"Conta a última muller de Eugene O'Neill, Carlota Monterrey, que el se pechaba polas mañás no seu estudio e saía pola tarde cunha tensión extraordinaria e os ollos de ter chorado todo o día", apunta Manuel Guede Oliva, director do clásico dramático Longa viaxe cara á noite, estreado no Salón Teatro de Santiago o pasado 22 de marzo.

A obra escrita polo estadounidense, que recibiu un premio Pulitzer a título póstumo pola que se considera a súa peza máis completa, chega esta noite ao teatro Rosalía de Castro a partir das 20.30 horas. O Centro Dramático Galego representa as tráxicas frustracións da familia Tyrone cun elenco formado polos actores Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viétez e Alberto Rolán. O'Neil baséase na súa propia vida para trasladala ao maduro matrimonio dos Tyrone e os seus fillos, Jamie e Edmund.

A medida que o día avanza, a residencia de verán da familia muda nun espazo asfixiante no que comezan a descubrirse os dramas de cada personaxe. "Os actores quítanse as máscaras sabendo xa dende o principio que esa longa viaxe, de só vinte catro horas, rematará nunha vomitona de reproches e un descenso ao inferno", salienta Guede, orgulloso de contar cun reparto "brillante e de altura".

Aínda que O'Neill pedira que a obra non vise a luz ata pasadas varias décadas da súa morte, o Dramaten de Estocolmo celebrou a estrea mundial tres anos despois. Longa viaxe cara á noite tardou pouco tempo en converterse nun clásico interpretado en teatros de todo o mundo por artistas de prestixio. "Intentamos non deshonrar a longa tradición e esa enorme, meritoria e vertixinosa lista de actores e actrices que a defenderon", apunta o director, que eloxia a madurez do teatro galego para producir unha peza destas características. "A madurez do público, artistas e técnicos deben poidamos afrontar retos desta envergadura. De non haber ese tecido, sería necesario aprazar textos como este de O'Neill, de Miller ou de Tenessee Williams. Só se poden facer se se fan ben", conclúe. As entradas poden adquirise hoxe a partir de 6,50 euros no propio teatro.