Por se non fose suficiente con contemplar a diario a situación que moitos dos nosos veciños padecen na Coruña, somos cada vez máis os que ollamos con crecente preocupación para o futuro que nos agarda. A ilusión de que vivimos unha crise con final feliz e que volveremos onde estabamos antes de 2008 é cada vez menos crible. Ben ao contrario, ímonos habituando a ver o que nos pasa como a normalidade que os poderes políticos e económicos deseñan para a ampla maioría da poboación, nun proceso continuo de desposesión dos máis para o enriquecemento dos menos.

Por máis que algúns poidamos esquivar algo mellor os golpes, vemos como ao noso redor caen amigos, familiares ou veciñas, vítimas dun ERE, do paro indefinido, da precariedade laboral, da falta de asistencia sanitaria, da ausencia de recursos para atender situacións de dependencia, etc. Ao mesmo tempo, preguntámonos que pasou, que podiamos facer e non fixemos, e que futuro lle agarda aos nosos fillos e ás nosas fillas de seguir a aplicarse as actuais políticas económicas. No meu caso, como profesor, vexo ducias de rapaces e rapazas rematar os seus estudos universitarios, co esforzo que iso supón para as súas familias, enfrontándose con desesperanza, cando non ansiedade, a un futuro incerto, resignados á precariedade laboral, a empregos que non responden á súa cualificación ou, directamente, á emigración.

O porvir que uns poucos (e poucas, verdade Sra. Lagarde?) deseñan para amplas capas da sociedade é un futuro de exclusión social para moitas, de malvivir de emprego precario en emprego precario, de encomendarse a todos os deuses para que unha enfermidade cuxo tratamento non nos podemos permitir non acabe coas nosas vidas, de compartir piso con descoñecidos máis alá da trintena, unha vellez onde a ausencia dun sistema de pensións xusto non nos poida garantir tranquilidade para os nosos últimos anos?

Diante desta expectativa somos cada vez máis, non obstante, os que decidimos reaccionar. Os que saímos ás rúas e tomamos as prazas. Os que, diante da indiferenza de quen nos goberna, entendemos que todo iso non era suficiente e había que organizarse. Os que decidimos dar un paso adiante e poñernos ao volante das nosas vidas, porque nos decatamos que se non o faciamos, alguén en quen non podemos confiar o ía facer por nós. O que queremos non é tanto. Só pedimos o que é de sentido común. Unha sociedade onde todas as persoas teñan os mínimos vitais garantidos. Un goberno honesto, sen corrupción, ao servizo de todos e de todas e baixo a lupa da xente, non un cheque en branco de catro anos. Poñer a economía e as institucións ao servizo das persoas.

Moitas decidimos comezar pola Coruña, pola cidade que vivimos e queremos, e empezamos a construír unha ferramenta para recuperar o control sobre as nosas vidas: a Marea Atlántica. Un instrumento para crear esa sociedade que si queremos. E para facelo dende aquí, dende a Gaiteira, dende Monte Alto, Elviña e a Agra. Estamos seguros de que se o facemos ben, podemos ser unha peza máis na revolución democrática que vén. Porque non imos estar sós. En Compostela, en Barcelona, en Madrid ou en Atenas hai moita outra xente que pensa coma nós e quere o mesmo ca nós. Por iso imos gañar. Porque somos máis, e porque temos a xente e o sentido común do noso lado.