-Hai algunha novidade respecto aos hidrocarburos da ría?

-Vou contar desde o principio. Intecmar é o organismo que en Galicia é competente para o control das zonas de produción de molusco. Hai unha normativa en Europa que indica que as zonas de produción de moluscos teñen que ter controis de biotoxinas, da súa condición microbiolóxica, de contaminantes químicos, hai control de hidrocarburos, de metais pesados, etcétera. Temos xa desde hai moitos anos un control de hidrocarburos aromáticos policíclicos en toda Galicia. Hai uns niveis máximos que marca a lexilación europea.

-Que baixaron, non si?

-Si, iso é moi importante. Non estamos con niveis máis altos dos que tivemos en 2008, pero daquela podíanse ter. O regulamento cambiou no 2011 e entrou en vigor o 1 de setembro de 2012.

-Que cambiou a partir desa entrada en vigor?

-Antes o límite do benzoapireno era de 10 e agora está en 5. A maiores de controlar este composto, hai que ter un sumatorio de catro elementos diferentes e que non pase de 30. No noso método detectamos oito hidrocarburos. Até o 1 de setembro de 2012 só había límite para un e era 10 e agora reduciuse á metade. O ano pasado tivemos valores similares aos que temos agora, pero daquela a ría non estaba en proceso extractivo e non foi preciso pechala. En decembro, tivemos un valor elevado nun banco e pechámolo, e en xaneiro tivemos outro peche na ría do Burgo. Nos controis seguintes, a zona mellorou e abriuse.

-E por que volveron pechala?

-No control que tivemos agora, no que ampliamos os puntos ás bocas da ría, viuse que estaban todos con niveis por enriba do permitido e, por iso, se produciu o peche. En todo momento a Confraría estivo avisada. Nós non falamos dun verquido. Porque cando se di esa palabra un xa pensa que non se pode bañar porque está a auga cunha capa de disolvente. Non é así. Estamos falando de deteción de niveis inferiores a unha parte nun millón. Estamos falando de niveis que non son baixos porque son máis altos do que permite a lexislación, pero non son niveis que se aprecien nin a simple vista, nin polo olor nin polo sabor...

-Algúns veciños din que o mércores si que cheiraba.

-Non falamos de verquidos senón de niveis altos. Son anómalos? Pois no ano 2008, 2009 e 2007 houbo estes valores pero a lexislación marcaba un só criterio e ao dobre.

-Por que estes valores se repiten en determinadas épocas do ano? A que se deben?

-Estamos analizando todos os datos que temos. Xa antes deste peche organizamos unha reunión técnica entre todas as administracións que teñen dentro do seu campo de acción a ría da Coruña e que poidan ter influencia neste aspecto para poñer sobre a mesa este problema e para ver se, entre todos, somos quen de averiguar cal é a orixe de todo isto e, se podemos, atallala. Unha das cousas que fixemos foi meter por meses todos os nosos datos de molusco infaunal -que é practicamente a ría do Burgo-, que son dos últimos dez anos; o que vimos foi que en xaneiro, febreiro, marzo e abril os valores son máis altos que no resto do ano e o pico máis alto é en marzo.

-Por que?

-Non o sabemos. Estamos barallando moitas causas, pero non o sabemos, de feito, estes valores son os mesmos que tivemos en marzo do ano pasado.

-Pode ter algo que ver o peche dun pantalán que utiliza Repsol no peirao petroleiro con estes valores?

-Non o sei. Hai moitas fontes, en xeral, destes compostos. O transporte, por exemplo, sabemos que a ría soporta moito tráfico, a incineración de residuos, as calefaccións, os motores de combustión interna... Non sabemos se é unha contaminación concreta ou difusa.

-Que diferencia hai?

-A contaminación concreta é un verquido porque rompe un tanque dun buque, por exemplo, ou un depósito dunha gasolineira. Unha contaminación difusa prodúcese, por exemplo, pola deposición atmosférica ou polo tráfico rodado.

-Que é a deposición atmosférica?

-O combustible que se queima para as calefaccións, por exemplo, vai ao aire e, cando chove, vai ao mar. Non digo que sexa esa a fonte, non o sabemos. A Autoridade Portuaria instalou un punto de mostraxe de auga na boca da ría. O grupo de traballo xa se reunira en febreiro e vólvese reunir agora. Iso non soluciona o problema, por que se reúna o grupo non vai abrir a ría, pero estamos preocupados ao máis alto nivel. Pola nosa banda, incrementouse a frecuencia de mostraxe e ampliáronse os puntos de mostraxe na ría do Burgo.

-Por que os niveis máis altos están en Santo Amaro e Mera? É significativo que estean fóra da ría do Burgo?

-A ría do Burgo é moi estreitiña pero cando falamos da da Coruña estamos falando dunha zona moi ampla. De ter habido algún verquido puntual, a dilución sería moito máis rápida. Con isto, non quero descartar un verquido, pero é que Mera e Santo Amaro non eran puntos normais de control na nosa rede. Ten unha explicación clara, os moluscos bivalvos están dentro da ría. Con este problema ampliamos a mostraxe. Mera e Santo Amaro era a primeira vez que se analizaban. Estes valores son sorprendentes. Non sabemos se hai un incremento ou sempre están así.

-Manteranse os puntos de mostraxe logo destes datos?

-Eu penso que si, sobre todo vendo que se acadan estes valores, que están entre 5 e 10.

-Hai previsión de que isto volva pasar, xa que se repite o patrón do ano pasado?

-Non o sabemos. Tendo en conta os datos históricos estamos no momento de valores máis altos, que se dan en marzo e abril. Estamos falando dunha ría que, polo que sexa, ten estes valores altos de hidrocarburos.

-Estes valores, como se combaten agora que xa están na auga e nos moluscos? Hai que esperar ou pódese tratrar?

-Hai que esperar a que os propios moluscos vaian depurando e a que o contaminante se reduza na auga e se disolva e que os moluscos, no seu proceso de alimentación, vaian eliminando. Se houbese un verquido si que hai métodos de contención, pero neste caso non podemos botarlle uns polviños á auga do mexilón ou da ameixa para eliminar o contaminante.