A edil Claudia Delso está nun despacho con dúas portas que sempre están abertas. Sobre a mesa ten un esquema de máis dun metro de longo, aínda a medio facer, con anotacións en papeis amarelos e bolígrafos de cores, de todo o que debe facer a Concellería de Participación e Innovación Democrática. É un espazo novo, que carece aínda de orzamento propio e que pretende integrar na toma de decisións da política municipal aos veciños, estean ou non asociados.

-É concelleira dun área nova, cales son os obxectivos da concellería de Innovación e Participación Democrática?

-Os propósitos son activar mecanismos de participación na cidade. Queremos que a xente participe para, entre todos, tomarmos as mellores decisións posibles en relación á política municipal e ao contexto no que vivimos. Para iso hai que poñer en marcha todo un marco legal e efectivo que facilite a participación. Pola Lei das Grandes Cidades temos a obriga de ter un regulamento de participación. Témolo, pero que nunca se usou. Un dos cometidos da concellería é poñer ese regulamento en práctica e actualizalo.

-Como van ver os veciños que están empezando a participar na política municipal?

-Témonos que colocar nun lugar de corresponsabilidade. De nada vale que o Concello diga se a xente despois non fai. As asociacións de veciños e colectivos, formais e informais, que operan nesta cidade son os que realmente saben cales son as problemáticas. Trátase de establecer as canles de relación que permitan que a xente poida tomar partido das decisións da cidade.

-O tecido asociativo está politizado, até hai barrios con máis dunha entidade veciñal e que defenden cousas diferentes, como se vai xestionar esa pluralidade?

-Que participe todo aquel que queira, independentemente de que estea organizado ou non. A xente quere tomar partido pero cando veñen aquí facemos fincapé en que non por seren unha asociación de veciños van ter máis peso. Teñen unha lexitimidade a nivel cidadán e de barrio, pero tamén hai xente que ten dereito a opinar e a decidir.

-Pero sería lóxico pensar que nun barrio onde hai dúas asociacións, se unha é histórica e ten 700 afiliados e outra acaba de nacer e ten só 50, teña máis peso o que diga a que agrupa a máis xente. Neste caso non é así?

-Depende. É un debate interesante o do cuantitativo fronte ao cualitativo. Se a xente ten disposición de traballar, de facer propostas e de poñerse a un mesmo nivel de implicación, nós temos a responsabilidade como institución de xestionar os recursos e de poñelos á súa disposición. A xente está afeita a traer peticións ao Concello, pero non especifica cal é a máis urxente. Cada unha das demandas veciñais despois tradúcese en recursos económicos. Por que decide o Concello que é máis importante asfaltar unha rúa que facer un parque infantil? Esa é a responsabilidade da xente, non do Concello e, para iso, a xente ha de entrar nunha dinámica de traballo colectivo.

-Como se pode facer realidade iso nunha cidade con 245.000 habitantes?

-Facendo unha cousa que, por lei, xa tería que estar feita pero non o está, a división territorial por distritos. O marco da cidade estaría máis organizado e teriamos unha maneira de relacionarnos diferente e poderíase facer efectiva a participación.

-O Concello coñece agora algunhas das prioridades dos veciños, como as vai afrontar?

-A maior parte das peticións que recibo non son competencia miña. Hai moitas cousas que teñen que ver con cuestións de mobilidade ou medioambientais ou de rexeneración urbana. Ao recibirmos a todas as asociacións de veciños queriamos que visen que teñen moitas cousas en común, a pesar das súas diferenzas. E temos que traballar cara a aí. A min cóntanme moitas cousas do pasado, pero eu, onde me sitúo, é no traballo conxunto e mirando cara ao futuro. Se a xente quere quedarse nos rencores e nesas cousas... Eu teño claro que iso a min non me pertence. Eu teño que escoitar a todo o mundo por igual e traballar para todas as persoas.

-Cales son os temas que máis preocupan aos veciños cando veñen a este despacho?

-Hai moitas peticións de equipamentos públicos, a necesidade de espazos verdes, de lecer, infraestruturas, beirarrúas, acondicionamento do pavimento. Isto a min dame unha imaxe moi real da cidade que temos. Despois tradúcese en accións que se poderían facer a curto prazo, e outras que están xa no plano do desexo, por exemplo, facer un parque ou ter unha relación máis directa cos centros cívicos.

-E dará tempo en catro anos a artellar todos estes sistemas de participación?

-Pois tamén hai procesos participativos que queremos activar e espazos onde poidamos colectivamente debatir sobre problemas concretos da cidade e buscarlle solución ás políticas públicas. Eu creo que vai dar tempo a facer moitas cousas se a oposición se pon a traballar tamén conxuntamente. A corresponsabilidade non é so cos veciños e o Goberno senón tamén coa oposición. Vai ter moitísimo peso para que os regulamentos se poidan aprobar. Eu agardo que, con todo ese chamamento que se está facendo á participación e á transparencia por parte de todos os grupos políticos, se faga realidade todo isto que, na teoría sona moi bonito e ideal, e que chegue ás rúas e que a xente poida entrar no Concello e participar.

-Pero terá que ir máis alá de asistir a unha asamblea e votar, non si?

-Que o proceso da Marea, participaras nel ou non, teña ocorrido nesta cidade senta un precedente importante, porque se ve que as cousas é posible facelas colectivamente se hai vontade e se a xente se pon a traballar e deixa ao lado as diferenzas e pon o foco nalgo común.

-A concellería non existía antes, como está economicamente?

-É unha concellería precaria. Cando cheguei, había unha técnica de participación que levaba nese posto os últimos seis anos. Unha persoa sola, ese era o valor que se lle daba á participación. Segue esta persoa, que ten moitísima vontade de traballo. Agardamos a esa modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), que faga efectiva, a nivel recursos, todo o que vai desenvolver esta concellería. Polo de agora estamos funcionando as catro ou cinco persoas que estamos, facendo todas de todo e activando grupos internos con traballadores e traballadoras para buscarmos solucións a problemas ou a traballos que non están feitos.

-Coma que?

-Non existe, por exemplo, un inventario de locais municipais. É algo tremebundo, porque como cidadá pensas que un Concello como o da Coruña, no ano 2015, saberá cal é o seu patrimonio, pois non. Iso fai que algo que debería ser unha xestión moi sinxela e inmediata, se convirta nunha cousa complexa, porque a fonte non existe. Hai listas, si, pero non están actualizadas, non coinciden entre elas, unha concellería ten unha, outra ten outra..., faltan datos. A única solución que temos é facelo nós. Estamos traballando niso. Fixemos unha xuntanza de traballadores no Concello porque é importante que a información flúa. Aquí as concellerías funcionaban coma compartimentos estancos. Hai moitas cousas que facemos que se verán a medio prazo.

-E a nivel orzamentario?

-A situación é moi curiosa, porque até que non fagamos un orzamento novo non teremos cartos propios. Polo de agora é unha situación anómala, porque temos a competencia de mocidade, pero antes estaba en Deportes, así que hai algúns cartos que dependen de Deportes e outros de Emprego, pero como case non hai cartos... Cos poucos recursos que temosaínda estamos facendo cousas.

-Que obxectivos ten a Concellaría en canto á mocidade?

-Analizando o que se fixo na cidade, creo que nunca se fixo unha política de mocidade real.

-Hai o Centro Municipal de Información Xuvenil.

-Si, é un recurso que dá un servizo fantástico e que é un referente. Eu fun antenista de pequena e participei en moitas das actividades do CMIX e agora son parte responsable. É un luxo e convén coidalo, pero despois hai que facer un proxecto máis amplo.

-E como?

-A cuestión da mocidade debería ser transversal a todas as concellerías. É cuestión de poñer o foco na xente moza. É un punto ao que mirar e non a esquivar porque non sabemos atendelo. Aí hai un reto enorme que creo que hai que abordalo colectivamente aínda que eu teña a competencia.

-Até o de agora en María Pita a palabra mocidade case sempre ía acompañada da de botellón.

-En contraposición a iso faise un programa de lecer alternativo, que está moi ben, pero creo que falta dar espazo á xente moza para que diga o que quere e que poida participar no deseño do programa. Creo que, en xeral, se fixo unha política para xente moza, sen contar con ela, como se dixeran: "Imos facer isto, que seguro que lles gusta", pero sen preguntarlles.