"A historia da cidade da Coruña non se pode entender sen a Real Academia", salientou onte o alcalde, Xulio Ferreiro, trala reunión que mantivo con Xesús Alonso Montero, o presidente dunha institución da que considerou que ten un "papel importante na cultura do país". O encontro entre Ferreiro e Alonso forma parte dos que realiza o novo rexedor coruñés cos representantes da vida política, social e cultural da cidade, aínda que neste caso serviu ademais para abrir o camiño cara á conmemoración dun acontecemento que se celebrará o vindeiro ano: o centenario da fundación das Irmandades da Fala.

A presenza do alcalde na casa da rúa Tabernas que serve de sede á Academia foi agradecida "enormemente" polo seu presidente, quen lembrou que foi A Coruña a cidade que en 1905 acolleu a creación da entidade. "O Concello ten que conectar cunha institución tan importante para A Coruña e para Galicia. Brindámoslle todo o saber que poida haber na Academia, onde hai lingüistas, sociolingüistas, historiadores, historiadores da literatura e críticos literarios", explicou Alonso Montero.

Ferreiro estivo acompañado na súa visita polo concelleiro de Cultura, José Manuel Sande, mentres que o presidente da Academia foino polo secretario, Henrique Monteagudo, e pola arquiveira, Margarida Ledo. Alonso lembrou que xa durante a recente campaña electoral se reuniu con membros da Marea Atlántica, de cuxo programa electoral dixo que está moi vencellado á cultura galega."Puña o acento na política lingüística, sempre no sentido máis pedagógico", asegurou Alonso, para quen o primeiro compromiso que tiña que expresar a Academia era ofrecer os seus recursos "para que o alcalde dispoña se quere ser asesorado ou aconsellado".

Para Alonso, o vindeiro vai ser "un ano moi importante para Galicia e especialmente para A Coruña porque é o centenario das Irmandades da Fala", a entidade que promoveu a comezos do século XX o uso social do galego e as primeiras iniciativas para a súa normalización como lingua. "O primeiro gran acto vai ser na Coruña onde dispoña o alcalde", avanzou o presidente da Academia sobre o programa conmemorativo da organización posta en marcha polos irmáns Antón e Ramón Villar Ponte, que nos anos seguintes se estendeu por toda Galicia e que tivo como o seu órgano de expresión oa publicación periódica A Nosa Terra.

O alcalde expresou pola súa banda o seu "afán de colaboración" coa Academia para que xurda un traballo "recíproco moi fructífero" co que a institución "se abra á cidade aínda máis", ao tempo que a vida cultural e social da Coruña se vexa "enriquecida pola presenza da Real Academia Galega".