As eleccións de abril de 1979 chegaban nun momento de axitación total, de crecente efervescencia política e social. Os partidos, legalizados poucos anos antes e sen experiencia nas institucións, preparábanse para xestionar gobernos municipais. Pero fóra dos concellos o chan tamén se movía. Os colectivos sociais e culturais reactivaban a vida dos barrios, mentres que as asociacións de veciños tomaban forza e incluso se plantexaban ser a chave da descentralización administrativa. Converterse en "canle de fiscalización e control" da xestión municipal, "propiciar asembleas" e "concellos abertos" e facer do Concello un "organismo popular e democrático" son algúns dos obxectivos rexistrados nos estatutos da primeira Coordinadora das AA.VV. da Coruña, de 1976.

Nese contexto, Domingos Merino, comercial de Monte Alto, galegofalante, nacionalista e de esquerdas, chegaba á Alcaldía da cidade grazas a unha confluencia na que se integraban até catro candidaturas das seis que obtiveran representación no Concello. O acontecido na Coruña enmarcábase nun sistema de pactos a nivel estatal e galego para que as forzas progresistas ocupasen o maior número de municipios. A pesar de que o PSOE conseguira máis votos e se fixera con seis escanos, Unidade Galega, con cinco, acabou por liderar o goberno a cambio de ofrecer apoio aos socialistas en Vigo e Ferrol.

Na mañá do 19 de abril, tras a retirada do busto de Franco do salón de plenos, Merino era investido alcalde. No seu breve discurso, o cabeza de lista de UG afirmaba querer "estar á altura das circunstancias" para asumir unha "responsabilidade histórica" e responder "aos desexos populares". No que calificaba como un "día alegre e histórico para A Coruña", Merino marcábase como obxectivo "democratizar a vida municipal a todos os niveis" e facía un chamamento ao pobo coruñés para que tomase parte do goberno. "O Concello ten que ser a casa de todos e todos os cidadáns deben ter a posibilidade de participar na política municipal", afirmaba.

Pasados 36 anos, tamén en primavera, chegaba un proceso electoral convulso, cheo de alternativas e de incertidume. Contra todo prognóstico para moitos, igual que ocorrera daquela, a candidatura da Marea Atlántica, encabezada por Xulio Ferreiro -veciño dos Mallos, profesor universitario e galegofalante- chegaba á Alcaldía con 40 anos, a mesma idade na que tomaba posesión Merino . E na súa investidura, celebrada o pasado 14 de xuño, as referencias a aquel intre histórico eran claras. Mesmo houbo, no propio discurso, citas textuais das palabras pronunciadas por Merino aquel 3 de abril de 1979. "Hoxe é un día alegre e histórico para A Coruña", comezou Ferreiro, igual que no seu día manifestara o primeiro alcalde da democracia, para logo afirmar que estaban a responder, "como o facía aquela corporación, ao desexo expresado nas urnas por unha maioría social". O recén investido alcalde destacou como obxectivo o de "afondar na democracia", "sometela a escrutinio público" e por as institucións "ao servizo da xente". "Hoxe calquera pode seguir o que aquí acontece a través de internet", anunciou, "e moi pronto calquera veciño (...) poderá facerse escoitar aquí, no seu salón de plenos".

A pesar de ter nacido en 1974, Xulio Ferreiro sinalou ser coñecedor das palabras pronunciadas por Merino e afirmou que "algunhas delas seguen vivas na vontade popular e cobran hoxe, de novo, todo o seu significado". "Oxalá sexamos quen de estar, parafraseando ao alcalde Merino, á altura das circunstancias", sinalou Ferreiro perto do fin da súa intervención.

Algunha da xente que viviu ambos procesos tamén sentiu flotar no ambiente, a pesar das obvias distancias, un aroma semellante ao de 1979. É o caso do escritor e xornalista coruñés Manuel Rivas, xefe de prensa do Concello durante o goberno de Merino e un dos primeiros asinantes do manifesto da Marea Atlántica no verán de 2014.

A orixe dos movementos

Rivas destaca que en 1979 se estaba a saír "dunha sombra" e "todo era esperanza", mentres que agora "comezaba a aparecer un desencanto moi fondo". Pese a todo, as "sensación dos cidadáns" con respecto ás "preocupacións dos dirixentes" daquela época, afirma o escritor, eran semellantes ás dos últimos tempos, cun "mundo político moi alonxado da realidade". De aí a importancia que atribúe á "proximidade da xente ás decisións políticas".

Os parecidos entre os dous momentos históricos son, na súa opinión, "tristes", pero tamén acaban por ter en común tratarse de "aperturas" para "que entre aire fresco". "As cousas non se repiten", afirma Rivas, "o que se repite é a perda de empuxe, de enerxía nos momentos sociais máis vitais", polo que "todo o que sexa abrir a esperanza é bo".

Quen tamén viviu os dous procesos, aínda que de diferente forma, foi o activista Alfonso Mascuñana. Número once da lista da Marea nestas eleccións, acompañou o goberno de Merino desde os movementos sociais. "O caldo de cultivo de onde xorde Domingos Merino", afirma Mascuñana, é o da "mobilización popular" que viña "das loitas contra o franquismo"; a Marea Atlántica naceu, en cambio, dunhas "reaccións colectivas" nun "momento de crise e resistencia". A 1979 chegouse, na súa opinión, cun "proceso continuado xeracionalmente", "efervescente e ascedente", formado por xente que viña de "loitar contra a ditadura" e que mesmo xa participara do movemento pola democracia de 1968, pero que non tiña "a experiencia que dan o fracaso e a derrota". Porén, o que sucedeu nos últimos anos é, para el, o "renacer dunha xeración entre a cal e as anteriores hai un deserto".

Confluencia e participación

"Hai unha certa similitude na unión de forzas progresistas", sinala Mascuñana respecto á idea de confluencia que, dun xeito ou doutro, guiou ambos procesos, algo que Rivas explica como unha forma de "eliminar contradicións" que fan que "non se poña de acordo xente que cando fala pretende o mesmo". "Unidade Galega xa era unha confluencia", afirma Mascuñana en referencia a que nela se integraran o Partido Socialista Galego, do que formaba parte Merino, o Partido Galeguista e o Partido Obreiro Galego; "e a unión con PSOE, PC e BNPG tamén o era", engade.

O veterano activista tamén lembra como, durante o goberno de Merino, o Concello "se enchía" e a xente ocupaba "a tribuna de arriba, a mesma" na que el volveu estar durante a toma de posesión de Ferreiro. Afirma que daquela, como membro da AA.VV. de Palavea e do Movemento de Solidariedade con América Latina, tiña a sensación de que "María Pita era cousa da xente", e vía que os concelleiros "baixaban á area da realidade" e que daban pé "ao diálogo". Era para el un modelo de sociedade "de sentidiño, que di agora Ferreiro", sen pedir "nada do outro mundo". "Descentralización, participación... o radical foi o que se fixo despois", engade.

Novos obxectivos

"Os listóns son outros, é como se tivese mudado a pista pola que se salta", apunta Mascuñana cun símil atlético. Aínda que ve que "hai listóns que se están a recuperar", como o da "equidade" nun momento de "desigualdades sangrantes", destaca entre as novidades os conceptos "de sustentabilidade" ou "a sensación de ameaza global que vai inicidir", entre outras cuestións "no transporte". Consciente de que a burbulla inmobiliaria "non se pode borrar", Mascuñana aínda ve posibilidades de facer da cidade "un espazo diferente".

O activista cre que a sociedade, tras "un tempo de invernía" no que se acadou unha "Arcadia ficticia", está en condicións de "mudar a tendencia" e destaca o revolucionario da "posibilidade de emancipación" coas novas formas de comunicación e as redes sociais. Para Manuel Rivas, a cuestión resúmese en que, se en 1979 se reclamaba democracia, "hoxe é ética, recuperar a ética". "Os camiños asemblearios, de decisión popular" son, na súa opinión, "difíciles", aínda que "cheos de esperanza". "Temos que telo claro, non para falar con pesimismo", engade, "senón para ser cautos".