Iván García Campos Autor do libro de relatos 'Cuestións vitais secretas'

"A complexidade está no cotiá, e a maior narratividade, nos pequenos detalles"

"Existe unha ditadura da historia, e os libros valóranse en función do argumento; pero é case máis importante o que omites que o que dis"

06.09.2015 | 02:52
Iván García Campos, autor de ´Cuestións vitais secretas´.

O poeta e narrador Iván García Campos publicou a súa segunda obra narrativa, Cuestións vitais secretas, un conxunto de relatos que falan do máis profundo desde o cotián.

-Vostede di que, na literatura, gústalle máis suxerir que contar.

-Hoxe hai unha especie de ditadura da historia. Os libros parece que se valoran en función do argumento. E historia de Alejandro Magno, contada sen maxia nin atractivo, pode pasar por un libro malo. E ao revés, podes facer un gran libro dun argumento a priori non interesante, de subir unha escaleira, coma no caso de Cortázar. O que conta, para min, é a maneira na que contas algo. Moitas veces é case máis importante o que omites que o que dis. Contar é contar todo, pero suxerir implica saber que é o que omites. É un pouco confiar en que o lector saiba cazar esas omisións.

-Cortázar sería un dos seus referentes para chegar a esa idea?

-Moitas veces preguntan polas túas influencias, e acabas dicindo as cousas que te gustan. E desgraciadamente, algunhas veces acaban influíndote máis cousas que non te gustan. Gústame Cortázar, a literatura latinoamericana desa época, pero creo que non ten moito que ver realmente co tipo de cousas que eu escribo. As grandes obras da pintura, da escultura: O berro, a Mona Lisa, A vitoria de Samotracia, O Guernica, poden non estar pintadas ben, pero teñen unha cousa en común: a intensidade, a capacidade que teñen para suxerir, é tan grande que creo que iso é o que fai que unha obra de arte sexa unha obra de arte. Non a perfección técnica, nin tan sequera o que queren contar, senón o que suxiren. E na literatura, podes facer que o lector reflexione ou dubide. Non que lle deas respostas, senón que lle suxiras preguntas a través da ficción. Neste caso, a través dos relatos.

-Non busca unha lectura única do seu libro?

-Non, non. Precisamente o marabilloso é que cada lector sexa capaz de tirar unha cousa diferente do mesmo relato. Non son un ditador como escritor, porque hai ditadores que din eu escribín isto, e quere dicir isto. O lector, unha vez que o merca, é dono do libro e a súa opinión vale tanto como a túa. Ti podes contar o que querías facer, pero iso non sempre é o que sae, e moitas veces non ten que ver.

-Escribe para un tipo de lector determinado?

-Dise moitas veces o de pensar nos lectores, eu creo que é un pouco un insulto. Non penso nunca no lector, pero creo que ten que ser activo. Tes que facer que participe un pouco coa súa perspicacia, coa súa intelixencia. Explicalo todo, non ocultar nada, acabas facendo unha literatura aburrida. Prefiro unha literatura mesmo incómoda. E os detalles para min son moi importantes. Moitas veces a unha palabra que non dis ou un xesto dunha persoa di máis, ou lle dámos máis importancia, máis importancia que a un parágrafo ou diálogo grande.

-A súa literatura fíxase moito nas cousas cotiás.

-Si. Hai que ser moi observador, non quedarse na codia das cousas senón intentar ir un pouco máis alá. A partir de aí observas, reflexionas, e hai unhas dúbidas. Eu teño as miñas respostas, ou non, pero quero que como lector ti teñas as túas, se as tes. A maior narratividade está nos pequenos detalles.

-Non lle interesan as historias épicas, de grandes dramas?

-Iso ten a súa importancia, hai que saber facelo e claro que é interesante. Pero non necesitas grandes dramas globais, a complexidade humana está moitas veces nesta relación cotiá de todos os días. É canto te decatas de que non somos reais, verdadeiros nin normais nunca. A normalidade non existe, é o anormal.

-Para vostede, cal é o propósito da literatura?

-Non sei se ten. Pero se ten que ter algún, é máis cuestionarnos a través dos libros ou interrogar o mundo. Pero non por unha reflexión grupal, senón individual. A literatura non debería ser só un entretemento, un pasatempo. Creo que pode ser un pracer, pero a través deste xogo de omisións e intuicións que se poñen en xogo entre libro e lector. Como lector, non me interesa moito a literatura de moda.

-Cando plantexa un texto, ten na cabeza o cuestión que quere levar ao lector ou vai xurdindo?

-Hai un pouco de todo. Non me poño a escribir se non teño a idea que quero. Logo necesitas un fío de onde tiraro. E nos relatos de Cuestións vitais secretas hai moita documentación. Na literatura de ficción é importante que non se note porque acaba estorbando. exceso de documentación, ou que se note moito, acaba estorbando. Escribir é decidir: estás decidindo desde a primeira letra ata a última todo sobre todo. Pero para min o importante é o que está debaixo do texto.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine