Afonso Eiré Autor do libro 'O Piloto. O último guerrilleiro', sobre a historia do loitador antifranquista José Castro Veiga

"En Chantada a represión franquista foi mínima grazas á guerrilla"

"Os guerrilleiros non eran os do monte: vivían nas aldeas" - "A Guardia Civil e o PCE coinciden en poñer ao Piloto de bandido"

14.09.2015 | 02:02
O escritor Afonso Eiré, coa súa obra sobre O Piloto.

Afonso Eiré (Chantada, 1955) vén de publicar a segunda edición de O Piloto. O último guerrilleiro, dedicado ao coñecido resistente antifranquista José Castro Veiga.

-Cal foi a primeira vez que escoitoi falar do Piloto?

-Crieime coas historias do Piloto. Antes de aprender a ler xa tiña a literatura oral, e a de Chantada sempre o metía.

-Mudou a idea que tiña del cando era neno?

-Non, non é diferente. Para min foi sempre un heroe. Cando o mataron eu quería ir velo [matouno a Guardia Civil en Belesar en 1965 ] e o meu avó díxome: Se vas velo oblígante a que lle deas unha patada no cú, ti queres darlla?

-Del falouse como loitador político, e tamén como bandido.

-A propaganda do PCE nos últimos anos e a da Garda Civil, coincide en poñelo como bandido. A guerrilla, non eran maquis, non eran os do monte: vivían nas aldeas. Realizaban expropiacións para castigar aos fascistas e falanxistas e para vivir. O Piloto pagaba para manter ás familias dos que metían na cárcere ou mataban.

-Cando O Piloto requisaba algo, dicía que era en nome do Goberno da República.

-Si, e nalgúns casos daba un comprobante, dicindo que cando cambiaran as cousas devolverían os cartos. Non é certo é que saísen a atracar; pero había outros que saían coa cara cuberta diciendo que eran O Piloto, ou O Foucellas. Na guerrilla era a direccción quen tomaba a decisión de expropiacións. E había un código escrito con penas, algunha vez de morte, facían xuizos? Non era algo aleatorio como o presentan algúns.

-Carlos Reigosa afirma que a partir dos 50 O Piloto deixou de ter motivacións políticas.

-Non é certo. Moita xente que di que o Piloto lle entregaba o carnet do PCE, que facían asambleas, etcétera.En xullo de 1963 o Piloto asina un chamamento ao pobo galego para convocar unha folga xeral política. E nel di que, desde a morte de Julián Grimau [executado en abril dese ano], 165 persoas pediron o ingreso nas guerrillas. Seguían mantendo as estructuras, facendo reunións políticas, axudaban á xente á que lle expropiaban as terras e casas nos encoros dos Peares e de Belesar. Visitaban a xente que maltrataba a republicanos, cando había denuncias contra xente desafecta ao réxime visitaban aos xuíces e lles advertían que atenderan ás consecuencias. Tivo reunións na Bazán de Ferrol? A Guardia Civil consigna que repartiu carnets Galicia. Ía a Ferrol, a A Coruña, a Vigo?

-Tiña logo apoio social?

-É que sen ter apoio social caería. Teño consignadas, en Taboada, 105 casas onde se quedou. E se nun lugar quedaba nunca casa, os outros polo menos non o denunciaban. Unhas veces por ser afectos, outras por medo. A guerrilla ten que funcionar co medo, meterlle medo tamén á Garda Civil, etcétera. A xente, cando escribe moitas veces da guerrilla, non sabe como funcionan. Eu fixen un curso acelerado diso na Academia de Infantería de Toledo, para ver tamén que había de ben feito e mal feito na guerrilla galega.

-E que se fixo ben e mal?

-Na comarca de Chantada, onde a guerrilla máis durou de todo o Estado, a represión foi mínima, comparada con outras dos arredores. Iso é gracias á guerrilla, e faleino con falanxistas daqueles tempos. En toda guerra hai mortes, e danos colaterais, pero a guerra provocouna o franquismo.

-Acusouse ao Piloto de "crueldade excesiva".

-Si, é outra das ladaíñas que se sacan Si, queimou casas, matou xente. Pero hai que ver por que. Reigosa di que é moi cruel cos inimigos, pero tiña que selo porque, se non, non sobrevivía. E era moi bo cos seus compañerios. Outra historia é que lle quería mal aos curas. O cura que mata O Piloto, cando os veciños ían pedirlle un certificado de boa conducta, dábanlle unha carta pechada que lle daban á Garda Civil e na que dicían que os detiveran, os mallasen ou os mataran. Outro levou á guardia Civil e aos falanxistas unha lista de 45 veciñas que había que matar. Como non van tomar represalias contra esa xente?

-Que pensaba O Piloto da estrutura social de Galicia?

-El era comunista. Non un autodidacta, senon un marxista convencido. Os seus pais eran caseiros, e unha das cousas que lle achacaba á República era que non fixera iso de a terra para quen a traballa, cos latifundios e cos caseiros en Galicia.

-Hai versións da morte. Algúns din que a Guardia Civil o conminou a rendirse, que disparou contra eles...

-Non, non, non. Entrevistei a xente que estaba alí, tiven acceso ás declaracións dos guardias, á instrucción do sumario. Os guardias foron agochados. El estaba comendo e non lle deu o tempo a coller a metralleta nin a coller nada. Estaba comendo chourizo cunha navalla de Taramundi e un anaco de pan que lle deran na casa do Souto. Esa é outra mentira que se conta é que el fora roubar a esa casa.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine