidal, en referencia á octoxenaria que a finais de febreiro estivo a piques de ser desafiuzada do seu fogar do Ensanche por uns retrasos no pago da súa renda antiga.

"A cidade está formada por círculos concéntricos, cunha zona céntrica accesible para uns poucos e uns barrios periféricos onde están os traballadores, as forzas de mantemento, os que, facendo un símil cunha cidade medieval, defenden ao centro do exterior", explica Vidal.

Os capitulos da novela, distribuidos a modo de pequenos flashes, ou "anacos de espellos rotos que xuntos conforman unha única imaxe" como Vidal os define, tamén fai unha loanza ao papel da muller desde os anos 70, cando comeza a novela, até a actualidade. "As protagonistas principais son esas mulleres que sufren polos fillos, que coidan do home e que botándolle valor tiran do carro para diante". Nada que hoxe non aconteza, aínda que coa crise tamén se noten algúns cambios: "agora tiran máis do carro os xubilados", ironiza.