A iniciativa cidadá Marea Atlántica prosegue o seu proceso constituínte despois de acadar o apoio de 2.500 asinantes, o mínimo fixado para lanzar unha candidatura municipal que será revalidada na Marea Viva, a asemblea xeral que celebrará en novembro. A plataforma convoca este sábado na Coruña a todas as forzas "cidadáns que busquen a confluencia" xurdidas trala aparición da Marea.

-Nos últimos días apareceu o manifesto Somos Maioría

-É un proceso paralelo, con puntos de encontro pero noutro sentido. Está vinculado, sobre todo,a xente do nacionalismo que comeza a pensar na cuestión municipal. Nós dirixímonos máis a xente que, a partir do noso manifesto ou doutras iniciativas que están xurdindo en diversas partes, séntense interpeladas para construír candidaturas de confluencia e de liderado cidadá.

-Son excluíntes ou poden ambas acollerse ambas baixo o mesmo paraugas?

-Obviamente, hai unha melodía similar. Moita xente en vilas e cidades cre que hai que organizarse para devolverlle o poder a cidadanía, sen que nos siga gobernando o bipartidismo. Nós empatizamos con eles, de aí o carácter singular que lle pretendemos dar a Marea Atlántica co protagonismo da xente. A confluencia debe ser un espazo no que estea todo o mundo, aínda que é importante garantir ese protagonismo de persoas que están no tecido social pero que non ten por que estar organizada nun partido.

-Que leva a organizar este encontro de forzas?

-Parécenos que é necesario ter un primeiro contacto e non acelerar as cousas, cada quen ten as súas singularidades e iso precisa tempo. Este encontro ten dous obxectivos fundamentais. Cando visualizamos que xurdían diferentes plataformas, e moitas delas que se referencian na Marea, pareceunos necesario buscar un espazo de encontro. Por outra parte, asistimos a un réxime político que baleirou completamente de atribucións aos concellos e dificultan a participación de todas aquelas iniciativas desenvolvidas por partidos non tradicionais.

-Nas deputacións provinciais?

-Non só nas deputacións, o deseño institucional dificulta enormemente a participación das plataformas cidadás. Por iso nos parece importante empezar a buscar mecanismos para facelo colectivamente.

-Sorprendeu que en Galicia xurdiran iniciativas semellantes á Marea?

-É evidente que nós non inventamos nada, a demanda está na sociedade. Honestamente, non nos sorprendeu, alegrounos. Foi a constatación de que existe esa pulsión en moitos sitios. Cando lanzamos a Marea fixémolo de xeito ambicioso, no ámbito municipal, pero que puidese servir como ferramenta que adaptar a outros lugares.

-Que expectativas teñen para este encontro?

-É un momento de coñecernos para nos poder organizar. A partir de aí, veremos como traballar en todas os elementos que fornecen o carácter democrático destas iniciativas.