Cinco da madrugada dunha xélida noite de novembro. Decenas de coches da Policía Local, a mesma que acudía ao taller de Álvaro Corral a solucionar incidencias varias ou simplemente charlar. Organizaban un dispositivo policial tan desmedido como vergoñento para sitiar o barrio de San Vicente de Elviña e expulsar forzosamente á familia de Álvaro e Isabel do seu fogar.

O implacable avance dunha cidade construída ás costas dos seus habitantes, simples números en balances orzamentarios, molestias humanas para o mandato da riqueza duns poucos.

Esa mesma implacable cidade que devora San Vicente de Elviña expulsando persoas do seu fogar, sen outra alternativa que a compensación económica e material como se unha vida de lembranzas, vivencias e afectos puidera reducirse a un simple valor monetario. Atópase detrás dun avance urbano so posible a través da aplicación excesiva da forza ilexítima dos corpos de (in)seguridade e a avaricia desmedida de constructoras, políticos e promotoras do capital que nos desangra diariamente.

Coruña crece, Elviña desaparece, reza unha das pintadas á beira do Campus Universitario. Epitafio premonitorio. Volta ser actualidade a cidade da Coruña en todos os medios de comunicación do Estado por un desaloxo, como xa o fora con Aurelia Rey, Elisabeth Sanlés e agora Isabel e Álvaro. A vergoña das políticas municipais que durante 30 anos non se preocuparon o mais mínimo polo dereito á vivenda (non confundir co dereito á propiedade). Nin polo dereito á cidade, pero si pola garantía da especulación dunha urbe artificial que borra os vínculos e lazos barriais, que cercena a natureza e implanta a dictadura do cemento en nome do aforro e do falso progreso.

O mesmo día que unha excavadora destruía mais de medio século de historia viva en San Vicente de Elviña, Carlos Negreira, alcalde da Coruña, encendía o alumbrado de Nadal rodeado de nenos. Indiferente á política da barbarie que oculta as vivendas sociais. Complacente coa corrupción que anida en María Pita. Distante dos milleiros de corpos e voces que ao longo dos últimos anos protestaron e conquistaron a dignidade que o concello teima en agasallar ao mellor postor, nunha subasta da riqueza privada tan obscena como improcedente.

Millóns de euros soterrados baixo unha falsa necesidade habitacional chamada parque ofimático cando 20.000 vivendas apodrecen baleiras na cidade. Cando o único que se garante por lei é o desaloxo e o desafiuzamento e non o benestar e a vivenda. Cando un dispositivo policial que agrede aos habitantes dun barrio, colapsa unha cidade e fachendoso sorrí expulsando a unha familia do seu fogar. Nese xusto intre, acontece o agromar da forza colectiva en forma de empatía e solidaridade. Claxons de apoio dende Alfonso Molina, voces de rabia e dor dun barrio sitiado pola especulación e destruido pola avaricia do beneficio privado e o benestar egocéntrico.

A inxustiza lexislada convírtese no motor da nosa xustiza conquistada. A súa cidade especulativa e corrupta, na nosa desobediencia organizada. E nos despachos do concello, ao berro de "Elviña será o novo Gamonal", a forza do barrio e da cidade mostran os días que quedan para que a cobardía e o medo dos que gobernan para sí mesmos sexa un mal recordo do pasado.