A facultade de Dereito da UDC introduce este curso a posibilidade de que os alumnos do Mestrado en Asesoramento Xurídico e Empresarial cursen o segundo cuatrimestre na Universidade de Widener (Delaware) e obteñan tamén o mestrado en Dereito Societario por esa universidade estadounidense. O decano da facultade desde abril de 2013, José Manuel Busto, explica a importancia de acadar esta dobre titulación en só ano e medio.

-Cal é a importancia deste mestrado con Widener?

-O dereito de sociedades de Widener é calificado como un dos mellores desde hai décadas. Ademais, a materia do mestrado está en relación co que pide hoxe a práctica totalidade das empresas. O idioma do comercio internacional é o inglés e moitos contratos sométense a dereito estadounidense. Por outra banda, Delaware ten unha peculiaridade. É un Estado que por razóns xurídicas e sobre todo tributarias, concentra o 90% do domicilio social das sociedades estadounidenses. Esta titulación ten unha vinculación moi específica coa realidade das empresas e sociedades norteamericanas.

-Logo do cuatrimestre en Delaware, hai posibilidade de facer as prácticas aló?

-Si, ou ben nos EEUU ou ben de retorno aquí, sexa cunha sociedade, empresa ou administración pública.

-Foi un acordo difícil de conseguir?

-Até agora mantíñanse acordos con universidades de Francia, Alemaña ou Italia. Son máis doados de conseguir, basicamente porque a normativa, ao estar dentro do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), é a mesma. Pero tanto coas inglesas como especialmente coas norteamericanas, os convenios son máis dificultosos por varias razón; unha delas, o custe das matrículas. Unha vantaxe deste convenio en concreto é precisamente iso. Os nosos estudantes pagarán en Delaware un terzo do que tería que aportar un estudante estadounidense.

-Poderán acceder a bolsas os alumnos que cursen este mestrado o próximo curso?

-A día de hoxe non temos máis que as que convocan anualmente o Ministerio e a Xunta para alumnos de posgrao. Estamos traballando, tanto a oficina de relación internacionais da Universidade como o Decanato, para conseguir que algunha entidade privada nos patrocine a través de bolsas ou axudas.

-Cantos estudantes da Universidade poderán ir a Widener?

-Un terzo dos alumnos que accedan ao noso mestrado, que oferta cada ano unhas 32 prazas, poderán cursar os estudos tamén nos EEUU. Desgrazadamente creo que non imos chegar a cubrir as prazas para Widener, pero a posibilidade que se brinda aos nosos alumnos é extraordinaria. É unha oportunidade única porque terán acceso directo ao mestrado sen pasar os criterios de admisión da Universidade de Widener, que ademais se compromete a ofrecerlles aloxamento no propio campus universitario.

-Por que motivo cre que non se cubrirán as prazas?

-A min encantaríame que cubríramos a oferta para ter que demandar máis prazas, pero hai certas reticencias dos rapaces a saír fóra. O certo é que cada vez menos; nos últimos anos incrementouse moito o número de alumnos que participan en programas de intercambio.

-Quizais tamén motivos económicos: un terzo das taxas de aló será máis que o que se paga aquí.

-Efectivamente, e logo están as viaxes, os desprazamentos... Hai custes engadidos. Pero o certo é que se trata dunha inversión rentabilizable a moi curto prazo.

-Que opina da supresión de mestrados con outras universidades por non acadar o mínimo de prazas?

-Chegado o mes de outubro, que non se cubra o mínimo de prazas que esixe Educación e que se teña que dar de baixa un mestrado plantexa un problema grave, tanto cos alumnos xa matriculados como coa outra universidade. Transmite incluso pouca seriedade. É evidente que estes mestrados necesitan un tratamento diferencial. Precisan un período de rodaxe e os alumnos teñen que saber que as experiencias dos que os precederon foron favorables.

-Debería a Xunta apoialos polo valor engadido que ofrecen?

-Xa non apoiar, pero a Xunta debe velos con outros criterios máis xenerosos, especialmente os primeiros anos de implantación, polo valor engadido para a universidade e para os alumnos que os van cursar.