A marcha en prol do galego Correlingua celebrou onte na Coruña o seu decimoquinto aniversario. Unha boa parte dos rapaces que saíron ás 11.00 horas na explanada do Pavillón Riazor, estudiantes de Primaria e Secundaria da cidade da Coruña e da súa bisbarra, non naceran na primeira edición. A afluencia e o entusiasmo despregados desbotan, en palabras do condutor desta edición, Xurxo Souto, "o tópico" de que a cidade vive de costas ao galego. "Eu estiven en todas as marchas de Galicia, en Bueu, en Ribadeo, en Ourense, irei á de Pontevedra... Pero en ningún sitio se ve a afluencia que se vive na Coruña, que é a grande cidade do galego", explica o escritor coruñés, autor do himno da actividade. A mestra e membro da Mesa pola Normalización Lingüística Celia Armas, unha das organizadoras do acto na Coruña, explica que a participación "mellorou" desde 2014, que este ano saíron á rúa 4.000 rapaces en comparación cos máis de 2.000 que camiñaron polo idioma o ano pasado, que pouco a pouco retornan as cifras de "antes da restricción das actividades escolares" hai tres anos e que o entusiasmo dos rapaces da bisbarra coruñesa levou a convocar un concurso de animación entre os grupos que forman parte da marcha.

Malia o éxito de convocatoria, o Correlingua vive nun paradoxo. Por unha banda, a xuventude "valora máis o idioma" que os seus maiores. Nacen novos grupos en galego, como os negreireses Bocinazo, que tocaron para os participantes cando a marcha rematou cunha festa baixo a Torre. Por outra, cada vez o empregan menos, e a situación da lingua é "peor que cando comezou o Correlingua". A explicación, para Souto, está clara: os rapaces queren falar en galego, pero atópanse co "desleixo" dos maiores, que non lles ofrecen canles. Para Armas, o Correlingua segue cumprindo a función de vincular o galego coa "utilidade e a modernidade", pero a situación da lingua "non sei se podería dicir que é peor que antes da marcha, pero non mellorou. A lexislación nas aulas é agora máis restrictiva que hai 15 anos". E, con todo, 4.000 rapaces saen á rúa un ano máis.