As melodías, influencias e instrumentos que compoñen o último traballo de Ulträqäns resúmese coma un "speed folk psicodélico dance escachístico", segundo recoñecían entre risos os seus integrantes durante a presentación do concerto desta noite. Desa primeira achega celebrada onte no Garufita, Uträqäns desprázase esta noite ás 22.30 horas a nova sala Garufa Club (Comandante Barja, 5), onde estrearán o seu segundo disco cunha actuación en directo á que se sumarán os vigueses da Banda de Andrelo e colaboradores como Leo i Arremecághona!.

O disco supón un novo chanzo na carreira do grupo despois de tres anos do seu anterior traballo, cunha "evolución e mellora" que os seus membros queren ratificar. "Era o momento de gravar o segundo álbum, abrindo outras portas e facendo algo coidado", sostén o gaiteiro e frautista Aarón Bouzón. O novo disco mantén a esencia, aínda que deixa un lixeiro espazo para o acougo tralas incorporacións do saxo de Pablo Añón e a guitarra de Manu Seoane. O cantante e percusionista Fran Amil tamén valora o deseño artístico realizado polo ilustrador Javi Prieto para os debuxos que acompañan este traballo. "É unha parte fundamental do universo Ulträqänido", eloxia Amil.

Dezaseis temas artellan Ulträqäns II, con dúas versións ao mítico Teknotrafikante popularizado polos Papaqueixos e agora reconvertido en Tecnopresidente. "Esta canción é unha bandeira interxeracional", salienta Fran Amil, que formaba na banda coruñesa xunto a Antón Díaz. O protagonista deixa de ser Sito Miñanco para, nesta ocasión, pasar a testemuña ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao contrabandista Marcial Dorado. O humor, a retranca e a verbena copan as letras deste álbum, cunha Maruxiña que deixa de bailar co seu amor para se converter nunha Matriusqä que fai o propio cun Kalashnikov. Ou mesmo rebautizar ao heroe infantil Bob Esponxa por Punki Esponxa, un protagonista asiduo á barra do bar e mal pagador.

O concerto desta noite enmárcase tamén nas celebracións polo vinte aniversario da primeira xuntanza bravú en Chantada. Un dos fundadores do xénero, o diplomático Xurxo Souto, prologa o disco advertindo ao público de que o único xeito de espantalos "é con aplausos, porque cando tocan convocan dun xeito absolutamente carnal o trasno da música". No Garufa citaranse seguidores de toda Galicia, ademais de varios artistas que colaboraron no disco e que poderán subirse ao escenario para acompañar a banda.

A trompeta de Manuel Paino, a voz de Sara Vázquez, a gaita de Xan Xove ou a mandolina de José Catoira aparecen neste segundo disco, con Leo i Arremecaghona! facendo a introdución de Tecnopresidente. Mención a parte merece o Coro da vicepresidencia, no que varios mecenas do disco póñeno seu talento. Este era un dos premios que a banda entregaba aos mellores inversores na súa campaña de crowdfunding, que permitiu a autoedición e producción do disco. Bouzón conclúe que a música de Ulträqäns é a mestura entre o folk europeo "metido con serrucho bluseiro", con carácter punk e importancia da gaita.

"O faino ti mesmo", coinciden os músicos, que ven neste traballo un "punk en versión 5.0". O son resultante semella o dunha gran orquestra, con guitarras, baixos, saxos, melódicas, baterías, EWIs, cunchas ou pandeiros. Instrumentos de onte combinados cos de hoxe para o ese punk tan galego que só pode responder ao nome de bravú. Unha música con reminiscencias aos noventa que semella vivir un novo auxe vinte anos despois da súa irrupción.

As entradas están a venda por sete euros, con promocións especiais para adquirir álbums e camisetas da banda. A apertura de portas será a partir das 21.30 horas.