-Que impresión levou ao poñerse ao día cos asuntos da Concellería?

-Atopei un certo desinterese por sectores como o dos mercados e pola promoción do emprego.Temos moi boas intalacións e persoal cualificado pero houbo unha praxe de non potenciar esta área e de externalizar todo o posible a xestión de recursos e responsabilidades. Isto pode desmotivar aos traballadores ao sentir que son privados das súas responsabilidades cando hai un funcionariado formado.

-Que diagnose fai da situación económica que vive a cidade?

-Facer unha diagnose agora sería irresponsable. Estamos en fase de valoración. Aínda que hai datos que din que temos que unha mellor taxa de desemprego que outras cidades, esta segue a ser moi alta. A crise é longa e profunda, vai esixir esforzos e non imos saír dela se volvemos repetir erros do pasado como a sobrexplotación de certos sectores produtivos que foron sobredimensionados, como o turismo ou a construción. Temos que diversificar a nosa economía e apostar por sectores que sexan o máis innovadores e produtivos posibles.

-Pódese contribuír desde o Concello a iso coa limitación de recursos que ten?

-O Concello dispón de recursos, aínda que non sexan moi abundantes, e ten posibilidades de atraer outros mediante subvencións da Xunta ou da UE. O Concello ten que tratar de asumir o rol de abrir camiños que ao mellor para a empresa privada son máis custosos ou tomar medidas que fomenten a inversión en innovación e desenvolvemento, así como a rehabilitación de vivendas.

-Vén do mundo das letras. Séntese estrano asumindo cuestións como o emprego ou o turismo?

-Aínda que sexa de formación específica de letras, por afinidades políticas e militancias no mundo do traballo organizado, a economía é unha área de interese miña desde hai moito tempo. Teño presentes cifras como as do paro así como o debate sobre o modelo económico. Vivimos nun esquema neoliberal que vén ditado desde fóra, que serve aos intereses dos acreedores pero en ningún caso aos intereses da xente normal que pretende ter un futuro digno. Existen as alternativas pero vivimos un momento de hexemonía neoliberal no que até modelos como o do keynesianismo socialdemócrata son considerados marxinais.

-Procede do sindicalismo e agora terá que poñerse tamén a defender aos empresarios da cidade. Resúltalle contraditorio?

-Nós estamos a prol da creación de emprego e de que sexa de calidade. Somos conscientes de que non podemos ter unha visión unilateral e non se trata de defender intereses senón de saber que o emprego se crea desde as empresas e que nós estamos interesados en que sexan o máis competitivas posible e que haxa cantas máis mellor.

-Vaise remunicipalizar a xestión dos mercados municipais?

-Só hai unha en proceso de revertir ao Concello e é a de Santa Lucía. O resto de mercados xa son de competencia exclusiva municipal. Nós apostamos por facer un esforzo na súa potenciación e por cambiar aspectos das súas normas para adaptalos aos novos tempos. Os mercados teñen que ser un espazo de oportunidade laboral para a xente que non pode competir en libre concorrencia coas distribuidoras e no que intentar introducir ao comercio de proximidade.

-Que plan teñen para os praceiros de Santa Lucía?

-Atopámonos cun problema con escasísimo tempo para manobrar. A concesión volve ao Concello esta semana e non está nas mellores condicións de mantemento e acondicionamento. Queremos que os praceiros poidan continuar pero a cuestión é que sexamos capaces de facelo. É algo que agora mesmo está en fase de estudo.

-No concreto, como se vai apoiar ao pequeno comercio da cidade?

-Hai un histórico de actuacións que hai que avaliar e saber o que funcionou e o que non. O apoio ao sector encauzouse sempre a través de campañas promocionais pero eu creo que hai que investigar novas formas. Nós pensamos, por exemplo, na creación dun banco de baixos comerciais xestionados polo Concello, no que teríamos unha función de intermediario. Hai que ver as dificultades para poñer en práctica algo así e potencialo porque crearía rede de riqueza e comunidade.

-No programa falan de desenvolver "estratexias colaborativas" entre os comerciantes. A que se refiren?

-Canto máis autorganizado está un sector máis preparado está para sobrevivir.Á hora de presentar demandas como grupo organizado sempre é mellor ter un único interlocutor. Hai que potenciar na medida do posible o seu asociacionismo para establecer as súas propias redes, máis ou menos formais.

-Prometen tamén recuperar feiras tradicionais. Que feiras?

-Aí habería que solventar a cuestión normativa porque estamos con normas moi obsoletas. Esas feiras periódicas serían unha oportunidade para dar entrada na actividade económica local a colectivos que teñen máis dificultade para alugar un baixo e facer fronte aos custes dunha instalación comercial normal. É unha maneira de atraer para a cidade a pequenos produtores que teñen moito que achegar desde ese rural tan veciño e, por exemplo, sectores como pequena artesanía ou artistas.

-Cal sería a ubicación?

-Hai unha ubicación privilexiada no primeiro andar de San Agustín, que ten esas pasarelas comerciais agora en desuso. Temos espazos libres e moitos deles son reclamados polo propio sector.

-Prometeron reducir impostos a emprendedores. Que tributos e canto os van baixar?

-É unha reclamación do propio sector pero aínda a temos que planificar. Temos vontade de axudar ao emprendemento pero hai que estudala polo miúdo porque atinxe a máis áreas que a miña.

-Eliminaron as casetas rexionais, unha petición dos hostaleiros. Cada verán tamén piden que non se celebre o Oktoberfest. Vai acontecer o mesmo?

-Iso celébrase en terreo portuario. Nós trataremos de xestionar o que sexa da nosa xurisdición e o uso que faga o Porto dos seus terreos é cousa deles. En canto á cuestión das casas rexionais, o que non debemos facer é subvencionar á competencia do noso propio sector como se facía até agora. Aí si que entraríamos nun marco de competencia desleal. Unha cousa é que se cedan espazos pero a subvención non creo que proceda en absoluto.

-En que vai cambiar a xestión turística con respecto aos últimos catro anos?

-Como no resto de áreas, o que vimos é que non está conceptualizada por escrito unha liña estratéxica que poida ser discutida ou cambiada. Co PP, en Turismo seguiuse unha política de grandes eventos, moi custosa, que tivo como primeira finalidade o impacto publicitario e que nós non imos continuar. Dubido que esa vía fose eficaz á hora de crear unha liña estratéxica de crecemento ou representar unha imaxe boa da cidade. Temos que ir a unha política de planificación, contando sempre cos sectores implicados e tendo en conta as limitacións orzamentarias.

-Porén, o sector non semellaba estar moi descontento.

-Hai cousas que se fixeron ben e que imos continuar, como a do turismo congresual. Noutras cuestións teremos que estudar que facemos. Non vai haber borrón e conta nova senón que conservaremos aquilo que o sector valora.

-Cal vai ser o plantexamento que faga o Concello á hora de renegociar os convenios coas aeroliñas en Alvedro?

-Nós temos pechados os acordos pero os convenios están pendentes de asinar, así que é mellor manter a prudencia. Nós renegociamos á baixas cifras iniciais por falta de recursos. A tendencia ten que ser a de ir reducindo progresivamente o apoio do Concello a medida que a ruta se vaia facendo máis estable e afiance a rendibilidade.

-Están negociando novos destinos?

-Cómpre a cautela até que teñamos asinados os destinos novos ou os que se modifiquen. É unha negociación complexa porque as aeroliñas teñen os seus propios criterios de rendibilidade pero teremos que manexarnos nesa dialéctica entre intereses dun e doutros e non revelar nada até ter os convenios asinados.