A elección de Manuel María como homenaxeado das Letras Galegas de 2016, figura fortemente vinculada coa Coruña, coincide co centenario do nacemento, na mesma cidade, das Irmandades da Fala. O 18 de maio de 1916 reuníronse no local da Real Academia Galega arredor de vinte persoas convocadas por Antón Vilar Ponte. Alí estaban o seu irmán Ramón, Manuel Lugrís Freire, Uxío Carré Aldao e Luís Porteiro Garea, entre outros, que acordaron fundar a Irmandade dos Amigos da Fala. Pouco a pouco foron xurdindo diversas agrupacións locais. No mesmo ano, tras a da Coruña, naceron as de Santiago de Compostela, Monforte de Lemos, Pontevedra, Ourense e Vilalba.

A institución, que permaneceu activa até 1931, foi clave á hora de promocionar a lingua con diversas accións, como cursos, recitais ou exposicións, pero tamén tivo unha vertente de reivindicación política directa. Precisamente das Irmandades partiu a posta en marcha do xornal A Nosa Terra, que naceu en novembro de 1916 con 2000 suscritores e permaneceu activo até 1936, sendo voceiro, primeiro, das Irmandades da Fala, e despois, a partir de 1932, do Partido Galeguista.