Os que nunca escoitaron falar de Pedro Galán Calvete non saben que foi un represaliado, un mozo deses que apareceron na cuneta, coa vida baleirada a balazos en 1936. O BNG lembrouno onte, como cada ano, cun acto no cemiterio de Santo Amaro, cunhas flores e con música, con bandeiras galegas e a man no corazón. E é que Galán Calvete, ese veciño de Monte Alto, das Mocidades Galeguistas, que chegou a traballar no departamento de contabilidade de La Toja, daba sempre a man esquerda cando se presentaba, cando saudaba e marchaba.

Dicía, lembran os que manteñen vivo o seu recordo, que ofrecía a man esquerda porque era a que saía do corazón e encontraba outra que saía do mesmo lugar. A concelleira do BNG, Avia Veira, foi unha das encargadas de lembrar a Pedro Galán, 79 anos despois do seu pasamento, da súa man esquerda, como semente, enterrada na terra.