-Cal é o motivo de que se constitúa unha Plataforma de Afectados pola Hipoteca en Novo Mesoiro?

-O motivo é que en Novo Mesoiro hai un número importante de veciños aos que se nos retiraron unhas axudas estatais ás que tiñamos dereito cando nos hipotecamos para mercar as nosas vivendas de protección autonómica. Estas consistían en cinco anos de axudas para pagar a hipoteca, con dereito a unha renovación de outros cinco anos en caso de que a situación económica persoal no tivera mellorado demasiado. O Goberno central, en 2012, decidiu suprimir as axudas á vivenda denegándonos tamén a nós esta renovación. É unha aplicación retroactiva que non ten sentido.

-A canto ascendían estas axudas?

-As axudas oscilaban entre os 80 e os 148 euros. Tal e como está a situación económica é unha achega económica importante. Non hai que esquecer que Novo Mesoiro é un barrio de xente moi xoven, cunha grande tasa de natalidade e onde moitos están no paro ou viron caer os seus salarios bruscamente nos últimos anos. A eliminación desta axuda se cadra supón perder un 10% do orzamento familiar co que se conta nun mes.

-Cantas familias hai afectadas por esta situación?

-Aínda que son estimacións, cremos que hai en torno a 300 ou 400 familias. A cuestión é que a renovación non se fai a todos no mesmo tempo. Hai xente que aínda non rematou os primeiros cinco anos, xente á que lle aprobaron a renovación pero non lle dan os cartos, e xente á que lle deron os cartos e logo o Goberno quitóullelos. Tendo en conta que somos en torno a 9.000 residentes no barrio, estamos falando dunha porcentaxe importante.

-Preparan algún tipo de movilización?

-Polo momento queremos gañarnos o apoio dos partidos do Concello e levar a problemática ante o Parlamento Galego e o Valedor do Pobo. Se así non conseguimos nada, non descartamos optar por mobilizarse.

-Cal foi a postura da Xunta?

-Polo momento, a Xunta, que é a encargada de dar o visto bo ás renovacións aínda que quen paga sexa o Goberno central, limitouse a botar balóns fóra e dicir que era responsabilidade de Fomento. Agora contamos cun informe da Defensora del Pueblo, a nivel estatal, no que recomenda ás comunidades autónomas que acepten a entrega das axudas outros cinco anos máis.

-Contemplan recurrir á vía xudicial?

-Si, de feito hai 60 recursos interpostos ante o tribunal do Contencioso-administrativo. Se non damos solucionado isto pola vía política, intentaremos que sexa pola xudicial. Con todo, esta vía segue tendo problemas. Hai afectados que xa non poden acudir a ela porque non presentaron un recurso administrativo cando lles comunicaron que non tiñan dereito á renovación. - tampouco podemos esquecer as tasas, que disuaden a moitos de recurrir aos tribunais xa que podería supoñer un coste de 400 euros.

-Teñen constancia de algún desafuizamento por este motivo no barrio?

-Algún coñecemos, aínda que os afectados non quixeron facelo público. A nivel xeral, somos economías familiares que imos facendo fronte á situación como se pode, pero está claro que isto agudiza a situación de crise que se vive nun barrio cunha poboación xa especialmente afectada.