Manuel Monge foi concelleiro do BNG na Coruña entre 2003 e 2007. Hoxe presenta ás 19.30 horas o seu novo libro O poder na Coruña. De Vázquez a Negreira en Portas Ártabras (rúa Sinagoga, 22).

-Quen detenta o poder na Coruña?

-Esa é a pregunta do millón. Paco Vázquez sempre facía a mesma campaña electoral, que remataba na Confederación de Empresarios... Porque son os que detentan o poder. E son os mesmos de sempre. Negreira seguiu nesa liña, e del dixo o presidente da Confederación en 2011, Antonio Fontenla, que "es un amigo con el que puedes contar".

-Na portada saen Vázquez e o Negreira en actitude amistosa...

-Hoxe, co PP no Concello, é imposible que se investigue ou que se esixan responsabilidades por Someso, o ofimático, o edificio Conde de Fenosa. PP e PSOE votan en contra de facelo.

-Non pasou páxina o PSOE?

-Non cortou o cordón umbilical con Vázquez. Aínda Barcón di que está orgullosa de ter sido cómplice del, que é un referente político. Incluso despois de que Vázquez lle fixera un via crucis a Losada, o ninguneara e desautorizara, fixera campaña contra o PSOE...

-Por que non rompe lazos?

-Non vai cortar o cordón porque tería que facer autocrítica. Recoñecer que favoreceu os especuladores inmobiliarios, despilfarrou, permitiu simboloxía franquista... Pero daquelas gañaban 25 ou 30.000 votos de máis nas municipales.

-E debe facela o BNG?

-Xa está facendo un proceso de cambio importante, en base a candidaturas abertas. Que por certo, leva facendo anos. Podemos elixe candidato con 2.000 ou 2.500 votos por correo, o BNG con 4.500... E en persoa!

-Teme que acusen o libro de partidista?

-Eu tomo partido! Son membro dun desde hai décadas. Manteño que a cidadanía debe movilizarse para derrotar ao Partido Popular.

-Cunha coalición?

-Si, de esquerdas. PSOE, BNG, e Marea. Pero sería un grave erro non levar un programa definido, incluso con datas de cumprimento. Iso foi un fallo na coalición con Losada. E tamén aviso da falta de perspectiva, que pode que un partido se marche tras as municipais porque esta pensando nas xenerais. Iso non fai por aglutinar.

-Vázquez, Losada, Negreira. Cal foi máis persoalista?

-Vázquez. Máis que Negreira. Era o caudillo por excelencia. Quería obrigar a tomar posesión baixo un crucifixo xigante, cesou a Marián Ferreiro dun día para outro...