A campaña electoral das primarias da Marea Atlántica botou onte a andar. Do proceso, que finalizará coas votacións o 7 e 8 de marzo, sairán elixidos os membros da candidatura que van a acompañar ao cabeza de lista da formación nas eleccións, o profesor de Dereito Xulio Ferreiro. Un total de cinco listas concorrerán neste proceso que é mostra da diferentes sensibilidades internas.

Cidadanía en común, encabezada por Rocío Fraga, está impulsada por algúns dos membros promotores da Marea que, sen adscripción partidaria, puxeron en marcha o proceso de confluencia e capitanearon as negociacións cos partidos. Ardentía, integrada por catro membros militantes e afíns á formación galeguista Compromiso por Galicia, preséntase encabezada pola arquitecta Sonia Sainz. A Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) repetirá a súa coalición das europeas dentro da Marea. Con Silvia Cameán á fronte, a candidatura inclúe membros de Esquerda Unida, Anova ou Espacio Ecosocialista. A oferta de listas a completan Onda Verde, respaldada por membros de Equo e que leva á cabeza da mesma ao presidente da Plataforma pola Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, e Somos Coruña, propiciada desde o entorno de Podemos co investigador e profesor Antón Fernández de Rota en primera posición.

Precisamente Podemos atópase inserido nun proceso de votacións que finalizará o día 1 de marzo e no que decidirán se participarán ou non na Marea e cal será o seu rol nos comicios.

Dos 27 postos titulares da lista, un máximo de catro estarán reservados para persoas que, pola súa proxección pública, "avalen todo o proceso". Na votación, na que as listas terán un carácter aberto, poderán votar aqueles maiores de 16 anos, que asinen o manifesto antes do 2 de marzo e que vivan ou vivisen na Coruña os últimos cinco anos.