Biólogo de formación e funcionario de profesión, César Villar imparte hoxe ás 19.00 horas no centro social da Casa Tomada unha conferencia sobre un dos temas de máis actualidade no mundo da economía crítica: a implantación dunha renda básica para toda a cidadanía. Como activista de ATTAC, unha organización que promove un maior control dos mercados financeiros, converteuse nun dos galegos con maior coñecemento da materia.

-En que consiste a renda básica?

-É unha medida que propón asignar unha cantidade de diñeiro a todos os cidadáns de maneira incondicional. Suporía garantir o dereito a percibir unha cantidade mínima para subsistir e que ninguén caia baixo o limiar da pobreza.

-En tempos nos que o habitual é escoitar que o Estado do Benestar é insostible, non é unha proposta atrevida?

-É atrevida pero oportuna, porque obriga a facer un cambio do paradigma no que vivimos. O camiño da vía reformista polo que avanzamos estanos levando a un empeoramento progresivo da calidade de vida, e non se ve o final. Vivimos unha contrarreforma na que se están a recortar todos os dereitos. Ante iso, plantexamos un cambio que consiste en dicir que todos os cidadáns teñen dereito á supervivencia porque hai a capacidade tecnolóxica para ofrecer unha achega mínima universal que moitos expertos apuntan a que podería rondar o salario mínimo interprofesional.

-Saen as contas para unha prestación desta magnitude?

-Hai moitas propostas, pero a máis cabal propón que se financie a costa do IRPF, sen retirar partidas de ningún outro sitio e incluso aforrando dalgún servicio público. Propón un tipo único, arredor do 50%, que se aplicaría a todo o que gañe máis do que achega a renda básica. Fíxose un cálculo con mais de 200.000 declaracións da renda en Cataluña e o resultado foi sorprendente. O 70% da xente gañaba poder adquisitivo, un 15% quedaba igual e o 15% máis rico si que perdía. É unha idea moi redistributiva.

-En que servizos aforraría?

-Ao darse esta renda a todo o mundo aforraríanse en prestacións coma o paro ou a reinserción social. Nas que superasen o achegado pola renda básica, abonaríaselles a diferenza. Ademais, ao ser unha aportación sen condicións, non faría falla financiar todo o aparello de inspectores que hoxe en día se dedican a controlar se se responde aos criterios para recibir unha axuda. - isto é un aforro moi importante.

-Non habería quen se aproveitase disto para, directamente, non traballar?

-Iso é algo moi estudado desde que se comezou a plantexar isto nos anos 80 e hai indicios de que non ocorrería. Se un quere acceder ao promedio de consumo de hoxe en día, dificilmente pode acceder a el coa prestación desta renda, polo que habería incentivos para traballar. Hai tamén un experimento en Bruxelas que analizou o comportamento de varias persoas que recibiron un premio dun salario vitalicio e todas seguiron no seu traballo ou cambiaron a outro.