-Este mes envían aos partidos políticos demandas para que as presenten no pleno, que tipo de reivindicacións fan?

-É unha iniciativa que pretendemos facer todos os meses, a de mandar solicitudes aos plenos. Sempre tratamos cuestións específicas do barrio, como eivas ou reivindicacións ou cousas que están aínda pendentes de executar. Así temos a atención dos grupos políticos polo menos unha vez ao mes, póñense en contacto con nós e estamos intentando xerar a dinámica de que, en cada pleno, se fale de Novo Mesoiro. Até o de agora conseguimos que algunha organización política presente preguntas ou mocións ao respecto. Aínda que despois digan que non se acepta o debate. Intentamos que se coñezan as demandas que temos no barrio porque como este ano vai haber eleccións municipais e tamén ao Parlamento do Estado e, para o ano que vén, ao Parlamento galego, o que queremos é dar a coñecer as eivas que temos e cales poden ser as súas promesas con respecto ao barrio. Outra cousa é que as cumpran cando cheguen. Xa lles damos o programa electoral feito.

-E cales son as deficiencias de Novo Mesoiro?

-Para nós é fundamental, antes que calquera outra cousa, a área educativa. Hoxe en día hai 1.488 nenos menores de dez anos censados no barrio e 946 son menores de cinco anos, por iso, para nós é fundamental que a área educacional, o instituto ou como lle queiramos chamar, se execute canto antes. Iso depende da vontade que poña o Concello como da parte que corresponde á Xunta. En todas as demandas que presentemos este ano vai estar. Este mes o que incluímos tamén é o tema da inseguridade vial nas áreas infantís do barrio. Son poucas, son tres, pero están preto dunhas rotondas que ten o barrio. O único que queremos é que se poña unha especie de valado para que non accedan de maneira fortuíta os rapaces ou os xoguetes, como balóns e pelotas, na calzada. Algo semellante xa se fixo noutros barrios, como en Os Rosales.

-E que máis?

-Despois está o tema no alumeado no parque, porque en decembro se pagou o proxecto, así que, agora o que queremos saber son os prazos de execución. Agora no inverno é cando máis precisamos que estea ben alumeado, porque non lle estamos sacando o rendemento. Hai moita xente que quere correr por aí pero sen luz non pode facelo.

-Reivindican tamén un uso compartido das instalacións deportivas, non si?

-Si, a última actuación que queremos que se trate no pleno é o tema do uso das instalacións deportivas. Temos o pavillón, que entendemos que sexa para uso de entidades federadas, pero, cando non o estean utilizando estas asociacións, o lóxico é que se dea oportunidade á xente do barrio de practicar deporte. Solicitamos por escrito que se nos desen os horarios nos que está dispoñible o pavillón, pero aínda non nolos deron, por iso recurrimos aos partidos políticos, para que o pidan no pleno. O problema é que non hai un tablón cos horarios e cando veñen os veciños dinnos que as instalacións están ocupadas.

-Cal é o seu obxectivo?

-Pois que nos plenos da Coruña non só se fale da Pokemon e da Pikachu senón tamén que se fale dos barrios, de Novo Mesoiro, e as súas reivindicacións.