-Vostede chega ao Concello logo de traballar en diferentes actividades medioambientais en Galicia e en Berlín. O seu traballo previo pode atopar un campo de actuación axeitado agora nun Goberno municipal?

-Moitas cousas, os principios básicos seguen sendo os mesmos. Outra cousa é que hai que integrar todos en eses pensamentos toda a maquinaria administrativa e lexislativa, por iso moitas cousas que se ven fáciles desde fóra non o son tal cando chegas a unha institución. Teño sorte de estar nunha área na que traballo profesionalmente e que me encanta, polo que non me importa investir horas nela.

-Como é a calidade medioambiental da nosa cidade?

-Diría que alta, como pequena cidade que é en comparación coa metrópole da que veño de traballar, aberta ao mar. Mais queda terreo por andar, todo é mellorable. Para min a calidade de vida medioambiental e a calidade de vida da cidadanía son sinónimos.

-Hai catro anos por diante. Que urxe?

-Hai sectores clásicos como a xestión de residuos, da auga ou dos ruidos. Unha vez que estás dentro ves necesidades de actuación noutros ámbitos. Por exemplo, agora traballamos nun programa para facer as festas desde un punto de vista máis sostible, con máis protección dos espazos comúns das zonas de festas. Unha das grandes necesidades que nos atopamos, e que estamos a abordar este ano vía estudos para facer propostas de calado a través dunha auditoría o vindeiro ano, é a xestión de residuos.

-Con que actuacións?

-De entrada, mellorar moitísimo a colaboración e a comunicación cos cidadáns. Na programación de futuro está a redución de residuos e a mellora da compostaxe. Hai que facer tamén un exercicio de transparencia e contarlle a xente como está a funcionar a planta de tratamento de residuos de Nostián.

-Ten lido xa as dúas auditorías de Nostián?

-Si.

-Diría que son "unha novela de terror", como as calificou o anterior portavoz do Goberno local, Julio Flores?

-Hai un proceso xudicializado que é competencia dos tribunais e no que pouco podo eu maniobrar. Cando tes un pleito de 40 millóns de euros na túa xurisdición é un pesadelo de terror. A planta de Nostián foi unha aventura moi valiosa no seu momento que optou por un modelo que nós apoiamos, o da compostaxe. Agora o que todos temos que tratar é de que as eivas que haxa se solucionen.

-A auditoría económica dubida da capacidade de xestión de Albada para seguir ao frente da planta de Nostián. O Goberno local tamén?

-Acordamos coa planta unha visita no mes de setembro. A partir dese momento teremos elementos de xuízo. Albada é a concesionaria e vaino seguir sendo ata o final do contrato.

-Hai que revisar entón a concesión, como aconsella o documento?

-Aínda non se pode dicir.

-Convén a Nostián retomar a colaboración con Sogama para repartir actividades?

-Tamén hai que analizalo, é unha posibilidade. Falouse diso no pasado e non foi cara adiante, así que hai que saber por que.

-Que hai que mellorar na xestión dos residuos?

-Moito. O primeiro, reducir a cantidade de lixo que producimos, algo no que temos un longuísimo camiño que percorrer. Todo o lixo produce problemas en todos os modelos vixentes en Galicia. O modelo alternativo a Nostián, que é Sogama, non é a panacea. Temos que mellorar a calidade da compostaxe, e iso empeza pola recollida selectiva e a separación en orixe e continúa por ter unhas instalacións que a nivel técnico funcionen en debida forma. E neses pasos temos que actuar todos: o Concello, a concesionaria, a cidadanía.

-Onde pon os ollos agora o Concello?

-Estamos estudando os fluxos de masa, que entra, que sae, as tipoloxías de residuos, que proxectos de I+D+i se levan a cabo? Estamos a procesar toda esa información para ter unha panorámica clara que nos permita saber o que facer no futuro.

-A Xunta lles dá un ano para selar o vertedoiro de rexeitamentos. Vai ser tempo suficiente?

-O selado do vertedoiro de rexeitamentos hai que facelo de xeito veloz. O que está en entredito é de quen é a responsabilidade. A lexislación de residuos establece que é da entidade explotadora dese vertedoiro. O que entendemos é que a Xunta marcou ese prazo e nos cargou a nós a responsabilidade realmente nunha autorización que lle estaba concedendo á planta. Nós alegamos que hai que selalo pero hai que dilucidar quen se encarga.

-Sáelle cara aos coruñeses a xestión de Nostián?

-A xestión do lixo é carísima, que lle pregunten aos concellos suscritos a Sogama. Pagamos unha millonada, uns seis millóns ao ano. Pero quero poñer as cousas no seu sitio: o contrato da limpeza é de dez millóns e pico. Se queremos arranxar un problema ao que xa lle chega ben, temos que fuxir de magnifícalo. Xestionar o lixo é caro e non é sinxelo. Todos teñen que poñer da sua parte, volvo a dicir.

-Responde a cidadanía por moito que se lle insista en mellorar a súa parte de responsabilidade nesa xestión do lixo?

-Esa comunicación ten que ser unha constante porque hai xeracions que non se lembran do Prestige, por exemplo, por iso digo que hai que lembrar as cousas e non esquecelas. Pola miña experiencia sei que na cidade os veciños colaboran cando se lles dá a información e os medios. Pero hai que ter coidado coas mensaxes que se lles transmiten e non dicir que o que se fai ao final non serve de nada.

-Ten arranxados o Concello os problemas relacionados cos verquidos á ría do Burgo?

-Os problemas son puntuais, como pasa co río Quintas, que se debe a que a rede de saneamento de Palavea é moi vella e produce verquidos cando hai roturas ou avarías. Arránxase se se repara, pero o problema de fondo permanece pola antigüidade da rede. O plan verdadeiramente importante é substituir a vella canalización por sistemas de tecnoloxías máis modernas. A situación mellorou moitísimo na ría, pero nós estamos traballando para completar a instalación da rede de saneamento e a das redes separativas de pluviais e fecais. É un proceso a curto, medio e longo prazo.

-Tardouse moito en obter implicación xeral na limpeza?

-É unha loita moi vella, case me lembro dela desde o instituto. Mesmo agora custa poñer a todas as administacións de acordo e implicar a sociedade civil.

-O Estado investirá un millón de euros na ría en 2016. Hai sectores que din que son cartos escasos. Pénsao tamén Marea?

-Segue sendo escasa, pero o que lle inflúe á xente é a incertidume. Non hai unha explicación clara de que o proxecto custa tantos millóns e se vai a facer deste xeito, con estos prazos e estas fases de calendario. Por aí é por onde vén o apoio que nos solicita a confraría de pescadores. Como vai a ser a implicación e en que se vai a gastar o millón de euros do Estado? Iso é o que se quere saber.

-Por que non se fai así?

-Eles deberían dicir por que non se fai así. Se fai se hai vontade. Non é tan complicado, hai que querer. Fanse obras máis custosas e complicadas e con outras prioridades.

-A Coruña sofre de moita contaminación atmosférica?

-A problemática da calidade do aire e do ruido está moi vinculada ao tráfico, por iso unha das prioridades deste goberno é a redución do tráfico e a elección doutro tipo de modelos de mobilidade.

-Que é o que máis dano acústico lle fai á cidade?

-Un fenómeno de tarifa plana continuada é o tráfico, mentres que afeccións puntuais que afectan a menos xente das que recibimos queixas son o ocio nocturno e a recollida do lixo. Cada problemática hai que abordala de diferente xeito.

-Que plan de limpeza vai seguir o Goberno local?

-Do pasado se pode aprender. O plan Rua foi unha boa iniciativa e posiblemente haxa que retomalo. Vai rematar o contrato de limpeza, polo que estamos vendo que plans de limpeza hai noutras cidades sen deixar de consultar aos nosos técnicos. Outras cidades teñen sistemas distintos con outras tecnoloxías. Temos máis de dous anos para recoller experiencias e implantalas no novo contrato. E para iso tamén necesitamos da colaboración dos cidadáns.

-Os programas en servicio do proxecto Smart City poden ter un uso renovado en traballos de limpeza e medioambientais?

-Agora mesmo hai programas de rego e calidade do aire, pero aínda non sei moi ben que se nos vai propoñer desde o equipo xestor de Smart City. Teño que dicir, con ou sen Smart City, que hai un sistema de interlocución coa cidadanía que funciona moi ben, que é o servizo de suxestións e reclamacións vía 010, polo uso cidadán e pola resposta e avaliación de reclamacións.

-Que prioridades teñen na xestión do auga?

-Aforro da auga e diminución da carga contaminante. Optimización do saneamento. Emalcsa non ten constituido o consello de administración e non temos pé dentro. Unha das políticas de Marea é adaptar o recibo da auga aos custos reais que está tendo para a empresa. E hai que redundar nunha mellora do servizo respecto a aforro de auga, bocas de rego, atención ao cliente, mellora do suministro.

-Que puntos negros medioambientais ten A Coruña?

-Temos un problema de prevención de incendios no rururbano, ruido persistente nas principais vías de comunicación, vertedorios incontrolados en determinados puntos en zona forestal da cidade, algún problema de vertidos no Burgo. Pero a cidade ten espazos naturais de gran valor semellantes aos da Costa da Morte, como San Pedro de Visma ou San Vicente de Elviña. Iso é un tesouro que deberiamos conservar.