Son lembranzas de verdade, recordos rescatados da memoria das nais e das avoas e un pouco de imaxinación, de xogar a facer real o que por que non? podería ser. Suleiman y Salúa é un libro publicado pola editorial Trifolium en castelán e en árabe. Non só pensando no "público potencial dos países orientais", senón tamén na segunda xeración de emigrantes, aquela que é xa de aquí, pero que non quere perder as súas raíces, as súas orixes, segundo explica o editor Xan Arias.

Suleiman y Salúa naceu das mans do ilustrador Ali Ali, que é sirio e que fixo 21 litografías baseadas na súa nenez, en historias vividas cando era pequeno na súa aldea, Khatounie, mais tamén poñéndolle cara aos personaxes das historias que escoitara tantas e tantas veces, de mariñeiros que se namoran de sereas e de aldeas nas que nunca chove, só cando os nenos llo piden ao ceo.

"Fixo as ilustracións cunha técnica moi antiga, facendo gravados sobre pedras", comenta Xan Arias. Estaban as imaxes, pero faltaba o fío condutor que as unise, para iso, Suleiman y Salúa contou coas verbas de Francisco Xosé Fernández Naval, que foi o encargado de darlles voz aos personaxes que creara Ali Ali.

Suleiman y Salúa presentouse onte na librería Nova Colón (na súa sede da rúa San Andrés), coa presenza dos dous autores, que falaron da obra, das historias que enchen as páxinas do libro, das lembranzas, da importancia da auga nun país no que nunca chove e no que, coma en todos os sitios, os xiros inesperados da vida se enmascaran con lendas, con personaxes que non parecen reais, pero que non hai evidencias que refuten a súa existencia.

A librería Nova Colón programa para hoxe outra xornada de contacontos, esta vez coa presentación do libro Man, o alemán de Camelle, de Beatriz Maceda e Laura Veleiro. A partir das doce da mañá haberá tamén un obradoiro para que os máis pequenos se acheguen á figura daquel home que elixiu a Costa da Morte para vivir e para desenvolver a súa arte. Como Man facía, tamén os nenos poderán pintar pedras e faceren pequenas esculturas. A sesión de contacontos é libre e gratuíta, pero para o obradoiro cómpre reservar a praza primeiro na librería ou ben no Facebook de Nova Colón Libros.