Ana Martín Historiadora da Arte

"Eusebio da Guarda quería proxectarse como un señor feudal"

"El e a Igrexa fixeron unha pequena trampa para arrebatar os terreos ao Gremio dos mareantes, en contra da opinión cidadá"

16.09.2015 | 01:02
Ana Martín.

Non é frecuente a revisión crítica de figuras do pasado encumbradas pola historiografía local. A historiadora Ana Martín optou por rachar tabús e algún que outro consenso na conferencia que impartiu a pasada semana no centro social A Comuna sobre un dos próceres coruñeses por excelencia: Eusebio da Guarda. Froito dunha investigación persoal realizada no marco dos seus estudos universitarios, Martín desvelou a cara máis "oculta" deste filántropo que, afirma, quixo pasar a historia como o facían os antigos señores feudais.

-Fala de Eusebio da Guarda como "señor feudal". A que se refire?

-Na miña investigación analizo a importancia do medievalismo no século XIX e, en concreto, na Coruña. Eu, que estudei no Eusebio da Guarda, tiña unha visión del como un grande filántropo, algo que non nego, pero decateime de que tiña unha cara descoñecida, a dun empresario que quería referirse a si mesmo como facían os antigos señores feudais. A proba é que constrúe a súa propia igrexa, que é a Igrexa Castrense, e faise enterrar a si mesmo e á súa muller no seu altar, algo reservado a altos cargos da Igrexa ou, noutros tempos, a membros da nobreza. O método empregado para levantar o templo tampouco foi o axeitado xa que desvirtuou o Gremio dos mareantes, que ocupaban esa zona no momento.

-Que era o Gremio dos mareantes?

-Era a tamén coñecida como Irmandade de Veracruz, que se remonta á época do ataque de Francis Drake e que, segundo a documentación da época, apoiaba moito aos pobres da cidade, procuraba cartos para poder enterrar aos reos condeados a morte e facía unha labor social moi importante polo colectivo dos mariñeiros. Onde agora está a Igrexa Castrense había un hospital dos mareantes do que no século XIX só quedaba en pé o arco da entrada -que é a actual porta do Arquivo do Reino de Galicia- e unhas ruinas, onde se reunía a Irmandade.

-Xerou polémica a construción desta igrexa naquel momento na cidade?

-Si. De feito, nalgún xornal coruñés importante da época chegouse a publicar un boletín con todas as publicacións que falaban desta cuestión. Dacordo coas crónicas, Eusebio da Guarda e a Igrexa fixeron unha pequena trampa para poder arrebatar os terreos aos mareantes en contra da opinión cidadá.

-Cal é o sentido desta corrente do medievalismo en pleno século XIX?

-Este é un proceso común en toda Europa. Alemaña e Italia, na construción do seu Estado nación, remítense á súa historia pasada para fundamentarse como tal. É algo que tamén se percibe na literatura de Víctor Hugo ou Becquer. É unha volta á Idade Media como un tempo mellor, en contra do modelo de cidade burocrática e das ideas liberais. O que acontece é que, como a industrialización, esta corrente chegou tarde a Galicia. Eusebio da Guarda introdúcea aquí, por así dicilo. Os empresarios estaban cobrando unha importancia grande nese momento e ten sentido que el, como figura nova que era e sen apoio da poboación, buscase proxectarse deste modo, creando unha igrexa de estilo neorrománico. Non creo que sexa algo casual.

-Cal era o problema de tentar proxectarse como señor feudal?

-O problema é o que esa figura conleva, para ben e para mal. Verse como un señor feudal na cidade pode implicar que achegas moitas infraestruturas pero tamén que es o que controla o territorio e os recursos.

-Cal era a relación de Da Guarda co poder político do momento?

-Polo que amosan as fontes da época, pódese dicir que tivo certos contratempos. Hai datos que proban como el solicitou ao Concello pedra dunha canteira local para facer a igrexa de San Andrés e a cidade proporcionoulla, pero non da que el solicitaba e tendo certos problemas. Coido que tivo mellor relación coa Igrexa como institución que cos poderes políticos cos que, intúo, rivalizaba.

-O seu enfrontamento cos mareantes viña só polos terreos da Igrexa ou había máis motivos?

-Non o teño claro. O que se sabe é que Eusebio mentiu e negou un acta no que dicía que el construía a igrexa para enterrarse alí e que, unha vez finalizada, deixaría as chaves ao gremio. Despois botouse para atrás e por iso o templo estivo pechada durante seis anos, até que o Concello e a Igrexa o ordearon abrir pola forza.

-Por que a mantivo pechada?

-Entendo que por unha cuestión de posesión ou arrepentimento. Quizais o máis representativo é que no tímpano da igrexa, onde habitualmente hai algunha mostra do santo ao que está consagrada, o único que hai é un texto no que se indica que o templo foi pagado por Eusebio da Guarda, así que dalgún xeito está consagrada a el.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine