O voceiro da Agrupación de Mariscadores a Pé, Manuel Baldomir, cre que o saneamento da ría do Burgo está máis próxima ca outras veces que os veciños e os traballadores a pediron. Hai agora unha mesa de traballo na que participan os alcaldes da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros e están, segundo a Xunta, todos os puntos de verquido de fecais eliminados. O seguinte reto está nos Presupuestos Generales del Estado, en conseguir que haxa unha "partida importante" que permita que as máquinas empecen a retirar os lodos.

-Agora que todos os alcaldes forman coa Confraría de Pescadores unha fronte común para defenderen o saneamento da ría do Burgo, como van ser as reivindicacións desde esa mesa de traballo?

-Pensamos que é o mellor, porque non é o mesmo que os veciños ou os mariscadores loitemos sos a que os gobernos dos concellos limítrofes coa ría apoien esta iniciativa. Esta actuación é tamén importante, como o foron no seu día a terceira rolda ou o aeroporto de Alvedro e abrangue o ámbito territorial de catro concellos. É unha grande obra que hai que realizar e ter todo o apoio xa non só por parte da cidadanía senón dos gobernos, é importante. Cómpre resaltar o apoio da conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, que di que os traballos por parte dos concellos están feitos e que agora a quen lle toca é ao Goberno do Estado executar o dragado.

-Que partida orzamentaria esperan que apareza nos Presupuestos Generales del Estado?

-Nós de partidas económicas non podemos falar porque non somos técnicos niso e porque tampouco temos coñecemento do programa que se vai realizar para o dragado. O que está claro é que, cun investimento de 100.000 ou de 200.000 euros dificilmente se pode acabar de adaptar o proxecto e, ao mesmo tempo, traer as máquinas para que empecen xa a facer os traballos de retirada dos lodos. Nós estimamos que, se falabamos de que o dragado podía rondar os trinta millóns de euros, pois que a partida orzamentaria ten que ser importante, non mínima para que o Estado se cubra as costas de que destina fondos á rexeneración, aínda cando os lodos seguen no fondo da ría.

-Confían en que, desta vez, vaia para adiante a recuperación do esteiro?

-Sen lugar a dúbidas é o momento máis factible que nós vemos para que isto siga para adiante. Os concellos fixeron o seu traballo, a eliminación dos puntos contaminantes, dos verquidos fecais. A Xunta fixo o traballo que lle correspondía e agora temos o apoio dos alcaldes para, entre todos, acordar que é o mellor para a ría do Burgo e para demandarmos o dragado, pero a desconfianza está aí. Até que vexamos unha partida económica nos orzamentos do Estado interesante e até que vexamos publicado no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado o calendario de actuacións no que se especifique ben clariño como se van realizar os traballos e en que prazos... pois non imos estar tranquilos, porque son moitos anos de promesas e de lodos na ría. Até que non vexamos isto non imos estar convencidos.

-Piden tamén que se inclúa nesa partida orzamentaria, unha compensación para os mariscadores se non poden faenar durante un tempo por mor das obras.

-Isto é unha cousa que se falou xa tanto na Xunta coma con Demarcación de Costas porque, ao descoñecer como se vai realizar o dragado, nós o que propuxemos foi que, no caso de que se teña que paralizar a actividade extrativa, que eses danos teñen que estar cubertos. Dixéronnos que si, que non habería problema ningún e que era evidente que tiveramos algún tipo de compensación.

-En canto ás partes xa coñecidas do proxecto, algunhas incluso adxudicadas, contan co seu visto bo ou faríano doutro xeito?

-Os proxectos puidemos velos pero non somos técnicos e non podemos valoralos. Demarcación de Costas informounos dos pasos que están a seguir e din que todo se está desenvolvendo e ben. O proxecto que presentou o Ministerio de Medio Ambiente está avalado polo Centro de Estudos Tecnolóxicos (Cedex), así que estamos falando de profesionais a grande escala que saben como hai que facer o traballo e como non. Nós sempre nos fiamos deles e non temos capacidade para criticar as actuacións que eles din que son as factibles.

-O que esixían os mariscadores era non só a retirada dos lodos, senón que se garantise a existencia de correntes, non si?

-Si, iso é o fundamental, a ría leva moitos anos sufrindo verquidos contaminantes que causaron estes lodos e agora eses focos xa non están, pero quedaron os lodos. A ría antes era produtiva ao 80%, así que hai que deixala como estaba e iso pasa por extraer os lodos e por abrir os canais de baixada para que as augas entren con forza, porque así a ría depurará mellor e estará máis saneada e o marisco medrará con máis facilidade. Agora a ría está moi taponada e invadida polos lodos e sofre unha degradación moi grande, así que o marisco nin reproduce nin medra como ten que facelo.

-Non está a ser bo este ano para os mariscadores, primeiro cos hidrocarburos, despois co peche pola toxina, como lles vai agora?

-Para os mariscadores case ningún ano é bo, porque cando non son os furtivos, son os lodos, que de cada vez asolagan máis os nosos bancos marisqueiros. É certo que, de dous anos para aquí, a problemática se agranda, porque nos meses de febreiro e marzo repunta o nivel de hidrocarburos e no verán temos o problema das toxinas. Afortunadamente, o ano pasado poidemos traballar con bastante normalidade. Creo que no mes de xullo estivemos parados por marea vermella e esperamos que este ano, aínda que empezou mal, pois que acabe ben.

-Tiveron algunha contestación da comisión de investigación formada para saber a orixe dos verquidos de hidrocarburos?

-Non, o único que sabemos é que seguen investigando, que hai unha mesa de traballo para intentar localizar estes focos contaminantes. Nesta mesa están representadas distintas administracións e din que está funcionando pero que non dan identificado de onde veñen os hidrocarburos. Seguimos á espera de que algún día sone a frauta e que nos dean unha resposta.