Un xuíz vén de emitir dúas sentenzas condenatorias contra a Xunta por non ter pagado nin prorrogado as axudas que se lle concedían aos propietarios de vivendas de prezo protexido, logo de que o Goberno central eliminase esta subvención. O maxistrado entende que, aínda que os fondos procedían de Fomento, era a Xunta a que concedía as axudas e a que, logo destas sentenzas -que non son recurribles- terá que pagar as mensualidades adebedadas.

-Que supoñen estas dúas sentenzas para a plataforma de afectados de Novo Mesoiro?

-É un comezo. Nós entendemos que a eliminación das axudas abrangue a todo un colectivo, porque son moitas as familias afectadas, así que, cantas máis sentenzas condenatorias haxa, máis forza teremos para que cambie a lei que está vixente. Queremos que supoña un cambio de mentalidade da Xunta e de Fomento, aínda que somos conscientes de que hai diferentes interpretacións da lei, así que tal e como saíron estas dúas sentenzas condenatorias, tamén as haberá favorables á Xunta.

-Por que se dá esta situación?

-Pois porque non nos aceptaron a demanda colectiva.

-O feito de que os fallos sexan firmes e que contra eles non se poida presentar recurso e que non se perda o tema na burocracia, é un punto ao seu favor?

-É a parte positiva. Nestas sentenzas, o xuíz respalda ás familias que tiñan concedida a axuda pero que non a cobraban, porque entende que a Xunta lles concedeu un dereito e que despois non se fixo cargo del. Para nós é moito máis, porque o que pretendemos é que a Xunta asuma o seu criterio e que faga o que lle están a pedir moitos colectivos e institucións, desde nós até o Valedor do Pobo ou algúns partidos. Queremos que cambie a súa interpretación da normativa.

-Cantos veciños afectados na cidade hai por esta decisión?

-Na nosa plataforma a maioría é veciña de Novo Mesoiro. Sabemos que hai pisos de protección en Eirís pero non temos constancia da súa situación. Despois, hai en O Carballo, en Oleiros, unhas vivendas de prezo protexido. Afectados hai moitos pero non todos decidiron pleitear. Algúns porque se lles pasou o prazo e non se decataron e perderon o seu dereito a reclamar, porque hai que ir ao xulgado, facer un recurso... En Novo Mesoiro somos unhas 300 familias afectadas. Na rúa Ribeira Sacra, por exemplo, hai catro portais de vivendas que non perciben a axuda.

-E demandas presentadas, cantas hai?

-Non temos tantas, haberá unhas sesenta, porque cadaquén ten que facer a petición de renovación cando lle toca, no último ano da axuda. Hai que presentar un recurso de alzada logo cómpre esperar tres meses para ir ao Xulgado... Vai pouco a pouco.

-A canto ascendían estas axudas?

-Entre 80 e cen euros ou cento e algo. Visto así non é moito pero son entre mil e 1.200 euros ao ano e para un mileurista é un salario ou algo máis, que lle daba algo de respiro e que, ao non telo, si que se nota. Ademais, agora hai moita xente no paro. O peor é que non se ten en conta a situación dos afectados. Denégaselles a axuda e xa está, sen mirar se teñen traballo ou se quedou sen el. Outra cousa da que se queixa moito a xente é de que perdemos as axudas pero mantemos todas as obrigas que tiñamos ao mercarmos a vivenda.

-Que obrigas teñen?

-Pois eu, por exemplo, teño unha hipoteca a vinte anos, que non podo cambiar. Teño que estar dez sen poder alugar ou vender a vivenda. Se quero vendela téñoo que facer a través da Xunta, non podo renegociar a hipoteca, non podo amortizala no caso de que puidese facelo... Son moitas obrigas. De súpeto, quitáronnos a axuda e quitáronnos todo porque nen sequera nos dan un tempo para que poidamos repoñernos e respirar un pouco. Penso que, se nos quitan a axuda, deben deixarnos libres para facermos o que queiramos co piso,

-As cotas que pagan, son máis baixas cas dunha vivenda mercada, por exemplo, este ano?

-Hai tres plans e foron subindo co paso dos anos. Agora estamos pagando por enriba do Euribor. Nós pagamos a 2,98 e o Euribor está a 0,60. Os que gañan son os bancos, porque gañana máis cos xuros. É algo que a nós nos indigna.

-Que farán se a Xunta non prorroga as axudas e non paga?

-Pois iremos ao xulgado. Estivemos recibindo cartas de institucións que nos apoian -como a da Defensora del Pueblo, Soledad Becerril- e solicitámoslle á Xunta que modifique a interpretación da lei. Estivemos no Parlamento e pedímoslles a todos os partidos que elaborasen unha iniciativa; todos aceptaron menos o Partido Popular, que non dixo nada. Un político fíxonos unha valoración e dixo que repoñer as axudas en toda Galicia podería costar uns tres ou catro millóns de euros. Se temos en conta o orzamento da Xunta, esta cifra é mínima. Non entendemos a negativa a restauralas cando van a persoas que non chegan a fin de mes. Despois veñen pedir o voto, iso si...

-Podería pagar a Xunta con fondos propios estas subvencións, á marxe de Fomento?

-Nós cremos que é quen se debe encargar de pagar, como fixo Castela e León, o que non sei é se abona os prazos ou non, pero si que se responsabilizou da subvención.

-Hai xente xa no barrio vivindo situacións complicadas a consecuencia desta eliminación?

-Si, o que pasa é que non toda o di, porque lle dá vergoña, aínda que non sei por que, porque nós somos unha plataforma que intenta axudar. Hai xente que xa está a vivir na casa dos pais para poder facerlle fronte á hipoteca e no barrio hai xa varios contadores da luz cortados, iso quere dicir que nas casas non vive ninguén, porque hai moito paro e as prestacións acábanse. Non é a maioría, pero hai quen está a intentar alugar a vivenda, aínda que non sexa legal facelo, para intentar saír do paso.