-Como se presenta este inicio de curso en canto á matriculación de alumnos?

-Aínda é un pouco cedo para contestar a esa pregunta con exactitude, xa que o proceso de matrícula está aberto. O gordo xa pasou, rematou o día 25, pero despois volveuse facer outra adxudicación e aínda agora está a se matricular xente. En termos xerais, podemos dicir que a matrícula nalgúns dos idiomas mantense e incluso sobe, pero noutros baixa.

-Cales se manteñen e cales teñen menos demanda?

-Mantense inglés, que sempre está abarrotado. Este ano, ademais, ofértase o nivel C (o paso posterior ao avanzado) e tivo moitísima demanda. Mantéñense tamén francés e italiano e alemán, que ten lista de espera. - baixaron chinés, xaponés e árabe. O ruso segue máis ou menos igual, dentro da pouca demanda que ten.

-E o portugués?

-Mantense. Tivemos que facer unha terceira adxudicación porque había demanda, o que pasa é que adoita haber solicitudes para os cursos da tarde.

-Hai algunha explicación para que baixen en matriculación o chinés, o xaponés e o árabe, cando son idiomas de países con economías emerxentes?

-Non o sabemos. Supoñemos que algo influíu a subida das taxas. A xente xa vén a inglés ou a francés e está pendente dos prazos de matriculación, pero nestes idiomas, como se empeza de cero, hai que preinscribirse en xuño e, por iso, perdemos alumnos. En árabe, por exemplo, igual hai quen se quere matricular, pero cando chega xa está fóra de prazo e vai á web e le que non ten posibilidade de formalizar a matrícula e asóciao a que non hai prazas, cando non é así. Nesta última volta aínda conseguimos coller xente, pero é un moi proceso complicado. Son moitos idiomas... O chinés chegou a ter moita demanda, pero agora xa vai baixando. Non todo é inglés, francés e alemán.

-Desde o inicio da crise, hai máis matriculacións porque os desempregados dedican máis tempo e recursos a formárense para poderen emigrar cunha base no idioma do país de acollida?

-O ano pasado notamos unha subida de xente que nos dicía que estaba no paro e que por iso viña á escola. Este ano segue esa tendencia, pero a xente xa non di que se quere formar. Agora quéixase de que subiron as taxas, de que os fillos dos funcionarios pagan... Hai máis restricións e todo iso nótase. Hai moitísima xente que fracciona o pago porque non hai cartos e xa, co paso do curso, cadaquén vai vendo as súas posibilidades, porque os estudantes si que se queren formar, iso está claro.

-Como afecta a subida das taxas? Hai quen queda fóra por non poder facer fronte ao segundo prazo da matrícula?

-Iso non o chegamos a saber até xaneiro que é cando se fai o segundo ingreso. Normalmente a xente paga. A ver este ano...

-Hai alumnos potenciais que non poden vir a clase porque chegados a un determinado nivel, a oferta de cursos redúcese e non atopan un horario compatible coa súa xornada laboral ou de estudos, traballa a escola para arranxar esas situacións?

-O persoal é o o que é e non medra, así que tampouco poden aumentar os horarios. Todos estamos a dar os catro grupos que nos corresponden e, se somos catro, pois haberá 16 grupos. O que se fai é dar continuidade ao alumnado do ano anterior. O ideal para moita xente sería que deramos clase todos a partir das seis da tarde pero non pode ser, porque as instalacións da escola son limitadas. Hai 32 aulas e están todas ocupadas. Non se pode ampliar máis porque somos os que somos, damos os grupos que damos e o espazo é o que é. Este ano abriuse unha sección en Arteixo, ademais das que temos xa en Carballo, Culleredo e Cee. Está claro que, se se abren seccións é porque hai demanda e as prazas cóbrense, pero claro, agás a de Carballo, que ten clases de francés e alemán, as demais só ofertan inglés.

-Cantos alumnos matriculados hai agora?

-Sen contar as seccións de Cee e de Carballo, que matriculan alí, e que os alumnos de español para estranxeiros se matriculan durante todo o curso temos aproximadamente 5.000 alumnos. Estamos un pouco por debaixo das cifras do ano pasado a estas alturas, pero aínda non son datos reais, eu creo que nos imos manter en número.

-Que necesidades ten agora mesmo a escola?

-Un edificio novo. Necesitaríamos outra escola na Coruña porque, a partir das seis da tarde, está todo completo e estamos dando clase nos laboratorios e na aula de vídeo e é moi incómodo. Precisamos máis espazo.

-Aínda que fose fóra da escola, nun colexio ou nun instituto?

-O ideal sería que fose unha escola independente. O que está a ocorrer agora é que se abren seccións en institutos, que supoño que será máis económico para a Consellería (de Educación). Pola demanda que temos precisaríamos máis persoal e máis espazo pero nós traballamos co que temos.