Manuel Baldomir é membro dos órganos de Goberno da Confraría da Coruña e voceiro dos mariscadores da ría do Burgo. Solicita o dragado do estuario e que o sector sexa compensado polos peches por contaminación por hidrocarburos.

-Como está a ría logo destes dous peches por contaminación de hidrocarburos?

-A situación está complicada. Seguimos con escaseza de produto. Nós botámoslle a culpa tanto a que os lodos invaden os bancos marisqueiros como a que a ría do Burgo está taponada e non hai forza de corrente suficiente para que poidan entrar o citoplacto e o zooplacto para alimentaren o produto. A isto témoslle que engadir o furtivismo, que aínda que a Xunta diga que a cousa mellorou moito, non é verdade.

-Os verquidos de hidrocarburos, notáronse na produción?

-Na mortandade do marisco, en principio, non se está a notar, ao que si que afectou foi á economía dos traballadores que seguimos pagando os seguros de autónomos pero non temos ingresos. Seguimos á espera de que a Consellería do Mar e a de Medio Ambiente nos dean as respostas de onde veñen estes hidrocarburos porque creo recordar que a titular deMar, Rosa Quintana, dixo que a mesa de seguemento de vixianza contra os verquidos se constituíra en xaneiro. Nesa mesa participaban a Consellería do Mar, Medio Ambiente, Augas de Galicia, Autoridade Portuaria, Seprona... A día de hoxe temos a incertidume de que, en calqueira momento, poida repuntar o hidrocarburo e obrigarnos a facer outro peche e a seguir perdendo cartos.

-O Intecmar defende que estes niveis terían sido legais dous anos atrás, é malo comer marisco con eses valores de contaminación?

-A normativa rebaixou de dez a cinco o nivel de benzopireno en 2013. Hai que lembrar que a Consellería do Mar di que estes repuntes se veñen producindo desde hai dez anos, e que por iso son agora máis frecuentes os peches. Que a Unión Europea rebaixa o límite porque di que hai máis seguridade para o consumo? Podémoslle dar a razón, pero non lla damos en que non se rebaixe o límite de contaminación medioambiental que se produce a través das empresas. O hidrocarburo é un produto químico que está tocado pola man do home. Cremos que se deben poñer unhas condicións máis duras á hora de facer os verquidos e de dar as autorizacións para verquer.

-Isto afectaríalle sobre todo a determinadas empresas, non?

-Se falamos de hidrocarburos falamos de empresas que están traballando cun produto superperigoso. Non é o mesmo que unha persoa consuma un marisco que conteña toxina lipofílica, que lle vai dar dous días de diarrea ou de vómitos a que coma un marisco cun produto químico que lle poida meter cancro no corpo.

-Dado que estes verquidos se levan producindo cando menos dez anos e que os mariscadores baixan á ría case todos os días, teñen algunha sospeita de onde proceden?

-Dixéronnos que no inverno é cando máis repunta este índice de contaminación. Que casualidade, que é cando Repsol, unha grande empresa que traballa con hidrocarburos, produce máis, porque ademais de dar servizo a gasolineiras abastece as caldeiras de combustión química. A masa de auga contaminada que abrangue desde a zona de Santo Amaro até Ares é inmensa, está claro que iso non se vai contaminar por un verquido pequeno. Nós propuxémoslle á Consellería do Mar que puxese puntos de mostraxe máis preto da refinería e, a casualidade é que, canto máis se aproximan os puntos de mostraxe, máis alto é o índice de hidrocarburos. Os últimos resultados din que o índice de hidrocarburos descende na ría do Burgo e que se pode extraer xa o produto para consumo humano; porén, na zona de San Roque, creo recordar que dixeron que era aínda de 50, un índice elevadísimo. Son moitas casualidades. Non temos ningunha proba para poder ir directamente a pedir explicacións ou para reclamar xudicialmente, pero si temos moitas desconfianzas.

-Pode ter algo que ver co peche do pantalán de Repsol?

-Fálannos de que é benzopireno, pero temos desconfianza, porque tamén nos dixeron que se ía dragar a ría no ano 2000 e seguimos á espera. O que queremos é que se tomen todas as medidas e que se investigue que é e de onde vén.

-Hai puntos da ría nos que é a primeira vez que se mide o nivel de hidrocarburos.

-Iso é algo que a nós nos sorprende bastante porque estamos falando de que a Administración xa detectou dez anos atrás que subían os niveis de hidrocarburos na ría do Burgo, nós dicimos: 'Como é que non se fixeron probas tamén fóra da ría para determinar de onde vén a contaminación?'. Para eles é moi sinxelo dicir que pensaban que os hidrocarburos viñan da ría, que pasa? Agora na ría non temos marisco e temos pozos petrolíferos? Cremos que hai escurantismo porque hai grandes empresas ás que non se pode tocar e a nós non se nos dá unha solución. Cos bos profesionais que hai e os medios para investigar non ten sentido que non nos digan nada.

-Coma do dragado da ría, ou teñen novidades?

-De momento no BOE e no DOG non aparecen partidas nin prazos concretos que digan que se vai executar o dragado, tampouco se abreu o prazo de licitación para facer as obras. Hai moitas promesas e as eleccións están á volta da esquina. Prometer é moi doado, pero hai que ver resultados.

-Despois de quince anos agardando polo dragado da ría, cren algo do que lles poidan prometer?

-Nós non cremos nada, cremos nos feitos. É certo que logo das loitas que tivemos os mariscadores o índice de verquidos por fecais se reducíu. A Administración primeiro negaba pero, ao final, non lle quedou máis remedio que destinar partidas orzamentarias para poñerlle fin a esta situación.

-En que situación lles deixa isto? En teren que voltar á rúa?

-Nun punto e seguido. Prometéusenos que a finais do verán se finalizaría o plan medioambiental para comezar coa licitación do proxecto, está claro que, se pasado ese tempo, non hai as medidas que eles prometeron teremos que volver tomar medidas. Eles saben que estamos aquí e que imos loitar. O pobo non é parvo, sabemos quen está gobernando e as eleccións están á volta da esquina e os políticos saben que hoxe poden estar gobernando e mañán xa non. O sillón non é tan fixo como era antes

-O PP, estando na oposición, estaba a prol do saneamento.

-Eu acórdome tamén do agora alcalde, Carlos Negreira, dando roldas de prensa connosco, facendo moitas promesas pero eu non vexo que estea a presionar nin á Xunta nin ao Goberno central para que draguen a ría. É lamentable que xa no 2009 o PP fixese un proxecto aprobado por maioría absoluta, que dicía que era moi necesaria a rexeneración urxente da ría do Burgo e o seu saneamento integral. Agora que o PP xa non está na oposición, que está no Goberno, parece que a cousa xa non é tan urxente.

-Na visita dos eurodiputados, no 2013, os lodos medían máis de metro e medio, como están agora?

-Non volvemos a esa zona, porque para meterse alí hai que cravar un varal a pé de ría e xa non nos queremos desesperar. Sabemos que esas zonas están improductivas ao cen por cen e que é moi necesario dragalas polo perigo que conleva, porque alí xa non é polo marisqueo senón por seguridade, porque non hai nin unha valla, se cae alguén pode morrer afogado.

-E das axudas que pedían, saben algo?

-Non, nada, que están aí, iso si. Cando foi do Prestige habilitáronse en cuestión de días. Daquela dábannos 1.200 euros en compensación por non podermos faenar. Sabemos que no Estatuto de Autonomía está recoñecido o plan Camgal, que son unhas axudas para paliar os danos materiais e e socioeconómicos.

-Por que non se habilitan?

-Pois quizais sexa por temor a non querer ir en contra da empresa que está a facer os verquidos. Co Prestige as axudas habilitáronse moi rápido porque había un culpable. Que pasa? Non confían nos profesionais que teñen para descubir a orixe dos verquidos e non habilitan as axudas por se non encontran o culpable para poder reclamarlle despois xudicialmente que lles devolva o diñeiro adiantado nestas axudas? Algo raro hai.