A Feira do Libro da Coruña continúa hoxe a súa programación con dez sinaturas de autores, actividades e presentacións de libros, algúns dos cales exploran a historia da cidade. Un deles é De paseo con Crunia, unha obra na que a autora lucense Cristina Corral mestura prosa e verso nunha guía de viaxe da Coruña "para nenos que viaxan con adultos" que se presenta ás 18.00 horas.

A obra, explica Corral, mestura fotografías, ilustración, láminas para colorear e textos en verso e en prosa nun recorrido a través de Monte Alto, a Cidade Vella, a Pescadería, o Ensanche e Elviña no que se explican os monumentos e historia destes barrios.

Para cada unha destas zonas se inclúen comentarios sobre os puntos máis interesantes, de feito que os rapaces poidan realizar unha ruta cultural pola cidade comentada, e lean no libro o mito de Xerión cando visiten a Torre, ou a lenda de Lady Hester Stanhope mentres pasean xunto á tumba de sir John Moore. Actualmente, Corral está traballando para levar este formato a outras cidades, empezando por Lugo.

Tamén recupera a historia coruñesa a novela El inmenso mar de los olvidados, de Jacobo Ríos, ambientada na guerra anglo-española de finais do século XVI e que narra a visita á cidade da Gran Armada, o asedio das tropas de Drake e Norris e o afundimento da flota de Martín Fadilla en Fisterra, un tempo que, segundo o escritor, foi "quizáis a década máis convulsa da historia da Coruña". A novela, para a que Ríos se estivo documentando durante catro anos, recupera personaxes históricos tirados dos arquivos do Reino de Galicia. O seu autor preséntaa hoxe ás 19.30 horas, na caseta da librería Arenas.

Tamén presentan hoxe en Méndez Núñez as súas obras Itxu Díaz, Xabier Vila-Coia, Elisa Vázquez de Gey, Xabier Alcalá. Haberá dúas actividades infantís, sobre o reciclado de materiais, e a obra Lucecús con Pirilampo, e aTeresa Ferreiro imparte un coloquio sobre o seu libro Un bulto en la mama: tú eliges cómo abordarlo.