Realizar un curso en teatro musical, a "máis esixente" das disciplinas de interpretación, proporcionar aos alumnos unha formación ampla que lles permita participar en todos os pasos da creación dunha obra, e ofrecerlles un diploma homologado co que poidan traballar na maior parte de Europa. Eses son os obxectivos do curso de teatro musical de Rock School TK, creado pola colaboración da escola de interpretación de La Tuerka e a academia de música contemporánea Rock School.

Segundo explica Iria Ares, que se ocupará da dirección das pezas teatrais que se estudien no curso, o musical require da "formación máis completa" das artes escénicas, posto que é unha das disciplinas "máis complicadas". No programa do curso, que empeza este mes de outubro e terá unha duración de nove meses, ensínase interpretación, baile, expresión corporal e canto, senon que os estudiantes participarán na creación do vestiario e as escenografías das pezas coas que traballen.

Os creadores do curso, sinala Ares, entenden o actor "como creador global do espectáculo", e polo tanto coas dúas clases semanais do programa se pretende formar "actores-creadores" que aporten en todas as áreas dunha producción teatral. Deste xeito, os alumnos participarán tanto na creación de guións como a composición de pezas musicais.

Outra das características deste curso é a homologación. Ao final de curso, en xuño, chegará un profesor da Rock School de Londres para examinar aos alumnos. Se pasan a proba, obterán unha titulación especial "con validez en grande parte de Europa". Segundo Ares, non existe actualmente en Galicia ningún outro curso de teatro musical que oferte unha homologación destas características.

O curso está aberto a todas as persoas de nove anos en adiante, e está pensando tanto para persoas que non teñan experiencia previa no teatro musical como para actores que busquen perfeccionarse. Durante este mes de setembro, a escola está realizando probas aos alumnos interesados para agrupalos en grupos nos que non haxa moitas diferencias internas en canto a preparación. Polo momento, sinala Ares, "estamos sorprendidos, porque o nivel dos que se presentan ás probas é bastante alto".

O curso contará con catro preparadores fixos. Iria Ares encargarase da dirección das pezas que se realicen durante o curso, e de apartados como a elección do vestiario ou a elaboración do guión. As ensinanzas de interpretación recaen no profesor Daniel Currás. Lidia Carrión encargarase da técnica vocal, e Xosé Leis da coreografía e expresión corporal. Tamén haberá profesores de inglés, se algunha das obras estudiadas se realiza nese idioma.