A Cidade Vella estará chea de actividade esta fin de semana coa celebración da terceira edición do festival Visións, adicado á fotografía, e as actuacións de títeres na praza das Bárbaras. Os dous espectáculos, dentro do programa das festas de María Pita, buscan atraer a xente de todas as idades, en actividades libres nas que o máis importante é a participación cidadá.

O festival Visións volve como o único festival de fotografía da cidade cun formato estendido de dous días, sábado e domingo. Detrás desta iniciativa está o Colectivo 15001 e artistas locais que buscan dinamizar esta disciplina á vez que dar vida á Cidade Vella. "Danse oportunidades aos novos creadores", explica un dos organizadores, Alberto Pombo. A participación de fotógrafos experimentados, como a premiada Camino Laguillo, tamén será importante nas proxeccións, palestras e obradoiros que se organizarán durante a fin de semana.

O modelo varía respecto ao ano pasado non só na duración. "Este ano todo é gratuito, aberto e sen inscripción", aclara Pombo. Seguirá a ter unha estrutura descentralizada, estendo os eventos e proxeccións por diferentes locais do casco vello. Nesta edición os organizadores levan todas as actividades á rúa, agás as proxeccións, polo que se espera unha participación máis activa por parte do público.

O sábado será o día escollido para os obradoiros e palestras que presentarán profesionais da fotografía. Os temas serán variados, dende unha introdución á encadernación xaponesa, impartida por Corina Salas, ata a presentación sobre o fotógrafo da emigración Manuel Ferrol, dada polo profesor Bernardo Villanueva. Estes eventos comezarán ás 10.00 horas e chegarán ata ben entrada a noite e se concentrarán na rúa Porta de Aires, a praza de Santa María e os locais seleccionados.

O festival inaugura o domingo ás 12.00 horas un mercado de fotografía e artes gráficas na rúa Porta de Aires. O Fotocircus de Caxoto animará aos máis pequenos na sesión infantil á mesma hora na praza de Santa María. Unha hora máis tarde dará comezo a sesión vermú que, por primeira vez, estará amenizada musicalmente. Os encargados serán os artistas Jaime Fifthring e Sleeping Cat. A tarde estará centrada nas proxeccións, nas que fotógrafos locais poderán presentar o seu traballo nos locais da Cidade Vella que forman parte do festival.

O ciclo Os títeres das Bárbaras chegará por primeira vez a esta praza emblemática do casco vello hoxe e seguirá ata o domingo. Catro grupos de teatro e monicreques presentarán os seus espectáculos coa interpretación de historias máxicas e coñecidas por todos.

Será a primeira vez que todos estes grupos teatrais interpreten na praza das Bárbaras, un lugar que xa demostrou a súa utilidade en numerosas ocasións. "É un espacio que cadra perfectamente", explica o coordinador do evento, Ramiro Neira. O responsable cre que a forza dos títeres "dilúese" en espacios amplios, polo que a praza presenta a oportunidade de crear un entorno "moi coidado e máxico".

Neira cre que o valor da forma dos monicreques é a combinación de tradición e artesanía. "É unha disciplina na que posuímos grandes empresas", explica o coordinador. Viravolta Títeres actuará este venres ás 20.00 horas, hora de todos estes espectáculos, co seu pasarrúas de cabezudos no que narrará a historia do frautista de Hamelín, un espectáculo que xoga moito cos nenos. A continuación, Danthea Teatro presentará a historia de Carapuchiña vermella ou o conto do lobo, que combinará a actuación de monicreques cunha actriz real.

Caramuxo Teatro presentará o sábado o conto popular As fabas máxicas, un espectáculo para toda a familia que tratará a historia sen a súa parte avarenta. A clausura, o domingo, será coa obra de Falcatrúa Títeres Limocho e a lúa, unha historia máxica con gran participación dos nenos e que é traballo orixinal desta compañía. Os personaxes entrañables da obra animarán aos nenos a cantar e bailar nesta trama de enredo.