Ángeles Huerta naceu en Xixón, aínda que se define como "coruñesa a todos os efectos". Doutorada en estudos de literatura comparada e profesora de italiano na escola de idiomas, acabou por dar co mundo do cine, no que anda inmersa con varios proxectos. The Fetch, o seu último traballo, recibiu o premio ao mellor guión no festival de Cans.

-É vostede a única persoa que estivo, co mesmo traballo, en Cannes e en Cans?

-Penso que si. En Cannes coñecín experiencias tremendamente inspiradoras, aínda que acabei farta de facer colas. Tratei con moitísima xente e aproveitei para falar non só da curta que levaba para a sección non oficial, The Fetch, senón tamén do proxecto do Monelos. Agora chéganme invitacións doutros festivais porque estiven en Francia. De Cans, todo o que poida dicir é marabilloso. Están controlando moi ben que a esencia de todo siga a ser o cine, a cultura, e que os veciños continúen moi presentes.

-Formouse no campo da literatura. Como chegou ao cinema?

-Eu sempre escribín moito, e paréceme moi difícil, se tes ganas de comunicar, substraerte aos cantos de serea do cine e da imaxe como forma dominante de comunicación. Primeiro realicei cursos online con escolas de Madrid e Barcelona, tamén fun autodidacta e logo marchei a Londres facer un curso de dirección serio. Pero ao final, moitos grandes directores non pisaron unha escola de cine na súa vida. O oficio do director é a mirada, e a mirar non che pode ensinar ninguén.

-Como ve a situación do audiovisual en Galicia?

-Mal. Non é fácil facer unha película, non o é en España en xeral. A pena é que aquí se sentaron, cos programas de axudas, unhas bases moi boas e moi envexadas desde outras zonas do Estado do que podía ser un cinema galego. E agromou; as pelis que están aí e que o petan nos festivais internacionais foron froito diso. Eses cartos xa non os hai. Pero señores, a Citroën está subvencionada, as minas asturianas están subvencionadas. O Estado inviste, e esa é a súa función, para crear riqueza alí onde hai un tecido produtivo. O cinema é un tecido produtivo, e hai técnicos de son, operadores de cámara, directores de fotografía, xente de produción, actores... Son tan traballadores como os que están na Citroën.

-E o Novo Cinema Galego?

-Eu non creo na etiqueta, o que creo é que ao abeiro desas axudas que agora esmorecen se fixeron e se están a facer cousas moi interesantes en Galicia. Pero o Novo Cinema Galego deixa fóra cousas moi interesantes. Un fala de Lois Patiño, de Eloy Enciso, de Oliver Laxe, que teñen grandes traballos, pero que me dis de Alfonso Zarauza ou de Sandra Sánchez? A xente que acuñou o termo vaiche dicir que non é Novo Cinema Galego. Eu prefiro falar do cinema que se está a facer agora en Galicia.