-Cando comeza o movemento do reintegracionismo?

-O reintegracionismo como movemento organizado comeza en 1981-82, coa fundación da Associaçom Galega da Língua (AGAL). O que acontece é que a idea de que o galego e o portugués son a mesma lingua e que, en consecuencia se deben escribir igual, estaba presente desde os propios comezos do galeguismo político e cultural. Hai moitas cousas que a xente descoñece sobre os conflictos ortográficos que se tiñan durante o periodo de preguerra e no Partido Galeguista, mesmo anteriormente. Na Coruña, o que era a Cova Céltica ou a Liga Gallega, a maior parte dos seus representantes, como Murguía, Tettamancy ou Eduardo Pondal, eran defensores dunha ortografía próxima ao galego-portugués. Acontece que ese discurso foi históricamente silenciado polas elites e o poder do ILG e a RAG.

-Que distingue ao reintegracionismo de preguerra do actual?

-Na idea de que o galego e portugués forman parte do mesmo tronco lingüístico non hai diferenzas. Iso chegouno a defender un Filgueira Valverde nas páxinas da Fouce antes de 1936. A diferenza é que, se agora o reintegracionismo xa escribe na normativa AGAL ou na normativa portuguesa, no seu día eran poucos os galeguistas que daban o paso a escribir cunha ortografía próxima á portuguesa. Hai exemplos, como o de Xoan Vicente Viqueira ou Correa Calderón, que si que deron ese paso e propugnaron en A Nosa Terra que había que escribir na grafía que definían como "etimolóxica", pero despois eran poucos os que daban o paso.

-Tiveron importancia as teses do reintegracionismo entre os galeguistas da Coruña?

-Si, eran fundamentais. Estamos falando da Cova Céltica e da Revista Gallega, que era a revista máis importante do rexionalismo na altura e na que se daban algúns dos debates ortográficos máis importantes do momento. Son persoas como Manuel Murguía ou Antón Vilar Ponte. O que acontece é que o que eles dixeron sobre a lingua galega aparece ocultado ou minusvalorado na maior parte do discurso do galeguismo. No seu día, os etimoloxistas eran a corrente máis importante do nacionalismo galego, xunto coa tradicionalista, que representa Alfredo Brañas.

-Por que pensa que este movemento non se estuda nas escolas e nos libros de historia da lingua?

-A maior parte da historiografíado galeguismo está construída por historiadores que deron máis énfase á historia política. Polo tanto, o que é o discurso cultural e de lingua non recibe tanta atención, a pesar de que o nacionalismo de preguerra é eminentemente cultural e lingüístico. O que acontece despois de 1982, cando se elabora unha normativa separadora que deixa fóra aos lusistas, é que o isolacionismo -os defensores de que o galego é unha lingua distinta do portugués- constrúe unha historia da lingua galega onde todos os autores da época anterior son membros da súa corrente. E isto non foi así.

-A que outros autores se lles ocultou a súa postura?

-Por exemplo, Eduardo Pondal chegou a dicir que el era un etimoloxista 'sin eufemismos nin rodeos'. Mesmo Murguía, primeiro presidente da Real Academia Galega, chegou a defender que os galeguistas debían seguir a normativa propugnada polos portugueses. Pero o isolacionismo, ao detentar o poder e a autoridade en materia lingüística, construíu a súa propia historia e o reintegracionismo pasou a estar moi marxinalizado.

-Que consecuencias tivo para o galego a vitoria das teses que apostaban porque galego e portugués eran linguas diferentes?

-Supuxo que nos separamos do ámbito ao que pertencemos históricamente, que é o ámbito galego-portugués. Que no seu día se aprobase unha normativa confluente co portugués axudaría a desmontar esa idea de que co galego non se vai a ningunha parte, como defende algunha xente. Isto era o que defendían os galeguistas, que o galego é a segunda lingua románica máis importante do mundo e que con ela podemos comunicarnos cunha potencia como o Brasil. Perdeuse un tempo moi valioso que axudaría a que a xente percibise a utilidade do galego a nivel comunicativo.

-Este ano aprobouse a lei Paz-Andrade

-É unha lei moi interesante pero o importante é que non fique en papel mollado e que haxa compromiso dos políticos. Sería moi importante permitir que o portugués se ensine nos institutos.