Necesitan moitas cousas, alimentos, diñeiro, reformar as dúas casas que teñen en Santa Cruz para quitarlle as humidades, leite, un coche, xoguetes... Todo o necesario para que, os que chegan á súa porta, sexan quen de comezar unha nova vida. Ese é o obxectivo da Asociación Benéfica Renacer e, para intentar que estes desexos se fagan realidade, as sete emisoras de radio con programación feita desde A Coruña -Radio Galega, Radio Nacional de España, Radio Coruña-Cadena SER, Onda Cero, Radio Voz, Radio Marca e COPE- prestarán as súas voces e os seus diais para faceren un programa conxunto en nome da solidariedade. Serán máis de vinte xornalistas os que, o vindeiro sábado, 28 de decembro, desenvolverán esta iniciativa poñéndose de cara ao público durante tres horas no auditorio da ONCE, no Cantón Grande. Segundo a Academia de las Artes y las Ciencias Radiofónicas de España, é a primeira vez que emisoras de radio se unen para difundiren un programa conxunto.

As portas estarán abertas desde media hora antes do comezo do programa, que botará a andar logo de que sonen os pitos das cinco da tarde nunha xornada na que a radio estará "máis sa ca nunca", segundo un dos organizadores do proxecto, o xornalista Luis Llera.

A entrada será gratuíta e haberá caixas e petos para recoller doazóns, ben sexa de diñeiro en efectivo ou de materiais e alimentos non perecedoiros. Renacer porá a disposición dos que acudan á cita, e tamén dos que sintonicen o programa por calquera das sete emisoras participantes, unhas contas en La Caixa e Novagalicia Banco, para que poidan darlle unha segunda oportunidade aos que, nun momento das súas vidas, por enfermidade ou por mala sorte, están sen teito, sen comida e sen posibilidade de saíren adiante sen axuda.

Os que queiran poderán tamén adquirir o libro Creemos en la esperanza, de Alfonso García López, no que se contan 25 historias reais de persoas que pasaron polas mans do doutor José Fernández Pernas, fundador de Renacer, e que conseguiron deixar atrás un futuro escuro para "aprender a vivir de novo".

O encargado de "repartir o xogo" durante estas tres horas de radio en directo, nas que se mesturarán as voces que saen dos transistores dos coruñeses a diario, será o veterano xornalista Moncho Viña.

Co paso dos días, as voces da radio irán desvelando os nomes das persoas que colaborarán nesta xornada na que as ondas falarán do mesmo en sete emisoras, de solidariedade e de todo o que se pode facer cando se comparte o que se ten. Pernas lembraba onte que en Renacer precísase de todo e que ese pouquiño que se achegue pode, incluso, salvar vidas. Por exemplo, a dun bebé con intolerancia á lactosa que ten que tomar un leite de 26 euros.