Botárona do traballo, ela considera que o seu despedimento non está xustificado, que pode ser recorrido, así que decide demandar a empresa a través da Confederación InterSindical Galega (CIG), pero antes de recibir noticias dun dos xulgados do Social da Coruña sobre se a súa baixa é ou non procedente, atópase cun atranco inesperado no camiño.

A representante legal da empresa demandada -con domicilio social en Valencia- interpuxo un recurso de reposición contra o escrito presentado pola CIG, para esixir que sexa traducido ao castelán, xa que considera que, de non facelo así, a empresa se atoparía nunha posición de "indefensión", aínda cando a Constitución recolle que o galego é, coma o catalán, o valenciano e o éuscaro, unha lingua cooficial, ao mesmo nivel que o castelán.

O avogado da CIG, David Pena, asegura que non ten que ser el quen traduza os documentos ao castelán e defende que o uso do galego está amparado non só pola Constitución senón tamén polo Estatuto de Autonomía de Galicia, pola lei de normalización lingüística e tamén pola lei orgánica do poder xudicial.

Pena parte destas afirmacións para solicitar que sexa o servizo de tradución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o que se encargue do cambio de idioma do texto e alega que non é, tal e como asegura a parte empresarial, que a redacción da demanda en lingua galega supoña un "defecto".

Agora terá que ser a Xustiza a que decida se é a defensa a que se ten que facer cargo da tradución do texto da demanda ou se serán, tal e como esixe a CIG, os servizos do Tribunal Superior os que acometan esta tarefa.

Non é a primeira vez que o galego chega ás salas dos xulgados. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüistica, Carlos Callón, e o ex xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, víronse durante anos nas dependencias xudiciais porque Fraga Mandián, no exercicio do seu oficio, utilizaba o topónimo La Coruña, considerado non oficial pola lei de normalización, que só lle outorga esta categoría aos nomes dos lugares expresados en galego.