A federación de asociacións veciñais presidida por Luisa Varela volve perder un dos seus membros, Agra do Orzán. A xunta directiva tomou onte a decisión ao "non sentirse representada". Aínda que din que non é una situación de non retorno, anuncian que "hoxe por hoxe", están fóra e así o comunicarán á federación. A crise faise máis fonda tras o abandono, no último mes, de Monte Alto, Novo Mesoiro e A Gaiteira-Os Castros, a baixa de As Xubias hai catro anos, e a ameaza de expulsión por impagos de Barrio das Flores, Oza-Urbanización Soto e Río do Canal, de Carral.

A directiva da asociación da Agra do Orzán explica que comezaron a considerar a súa marcha cando se convocou a asamblea do pasado 11 de abril, na que se escollería unha nova directiva. Enviaron como representante a un dos seus membros, aínda que, comentan, os candidatos "nin se puxeron en contacto" con eles. "Non os coñeciamos", aseguran.

O colectivo quería aproveitar a asamblea para plantexar dous temas: animar á federación a incorporarse á plataforma contra as obras da Mariña e apoiar á plataforma en defensa do dereito ao aborto, das que forman parte. Sinalan que, previamente, intentaran pórse en contacto coa federación por estes motivos e que quedaron esperando unha resposta sen éxito.

Os veciños de Agra do Orzán relatan que, chegado o día a asamblea de abril, non lle deron ao seu membro "nin 15 segundos" de quenda de palabra, algo que "non é de recibo", denuncian. "Houbo tres votacións", relatan: unha a favor de incorporarse á plataforma en contra da Mariña, una que vetou a incorporación da Fronte Cívica á plataforma da sanidade pública, e unha terceira que aprobou que, de dar o sí á Fronte Cívica, a federación sairíase da mesma plataforma.

A entidade da Agra do Orzán cren que non se está a defender "o movemento asociacionista". "Se mesmo ao longo da asamblea confundiron Fronte Cívica con Foro Cívico", argumentan. "Non nos sentimos representados nin sentimos que sexamos do seu interese", engade a asociación, que se chegou a poñer en contacto con outros colectivos porque lles gustaría "formar parte dunha federación". "Se non é esta é outra", din.