O Teatro Rosalía acollerá mañá a séptima edición de Lúas de Outono, a homenaxe anual ao poeta galego Manuel María que organiza a fundación que leva o seu nome. Será ás 20.30 horas e nel misturarase a obra do escritor chairego coa música de Pepe Baamonde Grupo, que presentará o seu último traballo, Nas pedras do lar, e a poesía de Marta Dacosta, Miguel Anxo Fernández Vello e Xulio Valcárcel.

A homenaxe a quen se lle dedicará o Día das Letras Galegas do próximo ano volta ao teatro coruñés despois de tres anos. Na presentación feita onte no Palacio Municipal de María Pita, a presidenta da Fundación Manuel María, Saleta Goi, e o seu secretario, Alberte Ansede, agradeceron ao Concello que abra "as portas do Rosalía" para este acto. "Pensamos que poderemos retomar unha relación de normalidade co Concello, unha relación que se rompeu cando chegou o Goberno municipal que acaba de saír", explicou Goi.

O Goberno municipal cederá o espazo para o acto a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), cunha entrada que será libre até completar o aforo total do teatro.

O concelleiro de Cultura, José Manuel Sande, destacou a "emblemática figura" de Manuel María, a quen difiniu como "poeta, procurador, intelectual e home comprometido". "É necesario recuperar as figuras do noso pasado, e non tan pasado, como é o caso concreto de Manuel María, figura significativa, escollida para ser o eixo central do Día das Letras", afirmou.

A vida de Manuel María, que pasou os seus últimos anos de vida na Coruña promovendo unha intensa actividade cultural, caracterizouse tanto por unha extensa obra poética como polo seu profundo compromiso político co nacionalismo galego e a recuperación da cultura galega na clandestinidade, durante o franquismo.

Os temas dos seus textos abordan desde a voz existencialista e o amor, até o compromiso social e político. Foi colaborador de Burla Negra e a Plataforma Nunca Máis trala catástrofe do Prestige.

A homenaxe que recibirá polas Letras Galegas en 2016 coincidirá co 100 aniversario da fundación das Irmandades da Fala, efeméride para a que o Concello tamén prepara unha programación especial.