A asociación veciñal Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules recordou esta fin de semana como era o barrio antes de ter a súa apariencia actual. Con fotografías que algúns dos veciños enviaron á entidade e con outras que a directiva tiña xa no seu arquivo, a asociación montou a pasada fin de semana unha exposición no Campo de Marte, unha actividade complementaria ás festas do barrio.

E Monte Alto descubreu e recordou así o seu pasado, que antes de ter grandes edificios e urbanizacións, era un enclave con construcións militares, cun castelo do que xa non queda máis que o sitio, o mesmo que ocupa agora o Club del Mar de San Amaro, cunha vía de ferrocarril que se utilizaba para transportar pedra procedente da canteira de Adormideras e cun prado aos pés da Torre de Hércules, un campo no que comían as ovellas e construcións metidas case no mar.

Os veciños de Monte Alto aparecen nestas instantáneas -de décadas diferentes- tal e como eran no seu día a día, defendendo o edificio do asilo, reclamando que os coches non pasaran polas rúas a máis de 30 quilómetros por hora, pedindo que os seus veciños vivisen en casas dignas e non en "chabolas", merendando en San Amaro, onde agora está o centro de maiores, e traballando, coas súas embarcacións varadas na praia do Orzán, ante un faro romano espido, aínda orfo de vivendas que entorpecen a súa visión.

Conta o presidente da asociación veciñal, Alberte Fernández, que foron os veciños os que, a través das redes sociais, lle fixeron chegar algunhas das fotografías, de maneira espontánea e que, con elas, decidiron facer unha exposición que amosase como foi cambiando o barrio e que retratase algúns dos momentos importantes vividos nas súas rúas.

Hai imaxes da construción do mirador de San Amaro, do Campo de Marte aínda sen a biblioteca, dos primeiros autobuses que percorreron as rúas do barrio e que viñeron a darlle o relevo aos trolebuses. Nunha das instantáneas pódese distinguir como a liña número 4 xa pasaba por Monte Alto e como o que agora é un edificio en ruínas, a prisión, foi, algún día, un lugar ao que ían os veciños pasear, polo atractivo de ver un inmoble novo, unha cadea como nunca viran.