-Como afronta a Universidade o inicio do curso cando cumple 25 anos da súa fundación?

-O que queremos facer é aproveitar que cumpre 25 anos a publicación da Universidade da Coruña no Diario Oficial de Galicia (o 29 de agosto de 1989) para celebralo durante todo este curso, pero tamén para debatir, para reflexionar e para analizar a institución.

-Conta a Universidade cun orzamento específico para estas celebracións?

-Estamos niso e imos ter un orzamento especial. Estamos recabando colaboración de institucións e empresas, para que nos acheguen fondos e temos boa acollida.

-Desde aquel 29 de agosto de 1989 fixéronse moitas cousas, pero noutras seguimos igual, como coa residencia universitaria.

-Isto é algo continuo e estamos evolucionando e movéndonos para tratar de mellorar este servizo público. Co tema da residencia, non puido ser a opción que tiñamos escollida dun edificio en Elviña porque o Goberno autonómico retirou a partida económica dos orzamentos, a crise axudou a que iso non seguise adiante, pero seguimos a traballar noutras alternativas máis viables. A Xunta cedeunos un edificio en Ferrol e, inmediatamente, acondicionámolo para residencia. Queremos unha solución dese tipo para A Coruña tamén. Estamos a buscar as ubicacións.

-Hai algún edificio no que pensaran xa?

-Si, hai algúns, claro, pero non debo dicir cales son.

-Que feitos resalta destes primeiros 25 anos de vida Universidade e que retos cre que lle quedan á institución?

-Destaco o grande avance que supuxo para facer efectivo o principio de igualdade de oportunidades e que a xente puidese acceder ao ensino superior nos grandes núcleos de poboación e no seu contorno. Iso puídose facer realidade na Coruña grazas á Universidade, porque o que realmente encarece é a residencia e o mantemento se te tes que desprazar a outra cidade e non tes bolsa para eses gastos.

-Esa igualdade de posibilidades vai a menos cos recortes nas bolsas e o aumento das taxas...

-Por iso temos que ser máis belixerantes. Primeiro foi o decreto de taxas de 2012, e o repago dun servizo que xa financiamos cos nosos impostos. Despois veu o decreto de bolsas, onde se lles pedía aos bolseiros que tivesen mellores resultados académicos que o resto de estudantes. Nos orzamentos dos tres últimos anos está a taxa de reposición do 10% para renovarmos o profesorado. De cada dez so podemos renovar un. Témoslle que pedir autorización á Xunta para facermos contratacións temporais, aínda cando a Universidade, constitucionalmente, é autónoma. Cada vez estamos máis intervidos, non só financeiramente senón tamén organizativamente. Eses si que son pasos atrás. No outro lado da balanza, nunha enquisa que saíu hai pouco, os profesionais mellor valorados pola cidadanía eran os investigadores científicos; despois estaban os profesionais da sanidade pública e os profesionais no ensino público. Aí ves que a cidadanía non queremos que iso que apoiamos perda calidade. Falta o seguinte paso, que é ser coherentes e convencer aos gobernantes de que invistan máis en investigación, coñecemento e formación.

-Nese punto a Universidade estaba xa o ano pasado.

-Isto é unha carreira de fondo e hai que seguir argumentando e insistindo na parte positiva. A cidadanía segue aí e, en calquera momento tense que producir o cambio. Non son os máis ricos os que máis invisten en formación e educación senón que son máis ricos os que máis invisten. Hai agora un mantra que di que o problema da educación non é o investimento, que investimento hai, senón que falla a calidade. Non, porque se nós temos que facer o mesmo que os outros coa cuarta parte do diñeiro, que pasa? Son os alemanes ou os estadounidenses tan parvos como para necesitaren catro veces máis investimento ca nós para facermos o mesmo? Canto máis cualificada estea unha persoa máis libre será para vivir neste mundo e poder optar libremente a buscar solucións. Todo o que se faga pola educación, pola formación e o coñecemento, é pouco. É desalentador que os orzamentos do Real Madrid ou do Barcelona sexan superiores aos que dedica o Estado á investigación.

-O ano pasado iniciouse con mobilizacións e protestas, este ano parece que vai ser máis tranquilo.

-O ano pasado estaba moi recente a aprobación dos decretos de taxas e bolsas, estamos a sufrir as consecuencias destes dous ou tres últimos anos. A situación está cada vez máis no límite. Temos insuficiencia financeira e agora temos que empezar a falar do novo sistema de financiamento do sistema universitario. Ou a Xunta pon máis diñeiro sobre a mesa ou non poderemos mellorar. Dixeron que as medidas eran coxunturais, porque a crise estaba mal, agora que din que vai mellor, terían que ser consecuentes e retirar esas restricións. Iso lle pedimos constantemente para os orzamentos de 2015. No mes de setembro e do outubro que é cando se empezan a falar estas cousas é cando teñen a oportunidade de seren consecuentes e poden retirar esas medidas que eles dicían que eran coxunturais, non vaia a ser que se convirtan en estruturais. Entón, si que estariamos a falar doutro planteamento ideolóxico, de atacar ao público.

-Que tamén pode ser, non?

-Hai bastantes pistas de que pode ir por aí a cousa. É algo que xa fixo o Fondo Monetario Internacional en Latinoamérica nos noventa, cando deseñou a receita tan simple e eficiente de desprestixiar, desregular e privatizar os servizos públicos. Coinciden os analistas con que o servizo público de sanidade e o ensino superior, parece ser un nicho de negocio importante. Temos dereito a eses servizos, xa pagamos por eles cos nosos impostos. Algúns din que podemos poñer unhas matrículas progresivas para que paguen máis os que máis teñen, peronon é na matrícula onde hai que aplicar ese criterio, senón na imposición fiscal. Un tema que tamén é case crónico é a fraude, quedan sen recadar 100.000 millóns de euros anuais. Con eses cartos, non habería nin déficit público nin habería problemas nos servizos públicos. Ten que haber un cambio. Agora estamos nun estado de excepción e cada vez a situación é máis insostible. Temos que ser perseverantes para convencermos aos gobernantes de que muden estas políticas de recortes e repago.

-E como os convencemos?

-Con argumentos. Hannos de escoitar, porque cando hai eleccións non teñen máis remedio que facelo. Somos nós os que votamos e parece que algo cambia.

-Cre que pode vir o cambio da man destes gobernantes?

-Ten que vir da xente moza, da que se prepara nos institutos e universidades porque, precisamente, teñen a oportunidade de reflexionar e seren críticos.

-Os mozos emigran.-

-É certo, porque non temos ningún tecido industrial nin tecnolóxico que absorba ao persoal cualificado que sae das nosas universidades, daquela, temos que aproveitar ese talento, porque van innovar nas empresas nas que estean e van facer que sexamos cada vez máis competitivos e que creemos riqueza e máis emprego.

-Habería que mudar de Goberno para conseguilo?

-Non é un problema de persoas senón de políticas de Goberno. O que hai que cambiar é a política de investimento en formación e investigación, como fan os países máis desenvolvidos. Ten que haber ese cambio. É o paso que falta. A sociedade está convencida e o discurso dos responsables dos poderes fácticos tamén vai por aí. Ten que haber máis empresarios e políticos que aposten polo coñecemento, pola formación e a educación.

-O reitor de Santiago anunciou xa a aplicación de medidas "duras" para reducir a débeda da Universidade.

-Afortunadamente, nós non temos débeda. Foi unha decisión que tomamos en 2004, que non nos iamos endebedar polo gasto corrente ou por algo que non poideramos solucionar en pouco tempo. Daquela non sabiamos que había de haber unha crise financeira. Agora non temos que devolver nada nin pagar xuros, que é terrible.

-Neste curso asinaron un convenio co Concello.

-Si, permitiunos solucionar o asfaltado do campus de Elviña. Non está resolta aínda a titularidade dos viais.

-Prevén facer algún investimento en edificios o próximo curso?

-Non, hai que acabar o que se empezou, pero meterse con obra nova, agora non é razonable.

-Por que a Universidade nunca está ben situada nos rankings

-Isto débese á súa estrutura e historia. Vimos dunha Universidade con gran presenza de escolas universitarias e os profesores non eran doutores, daquela, necesitamos que esa xente se doutore e que mellore a actividade investigadora da Universidade. Levamos traballando varios anos para que o noso profesorado sexa, de cada vez, máis investigador. Saímos onde saímos e cada clasificación ten os seus criterios. A Universidade sempre fixo un esforzo importante para abrirse ao maior número de estudantes posible. Cando outras universidades poñían numerus clausus moi baixos, nós non. Iso lévanos a sermos a Universidade peor financiada por alumno. Non nos preocupa, xa iremos mellorando.

-Que futuro teñen as titulacións con poucos matriculados?

-Fixémoslle unha proposta á Xunta que aceptou, para poñer cursos comúns en titulacións diferentes, para contabilizar os estudantes de entrada coma dun mesmo grao. Isto está solucionado en Filoloxía. Estamos facendo os cambios para unificar Documentación e Humanidades, pero o cambio está a ser máis complicado porque o número de preinscritos segue a ser baixo. Hai que facer un plan de viabilidade da titulación para non perdela.

-Hai posibilidade de aumentar o catálogo de graos?

-Non me parece o momento axeitado para aumentar a oferta porque está a saír aínda a primeira promoción. O cambio foi importante e agora precisamos tempo para avaliar, para ver que hai que correxir para mellorarmos esta oferta. O que si estamos a facer é un esforzo importante para ofrecerlle aos estudantes docencia en inglés porque iso favorece a internacionalización da Universidade, tanto para captar estudantes de fóra como para que marchen os nosos. Este ano tivemos a Escola Internacional de Verán, que foi exitosa, os 180 estudantes marcharon contentos e falarán nos seus países da Universidade da Coruña. pensamos que imos seguir con ela para seguir atraendo estudantes estranxeiros ademais dos erasmus. Nos mestrados, que son máis flexibles, si que adaptamos a ofeerta e aí optamos por colaboracións con outras universidades.

-E no caso de Medicina hai algún avance respecto ao 2013?

-Está todo igual, seguimos apelando á cooperación. Este ano tiña esperanzas de ter algo que contar. Igual dentro dun mes cando se reúna a comisión de docencia clínica podemos dar algún pasiño.