Ermitas Valencia é a única edil do BNG que non ocupará ningún posto de saída na lista nacionalista para as próximas eleccións municipais. A súa marcha da primeira liña pon fin así a doce anos de traballo como concelleira en María Pita. Porén, garante que continuará a colaborar co novo grupo municipal do Bloque.

-Significa esta saída da lista a fin dun ciclo político persoal?

-O que pecho é un ciclo como representante do BNG. Doce anos xa son suficientes, estando polo medio no Goberno local e agora no oposición, pero desde logo non é unha espantada. Non vou deixar de traballar a nivel local no BNG nin de colaborar co novo grupo municipal, que eu creo que é fantástico e ao que vou botar unha man sempre que mo pidan.

-Foi unha decisión persoal a de non repetir como membro da lista en postos de saída?

-Foi persoal, evidentemente, pero tamén moi necesaria. Os cargos de representación pública non son para toda a vida e hai que dar paso a xente nova, diferente. Pero eu non vou deixar de facer traballo político no BNG.

-Tivo algo que ver o feito de que fose chamada como testemuña pola xuíza instrutora da operación operaciónPokemon

-Non, en absoluto. Esta é unha decisión que teño tomado hai moito tempo. Levo tres lexislaturas e pareceríame un exceso seguir unha cuarta. Que se me chamase como testemuña é unha cuestión puntual que non ten que ver con esta marcha.

-Tras tres lexislaturas, botará en falta a vida institucional?

-Este cambio cólloo con moita ilusión porque, máis alá de doce anos de concelleira, tamén levo vinte anos militando no BNG e penso que a militancia ten moitas outras variantes ademais da de representante institucional. Estou ilusionada por poder adicarlle máis tempo a outros temas que tamén son moi necesarios.

-De todos estes anos como concelleira, tanto da oposición como do Goberno, que é do que se sinte máis orgullosa?

-Téñolle especial cariño a varias iniciativas que desenvolvimos desde a área de Mocidade, como puideron ser as salas de ensaio. Son iniciativas que o propio PP non puido mudar e coas que seguen facendo prácticamente o que deixamos marcado. E despois, destacaría o avance, aínda que fose pequeno, no tema do idioma. Fixéronse cousas que deixaron pouso.

-Como ve as próximas eleccións municipais para o BNG?

-Hai grandes incertidumes porque aínda non sabemos cantas candidaturas haberá. Eu son optimista con respecto ao BNG da Coruña porque temos a Xosé Manuel Carril, que con diferenza é o mellor candidato a alcalde. É unha persoa sobradamente preparada e estamos nun momento no que a lista combina esa experiencia de saber o que é estar na institución e saber cara onde cambiar as políticas municipais. É certo que o nacionalismo non está nos seus mellores momentos e esa é outra cara da moeda precisamente. A reivindicación soberanista aínda é pequena no noso país, mais sigo acreditando en que debemos seguir por esa liña.

-Que analise fai destes case catro anos de goberno do PP?

-Paréceme a política feita desde o típico grupo de novos ricos que nunca colleu un libro e que pensa que do que se trata é de gastar e parecer que somos o que non somos mentres Cáritas nos saca as cores cos índices de pobreza. Precisamos un cambio radical en como se gastan os cartos e temos no Parrote un bo exemplo.