A empresa Torus vén de ser seleccionada pola Unión Europea para participar nun programa de axudas a proxectos altamente innovadores. A compañía naceu no seo da Facultade de Informática da Universidade da Coruña.

-Que é o que fai Torus?

-O noso proxecto é a comercialización de tecnoloxías da comunicación ultrarrápidas. Todos os ordenadores teñen un protocolo TCPIP, que é moi popular porque é o que usa internet, pero para entornos de informática empresarial ten bastantes limitacións. Na Universidade da Coruña deseñamos un novo protocolo até corenta veces máis rápido para empresas ou entornos corporativos. Baseándonos nesta tecnoloxía podemos reducir o tempo de resposta das aplicacións informáticas. Por exemplo, nunha web na que estás a facer unha compra, se fas un clic e tes que esperar uns segundos para que ese produto entre no teu carriño é polo lentas que son as conexións internas. Coas nosas solucións todo vai máis rápido.

-En que momento está o proceso, estano desenvolvendo ou a axuda é para comercializalo?

-É para continuarmos a facer probas piloto. Xa temos os primeiros clientes entre os que hai bancos de investimento británicos. Con esta axuda o que poderemos facer será termos máis recursos para presentar a nosa tecnoloxía.

-Canto tempo levan traballando neste proxecto?

-O proxecto comezou coa miña tese doutoral hai doce anos e levamos traballando na Universidade desde o 2012. A Fundación Barrié apoiounos con preto de medio millón de euros para a comercialización do produto, para falar con clientes e para facer pilotos e para desenvolver o negocio. O ano pasado constituímos a empresa porque xa había potenciais clientes que querían comprar unha licencia de tecnoloxía e o escenario que había era unha Universidade que tiña un proxecto moi interesante pero querían que fose unha empresa a que lle dese o soporte e a que fixese negocios con eles. O que fixemos recibiu varios recoñecementos.

-Cantas persoas traballan neste proxecto?

-Somos dez en plantilla e en total uns vinte porque contamos que se fai aínda na Universidade.

-Por que se presentaron ás bolsas Horizonte 2020?

-O Horizonte 2020 é o programa de I+D+i da Comisión Europea e unha das liñas que busca é o apoio ás pequenas e medianas empresas altamente innovadoras, que teñan ambición local e que teñan tecnoloxías disruptivas. As empresas tanto americanas como chinesas acceden a mercados máis globais e teñen acceso a un financiamento máis sinxelo. As empresas europeas temos máis dificultades nas fases iniciais, polo que a Unión Europea decideu apoiar estas iniciativas para ver se xorden Facebooks ou Googles aquí e non que veña todo do outro lado do charco. Buscan que non sexamos uns meros importadores de tecnoloxías. En gran parte dos casos, a teconoloxía desenvólvese na fase inicial en Europa pero despois explótase desde compañías americanas. O programa está dividido en tres fases: na primeira apoian con até 50.000 euros para un plan de negocio cuns obxectivos que marca a Unión Europea. Na segunda fase achéganse as necesidades financeiras e hai entre dous e catro millóns de euros e a Unión Europea subvenciona a fondo perdido até dous millóns de euros. Na terceira fase intervén xa o Banco Europeo de Investimentos que apoia ás empresas nesta fase na que hai tamén achegas de inversores de capital risco ou inversores institucionais interesados no crecemento do proxecto.

-Se non for por esta axuda, poderían seguir co proxecto?

-Hai outras axudas dispoñibles o que pasa é que este programa prima as compañías que considera excelentes e axúdalles a acelerar o seu crecemento e a súa madurez para ver se a tecnoloxía é válida para o mercado ou non. Queren que non se perda o tempo. O noso plan era seguir co proxecto e ir medrando pouco a pouco, así tardariamos catro ou cinco anos en chegar a un nivel que, coas axudas europeas temos que alcanzar antes. En seis meses temos que ter un plan de negocio con probas piloto desenvolvido e temos un ano e medio ou dous anos para facermos o proxecto.