O congreso intercomarcal de UGT A Coruña-Cee vén de elexir a José Carrillo como secretario comarcal logo da fusión das dúas demarcacións.

-Por que o sindicato decide unificar as comarcas de Cee e da Coruña? Que significa este proceso de fusión?

-É para adaptar as nosas estruturas á nova realidade. Nós tiñamos 18 comarcas en toda Galicia e tratábase de reducir este número para sermos máis operativos e para poderlle dar maior cobertura aos delegados e aos afiliados e máis servicios como asesoría xurídica e temas formativos. A idea que estudabamos no congreso foi a de reducirmos un pouco as unidades que tiñamos, que eran moitas e, á Coruña tocounos incorporar a Cee. En total son corenta concellos aos que atende a intercomarcal.

-Cal é o seu obxectivo?

-A unión e o emprego porque é unha comarca cunha taxa de desemprego excesivamente alta, podemos andar nun 14 ou un 15% segundo os datos do INEM e, máis ou menos, un 20%, segundo os datos da EPA. O fundamental para nós, a nivel intercomarcal é intentar cambiar o modelo produtivo, que é o que lle imos demandar ás administracións. Na comarca o sector servicios supón aproximadamente o 74% e o sector industrial un 20% escaso. Aquí hai que atallar o desemprego, hai que adoptar medidas para reducir as cifras de paro que temos. Ese é un dos retos importantes.

-E como se pode fomentar o emprego na intercomarca?

-Aproveitando o porto exterior da Coruña e o polígono de Morás e intentando dinamizar na medida do posible ese tema. O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, puxo en marcha o proxecto Coruña Futura, así que temos que aproveitar ao máximo posible iniciativas deste tipo para atraer investimentos de empresas que supoñan un alto valor engadido, no sentido no que se cambie o modelo produtivo. Ese vai ser o noso reto nos próximos catro anos.

-Rematan as fusión de comarcas coa anexión da comarca de Cee ou prevense máis?

-En principio, as intercomarcas quedan xa así configuradas, porque pasamos de 18 a oito unidades.

-Son as mesmas as necesidades dos afiliados de Cee que as dos que traballan na cidade?

-A situación é máis ou menos a mesma, aínda que na comarca de Cee hai un pouco máis de agricultura e hai problemas concretos, por exemplo cos productos agrarios. No tema do mar está a haber reducións de cotas de pesca. Son problemáticas diferentes das da cidade, pero falamos do mesmo, de cambiar o modelo produtivo e de impulsar o emprego.