Foi a noite do reencontro, mais tamén o das despedidas preventivas a aCadaCanto. A noite de ver aos integrantes de Berrogüetto nun escenario, un ano e medio despois de que anunciasen o seu adeus ao proxecto. E a noite de abrirlle a porta a outra maneira de tocar a música tradicional, a de raíz, a que nace da terra e acaba no ceo.

Os premios LA OPINIÓN celebraron onte a súa edición número catorce deixando atrás a etiqueta de música folk para adoptar a de música de raíz, para abranguer un abano máis amplo e para dar acubillo a todo aquilo que os músicos galegos fan.

O grupo TRIM acadou onte, na gala que se celebrou no teatro Rosalía de Castro, dous premios: O de mellor tema orixinal, pola canción Capsicum Modum, e o de mellor disco, por TRIM. Sobre Capsicum Modum, dixo Peixoto, un dos membros do grupo que recolleu o premio, que foi un tema que a formación compuxo "en quince minutos", xa no estudo, a piques de empezaren a gravación. "Non sei se é a mellor peza que se fixo este ano", dixo Fariñas, outro membro de TRIM, que agradeceu o recoñecemento ao tema diciendo que, a pesar de todo o que rodea a música, eles estaban a facer o seu "traballo ben".

O premio ao mellor artista recolleuno das mans de Alonso Caxade, o zanfonista Germán Díaz. O creador do método cardiofónico e das caixiñas de música que, con puntiños e voltas de roda enchen os cuartos de melodías, agradeceu o premio, mais tamén á música por terlle aberto as portas de Galicia. "Recibín moita xenerosidade, moita amizade, tantas nubes ás que mirar e atopei o amor da miña vida, que iso só se encontra unha vez", dixo enriba do escenario Germán Díaz.

Ao recoller o premio ao mellor disco, das mans do gaiteiro moañés Budiño, Fariñas, de TRIM, quixo animar a todos os gaiteiros a que fagan proxectos máis alá dos solistas, que se xunten con outros músicos e que fagan "cousas orixinais".

O galardón Andaina Senlleira, ese que premia toda unha traxectoria na música galega, recibiuno Berrogüetto, das mans do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O voceiro da formación elexido para a ocasión foi o guitarrista Guille Fernández, que lembrou ás pandereteiras de Cantigas e Agarimos que puxeron voz a Anubía, no disco Navicularia, e que levaron un paso máis alá ás voces das mulleres cantareiras. E lembrou a técnicos de son e deseñadores gráficos, a todos aqueles que, sen tocaren instrumentos, forman parte xa da historia musical galega.

E, antes de rematar o seu discurso pediu ao público -entre os que se atopaban voces como a de Uxía Senlle- un forte aplauso para os "supervivintes da música", para aqueles que seguen a compoñer, a crear e tocar aínda cando as condicións non son as mellores para facelo, polo aumento do IVE e pola falta de apoios.

O organizador dos premios LA OPINIÓN, o xornalista Óscar Losada, reivindicou onte que o galardón Andaina Senlleira o recollese Berrogüetto por ter uns "músicos con personalidade propia", por "partir de cero" e por "encher de orgullo" aos galegos cando vían o seu nome nas pantallas e carteis dos festivais que se celebran máis alá das fronteiras galegas.

O encargado de conducir a gala foi o humorista Carlos Blanco que, o ano pasado recibiu un premio por ter composto unha canción para o traballo Sotaque, de Xosé Manuel Budiño. E, coma sempre, fixo humor co que lle arrodea, coa política local e a "suba da Marea", con que "por fin, un alcalde da Coruña fala galego", en referencia ao gañador das eleccións municipais, o candidato da Marea, Xulio Ferreiro. "A min paréceme bonito", dixo Blanco, que quixo facerlle unha homenaxe ás mulleres que cantan e ás que, algún día, compuxeron as coplas que, ano a ano, xeración tras xeración se van transmitindo e medrando con cada gorxa que as canta. E fixo tamén xogos de palabras e sonoridade co galego e o inglés e afeoulle ao "culto público da Coruña" que non acompañase con palmas as reinterpretacións das melodías tradicionais que fixo o grupo Talabarte sobre o escenario. Pero Blanco tamén se puxo serio para contar a historia de amizade entre o Zeca Afonso, o cantor do Grândola, vila morena, Grândola, vila morenao himno da revolución dos craveis, e un xogador de fútbol, o Diamantinho, un neno alentejano, ao que nunca lle pasara a pena por non ter ido a un concerto clandestino cos seus pais de pequeno. E no Rosalía sonou o Grândola, vila morena e retumbaron as verbas de Diamantinho que, cando se despediu do Zeca, so lle dixo, "25 de abril, sempre" e o xa velliño respondeulle coma os amigos que xa nunca máis deixarían de ser.

Para pechar a gala, esta entrega número catorce dos premios LA OPINIÓN, actuou aCadaCanto, que tamén está dicindo adeus ao proxecto co que gravou Teu nome por mar e terra, a peza que, como regalo dos músicos ao público, pechou o acto. Bromeou a cantante de aCadaCanto, Guadi Galego, con que, a pesar de estar nominada nas tres categorías non acadara ningún galardón.