Antes de ser o concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande era programador do Centro Galego das Artes e da Imaxe (CGAI). Enriba da mesa ten varios temas complicados, entre eles, organizar as festas, que asegura que o anterior Executivo deixou case en branco e con pouco orzamento dispoñible para gastar.

-É concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento, que parte abrangue Coñecemento?

-Ten que ver con algo que tiñamos moi presente, por un lado a pedagoxía crítica, por outra os vínculos entre cultura e educación e por outro, a cultura vinculada á ilustración, ao legado e á memoria e, ademais, non entendido no eido sentimental ou nostálxico senón como parte dunha cadea histórica, a cultura no seu sentido máis amplo. Ten que ver coa idea do coñecemento, da cultura como saber fronte á idea da cultura só centrada no lecer e no espectáculo.

-A cultura afastada das festas?

-Compenetrada coas festas, a idea de que o lúdico e o coñecemento poden ir unidos.

-As festas do verán están agora enriba da mesa, é un proxecto herdado, como o San Xoán?

-Non, totalmente diferente, así como o San Xoán viña absolutamente pechado, cos seus 253.000 euros de orzamento, as festas, non.

-Está o folio en branco?

-Non totalmente, hai un par de concertos no Coliseum, que veñen da etapa anterior, nada máis. Hai eventos tradicionais que se celebran todos os anos: as feiras do libro, a de artesanía... O resto de cousas estarían abertas, co cal a entrada é de absoluta urxencia, tendo en conta a limitación orzamentaria. Hai un 20, un 25% do orzamento do ano pasado de festas.

-Moito espazo por cubrir e poucos cartos para gastar?

-En boa medida, iso amóldase ao noso programa, que era bastante modesto e pouco custoso, insistía moito no proveito das infraestruturas existentes. É unha das concellarías con máis espazos, sedes e posibilidades de artellar unha axenda con moitas opcións. Ábrese a interrogante de que facer coas festas e de posibilitar cousas nas que insistimos moito, como a participación e a descentralización para que teñan unha conexión directa co cidadán.

-E como o farán?

-Aí entra o que estamos tratando de reformular estes días, con certa urxencia. As festas comezan o 1 de agosto, aínda que haxa actividade xa en xullo. A idea é que as festas non poden ter lugar só no centro. Non se trata de facer actividades de xeito illado, desembarcar alí e que non haxa unha integración real coa cidadanía, co cal, imos á segunda parte, a de fomentar a participación, que o Concello non sexa mero programador, senón facilitador da programación á cidadanía. Un sistema colaborativo e coordinado. A cultura como elemento transformador.

-E iso como se fai?

-Hai organismos de excelencia vinculados á cultura, as bibliotecas, os museos científicos, a Sinfónica... Nalgún caso detectouse que podía haber posibilidades de mellora. Entendemos que toda a parte máis clásica con todas as derivas, da orquestra xove e demais, merecían ter unha presenza máis que importante dentro das festas.

-E vai haber Noroeste?

-Vai haber Noroeste Pop Rock, que é unha das dúbidas, sobre todo do público xuvenil, porque é unha das citas do verán. Vaino haber e entendiamos que tiña que ser coa integración dos creadores locais. Será un Noroeste máis longo, con máis actividade e, en boa medida, con máis presenza local e galega.

-Toda a semana?

-Aínda non o podo dicir porque non está pechado. A idea é dun Noroeste prolongado con énfase na participación dos artistas locais.

-A duración das festas e a posibilidade de reducilas, sempre estivo aí, cal é a súa posición?

-A situación orzamentaria e económica é bastante terrible e iso impón limitacións. Se ben a idea podería ser concentrar moito a actividade, consideramos que estaba ben manter as feiras e certa actividade habitual, porque tamén facilita a programación de todo o mes, pero ao mellor si existe, a medio prazo -porque nos facemos máis responsables de 2016 ca de 2015- a posibilidade de concentrar as festas nun par de semanas, sen renunciar á actividade durante todo o mes de agosto, con citas regulares e xa consolidadas.

-Manterán o Salón do Cómic?

-Cremos que o do cómic é un dos sectores culturais e artísticos máis relevantes e máis potentes agora mesmo. Tanto a ilustración como o deseño, como o mundo do cómic e dos debuxantes, merece algo máis ca unha cita-evento. É algo que debe propagarse todo o ano, cun aumento da actividade constante. É unha das apostas, a do Salón do Cómic como un dos grandes encontros do verán e das festas.

-Que modelo teñen en mente para as festas con esa pegada tan cultural?

-É posible establecer unhas festas que funcionen até en termos económicos, de turismo, para o sector hosteleiro, que creen ambiente, pero que sumen a parte ilustrada e a lúdica. Unhas festas que teñen connotacións que permitan rexistrar o estado de saúde dos creadores locais e a recuperación dun legado e dunha memoria, non necesariamente entendido dun xeito vitimista, non como intento de recuperación dunha época presuntamente mellor, que non é así, senón ao revés, senón como unha maneira de irmos sumando todos os elementos positivos. Hai un punto do programa, que chamamos a Caixa da Memoria, que fala de reivindicar e investigar a historia da cidade, entendemos que sería algo interesante, que a cultura poidese impregnalo todo.

-E como sería esa Caixa da Memoria?

-A idea vai diso, do pasado non oficial e pódese recuperar con rexistros, entrevistas, é un proxecto simpático e pouco custoso. Algo así como saber quen foi a persoa que lle dá nome á rúa na que vives.

-Voulle contar algunhas cousas que se dixeron logo de que gañase Marea Atlántica, que ían quitar os concertos de María Pita, que só ían programar "gaiteiradas

-Se un vé o programa da Marea practicamente non hai propostas do audiovisual, que é de onde eu veño de traballar todos estes anos, no CGAI. Os concelleiros somos cabezas visibles dun movemento cidadán máis amplo, e até estamos en contra desa imaxe case épica de personaxe relevante que modela a vida dos demais.

-Nada de cine iraniano, logo?

-O cine iraniano xa ten os seus lugares de exhibición. No programa falamos da colaboración con espazos como a Escola de Imaxe e Son para facilitarmos un coñecemento en rede e de consolidarmos as actividades que existisen nesa liña, coma o S8 ou o Freakemacine. Hai outro tipo de propostas, temos que estar próximos á vangarda sen descoidar nunca o popular. É compatible.

-E a música tradicional?

-Para min o das gaiteiradas non é despectivo. Entendo a parte de crítica que é como que só vai haber unha preocupación, a da cultura local. Quizais o problema é que non exista ningunha preocupación por ela. Entendemos que hai maneiras de sublimar e de poñer sobre a mesa o valor deses rexistros da cultura tradicional. Pode vir da caricatura que se fai da Marea, unha sorte de acusación de partido protonacionalista. Curioso, tendo en conta que é un partido instrumental e que ten formacións non nacionalistas.

-E os concertos en María Pita?

-Van seguir. Non son incompatibles. Son concertos populares e entendemos a pluralidade da poboación e non programamos para nós, se esa é a dúbida da xente. Iso reflexa como a cultura se viu politicamente sempre como un elemento de ameaza. Parece que hai que desdeñar o que se entende como alta cultura. Nós cremos que se pode amosar toda a riqueza do tecido cultural.

-Hai feiras culturais, pero tamén outras citas, como as casetas rexionais ou a Feira das Marabillas, seguirán?

-En principio, si. Estamos nun tema de tempos, e temos que mirar caso por caso e, se hai conflitividade ou que non se cumpre a legalidade, tomaremos decisións.

-Segue todo igual, entón?

-Hai unha cousa que todos sabemos, o dos touros, que está nas medidas electorais e que hai xa conversas coa empresa para rescindirmos o contrato.

-Canto custaría?

-Estamos traballando niso.Cremos que forma parte dunha tradición e dun espectáculo en declive. Sen máis valoración. Non pretendemos abrir feridas nin polémicas.

-Entra nunha concellaría con moito persoal investigado e imputado na operación Pokemon,

-Eu, persoal e profesionalmente, non podo máis que partir da presunción de inocencia. Así que, respecto absoluto aos traballadores. Nestas dúas semanas que levamos aquí, o ambiente leva ao entusiasmo, é todo moi harmónico e hai capacidade de traballo en equipo, así que, estamos moi contentos, o que non quita que, nun determinado momento poida haber unha decisión política. Sería indesexable demonizar persoas concretas. Hai que esperar tamén ás propias decisións xudiciais.

-Algún avance en canto ao posto de coordinador do IMCE?

-É algo no que se está traballando. Estamos repasando os organigramas, ver a posibilidade operativa, práctica e profesional que pode haber para darlle unha volta a un organismo que agora mesmo precisaría máis traballadores.

-Teñen tamén enriba da mesa a sentenza que obriga á readmisión de Silvia Longueira como directora da Fundación Seoane.

-É outro dos casos dos que hai que falar, tamén con ela. Estamos nesta parte inicial do mandato e o padroado aínda non se xuntou. A idea é non retocar os estatutos e chegar a un acordo bo para todos.

-Cal é a aposta do Goberno local en canto ao Consorcio para a Promoción da Música?

-A pesar do baixón orzamentario, hai unha orientación interesante nestes anos, cara ao pedagóxico e o social, que nos parece moi interesante. É un tema que imos atender de xeito prioritario. Interésanos seguir respaldando esas áreas, desde a Temporada Lírica até a propia acción da Sinfónica e as súas seccións.

-Esta crise deixou un morto polo camiño, o festival Mozart.

-Era unha situación anómala, unha cidade na que existían dous festivais, a pesar da gran tradición e afección e coñecemento da ópera. Hai algún tempo que se rompeu ese mito de corpo de elite, de coñecemento xerarquizado, a nosa obriga e o noso desexo é abrilo o máis posible en connivencia coa xerencia.

-Seguirá tocando a Sinfónica na praza de María Pita?

-Na rúa e baixo teito, en moitos espazos, claro.

-Nestes catro anos fíxose unha forte aposta pola danza, sobre todo na programación do Rosalía, van mantela?

-Estamos en contacto co director, Paulo Rodríguez, a proposta é de cooperación e diálogo. É unha das programacións das que a cidade pode estar máis orgullosa, pola aposta das artes escénicas de maneira poliédrica e moderna. É un reto, a posibilidade de ampliar internacionalmente estes vínculos e cremos que hai posibilidades.

-En canto ao deporte, en que posición quedan as carreiras populares?

-Vimos de aprobar todas as carreiras populares para o resto do ano. Hai continuidade porque funcionan moi ben e xeran unha cultura cooperativa e solidaria, que ten que ver con nocións asociadas ao deporte que temos nós, como a defensa da saúde, do xogo, e non tanto da competición, con todo o respecto para os que compiten. Isto pode acompañarse con actividades que fagan máis popular e accesible estas prácticas. A aposta ten que ir cara ao deporte de base. Sempre pensamos nas categorías inferiores, pero inclúe a todas as idades. Avogamos polo deporte feminino, polos minoritarios e polo asociacionismo vinculado ao deporte. Habería outro reto, o de integrarmos o asociacionismo e o ámbito empresarial e a cidadanía organizada no deporte.

-Como vai ser a relación do Concello co Dépor?

-Boa. O estadio é municipal, haberá obras en breve, está aprobado o Teresa Herrera. O apoio é total. O Dépor é unha marca para a cidade, teremos conversas para iniciar a relación coa federación de peñas.

-Que proxecto hai para a recuperación da antiga prisión provincial, podería acoller esa Caixa da Memoria?

-Vinculamos aí moitas cousas, unha idea moderna da cidade, de aproveitar os espazos que entendemos como da infamia, un espazo que pode ter un segundo significado. Unha das grandes apostas é a da participación, como formular unha proposta de autoxestión cidadana, na que o Concello non ocuparía un papel nin de tutelaxe nin de dirixismo nin de organización, senón meramente administrativo ou como interlocutor. É un dos retos máis apaixonantes, pero precedido dunha cuestión legal e de que poida estar dispoñible este espazo. Está sobre a mesa tendo en conta todas as dificultades que pode ter, coa complexidade da súa rehabilitación.

-E o orzamento que precisa para a súa rehabilitación?

-Está nun estado de abandono importante. Hai que ver como desde o Proxecto Cárcere ou doutras iniciativas, se podería traballar, sobre ese espazo ou outros.

-Vanlle devolver o convenio á biblioteca de Monte Alto?

-Estamos ante unha asociación veciñal histórica, cun traballo indiscutible. Non creo que haxa problema.

-Logo de catro anos de traballo na Concellaría, que lle gustaría cambiar?

-Aprendemos con esta chegada que todo vai pouco a pouco, é un traballo de equipo. O noso camiño debe ser evitar incoherencias e tratar de impedir impulsos elitistas de que presidan as concellarías os esforzos da cidadanía. Se o Goberno en minoría da Marea chega a estes catro anos, espero que, polo menos, esteamos falando de igual a igual co cidadán e de que moitos creadores que arrincaron nestes anos traballan polo mundo adiante.