Daniel Díaz Concelleiro de Mobilidade Sostible

Daniel Díaz: "O cambio no modelo de mobilidade para a cidade pasa pola recuperación do carril bus si ou si"

"Ampliación de Alfonso Molina si, pero non así. Ten que ser unha vía amable na que se reduzan as incidencias por velocidade e cruces en puntos conflitivos, con menos ruído"

02.08.2015 | 11:30
Daniel Díaz, na praza de María Pita, sobre a bicicleta que usa nos seus desprazamentos.

O cambio do sistema de mobilidade da cidade é o teito ao que mira a Concellaría de Mobilidade Sostible que dirixe Daniel Díaz, un obxectivo que inclúe, entre outros aspectos, a reformulación do mapa de rutas das liñas do bus, a transformación da avenida Alfonso Molina nunha vía "máis amable" sen renunciar á súa ampliación e a recuperación do carril bus. Para o edil de Marea, é necesario "paciencia, educación e consenso" para axudar a cambiar os hábitos de confort que a cidadanía ten para mobilizarse. Prevé que a peonización do casco vello non será sinxela e aposta por dar facilidades aos usuarios da bicicleta

-Vén de encabezar a Plataforma pola Mobilidade. Cámbialle moito a visión dos asuntos relacionados coa mobilidade agora que é concelleiro deste campo?

-Non cambia. Os reclamos feitos desde a plataforma foron recollidos perfectamente polo espírito da Marea. Os cambios están claros, trátase en definitiva dun cambio no modelo de mobilidade.

-Temos carencia de modelo sostible na cidade?

-Temos grandes carencias. Cada un dos dez concelleiros cremos que a nosa concellaría é a máis importante. Eu penso sen dúbida que a mobilidade é a que vai provocar o maior cambio que pode sufrir a cidade. Un cambio para ben.

-Tan difícil é moverse na cidade e atopar solucións para todos os usuarios de transporte?

-Si que é difícil porque aínda que o termo mobilidade sexa moi xenérico e se cadra difícil de comprender polos cidadáns, a realidade é que un cambio de mobilidade como o que queremos por en marcha implica cambios en moita xente porque todos nos movemos dun xeito ou doutro. Se queremos facer un cambio de raíz tocaremos moitos espazos de confort individuais e moitos hábitos diarios, e ese é un dos temas sensibles polos que sempre houbo medo ao falar de cambios na mobilidade.

-Déixase a xente convencer por ese cambio de hábitos?

-Ese é un dos grandes traballos que temos que facer desde a Concellería de Mobilidade: impregnar á cidadanía deste cambio. Iso só pode pasar por introducir outros conceptos en termos de mobilidade: o fomento do transbordo, as vías prioritarias para transporte público, que é o único que depende para cambiar ese modelo e gañar aos usuarios que veñen do coche. Ese traspaso modal, que é un dos puntos fundamentais deste cambio.

-A cidade ten o plan de mobilidade do anterior Goberno local. É unha boa referencia ou habería que cambialo?

-O PMUS ten información moi valiosa que imos utilizar de boa gana. Pero ten un erro enorme que ensombrece a boa intencionalidade do resto, que é non tratar o transporte público coa profundidade que se debería.

-Que prevé entón a Marea co transporte público?

-A reformulación total do mapa de rutas das liñas do bus. E dentro deste cambio hai outros pequenos cambios que hai que vender ben á xente, como a prioridade absoluta para a circulación do transporte público ou o transbordo efectivo.

-Unha reformulación moderada ou brusca?

-Entendo que é un cambio no que un sistema remata hoxe as doce e outro novo comeza mañá ás doce e un minuto. Iso require moita inversión en paciencia, educación e consenso coa cidade.

-Esa preocupación por cambiar o sistema atópaa vostede ao falar cos distintos colectivos relacionados coa mobilidade?

-Todo o mundo quere mellorar o sistema de transporte, pero ao seu xeito de ver. Neste mes e medio de Goberno local, nas audiencias que tiven con veciños para falar de mobilidade dixéronme que queren que polo seu barrio pasen máis buses e con máis frecuencia. Eu sempre lles resposto que igual a frecuencia non é o máis importante senón a eficiencia. De que vale ter autobuses cada cinco minutos se tardamos 45 desde Monelos ata Monte Alto?

-Carril bus entón?

-O autobús ten que ter un camiño prioritario que ofreza tempos competitivos para que a xente que hoxe utiliza o automóbil como recurso principal poida ver o transporte público como unha mellor opción. O bus ten que ter un carril de entrada e saída á cidade con preferencia absoluta. O cambio no sistema de mobilidade pasa por recuperar o carril bus si ou si.

-Por qué cambiar os percorridos das liñas se moitos levan moito tempo sen variar?

-Ao estudo que se teña do novo mapa de rutas non se lle van poñer trabas. Será un estudo avalado tecnicamente e consensuado coa cidadanía que será explicado logo pola nosa parte.

-Levará bastante tempo?

-Hai un tempo no que se explicará ben ese plan e se tentará de vender a máxima de que se queremos un cambio real o cambio pasa polo bus, hai que convencerse diso.

-O prezo do tique de bus non subiu pola renuncia dos traballadores á subida salarial en 2015. Subirá en 2016?

-O Concello ten un contrato pechado coa Compañía de Tranvías no que se reflicte de onde se obtén a revisión de prezos anuais. Esa fórmula que os marca foi intocable e será intocable, polo menos ata que se poida tentar entrar na propia concesión de Tranvías.

-Pensando no tráfico, é compatible a mellora do sistema de transporte público coa ampliación da avenida Alfonso Molina?

-Se a proposta de Fomento recollese un vial exclusivo para o bus podería ser compatible, pero iso está posto como unha opción. O que quere o Goberno local é darlle un cambio a Alfonso Molina, o que non quere dicir que se renuncie á ampliación. Ampliación si, pero non así. A avenida ten que ser unha vía amable na que se reduzan as incidencias por velocidade e cruces en puntos conflitivos, con menor nivel de ruído.

-Baixou realmente o nivel de tráfico en Alfonso Molina desde que abriu a terceira ronda?

-É un feito, os datos din que si, pero os problemas de aglomeración que había en Alfonso Molina trasládanse agora a outros lugares, como ao final da terceira ronda na conexión coa rotonda do Pavo Real en horas punta.

-A ponte da Pasaxe necesita unha ampliación?

-Xenera colapsos cada vez que hai unha incidencia. Desde o Concello o que se propón é que os cartos non se invistan na reforma da infraestrutura senón nun sistema de transporte público que arranxase ese problema de conxestión.

-Como de prioritaria para o Goberno local é a peonización da Cidade Vella?

-Tivemos conversas cos veciños, que nos lembraron que a proposta máis preto de realizarse foi a do Goberno bipartito. Tentaremos adaptar os dous plans de gobernos anteriores.

-Un non se fixo e outro non se rematou. Podería quedar sen rematar de novo?

-Que dous gobernos quixeran facela e non a rematasen indica que non é tema sinxelo. Partimos diso. Non se vai resolver dun mes para outro. Hai que falalo moito.

-A dobre fila non hai quen a arranxe na cidade?

-Loitar contra iso ten que ir acompañado doutras accións. Non se descartan as sancións, pero debe haber solucións de mobilidade. As rúas polas que pase o transporte público teñen que estar si ou si libres da dobre fila.

-O usuario de bicicleta móvese con seguridade na Coruña?

-Non por todos os lugares. Temos que optar por dar facilidades aos ciclousuarios ou a quen todavía non o é. As grandes vías van necesitar de plataforma única para a circulación en bici con total seguridade e outras vías terán unha simple sinalización. Pero hai que ter coidado porque a mala ubicación de rutas para bicicleta pode provocar conflitos co elemento máis sensible, que é o peón. Interesa moito desenvolver porque unha das súas bondades é a caída da velocidade.

-Vaise volver usar o tranvía turístico?

-Hai un problema: unha parte da catenaria está inutilizada, entre o Acuario e o reloxo [As Lagoas], porque houbo un accidente de tráfico no que se derribou o tendido. Require inversión para reparar o tendido e para o tranvía. Iso agora mesmo non é unha prioridade.

-Hai boa convivencia entre medios de transporte?

-Houbo un punto crítico que a fixo empeorar nos últimos vinte anos: a retirada do carril bus, coa que saiu perdendo o transporte público. Pode que a ubicación non fora a mellor das posibles, pero a solución non era quitalo.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine