Andrea Barreira Freije (A Fonsagrada, 1986) vén de publicar a súa primeira novela, Non hai luz sen escuridade. A obra, de fantasía, narra a historia de Lea, unha feiticeira malvada.

-A novela oriéntase a todo tipo de públicos?

-É unha novela para público xuvenil, doce, trece anos, aínda que hai xente un pouco máis pequena que o está lendo. Normalmente cando escribo non penso moito na idade, xa me clasifican os demais.

-Por que elixiu a fantasía?

-Síntome bastante cómoda escribindo fantasía. Permíteme xogar coa realidade suavizándoa, dándolle outros tons e toques. A realidade pura é máis dura, máis conflitiva, pero se lle das un toque de fantasía permíteche falar dos mesmos temas que un libro máis realista, desde un punto máis suave.

-De que tipo de tradición fantástica bebe?

-Xogo moito coas propias lendas de aquí. As personaxes que habitan as páxinas do libro pódense atopar tanto na literatura clásica como nas lendas e a tradición oral de Galicia. Lea atópase con tres meigas boas, que se presentan a si mesmas como o prototipo de meiga que coñecemos, case é unha presentación de manual. Máis adiante se atopará con tres meigas malas, representando as luces e as sombras.

-A dicotomía da luz e a escuridade é vella, pero neste caso elixiu un protagonista que parte do bando da escuridade.

-Porque eu penso que ninguén é tan malo nin tan bo. Os máis malísimos sempre teñen ese xogo de luces e sombras, e os bos máis bos caen nalgún momento. Gústame xogar coas personaxes un pouco negativas precisamente para intentar comprendelas, ver por que son así e que as leva a ser así, e como son tratadas e xulgadas por ser así. Por iso Lea é unha personaxe mala, aínda que depende da visión que teña cada lector, pero é intentar comprender da parte mala e a boa.

-Como é o personaxe protagonista e a súa evolución?

-Lea é unha feiticeira mala, escura, que vén do mundo da escuridade, do que son os señores os seus pais. É unha persoa moi seria e solitaria, que aprendeu desde pequena que non se pode confiar en ninguén, que ten que ter o control e os demais deben estar no seu servizo. Pero Lea, cando é pequena, atopa unha luz, que se converte nunha obsesión que non lle deixan levar a cabo. Parte da casa en busca dun dragón escuro que completará os seus poderes. Ela parte de que ten que ser así, pero pregúntase se quere ser así. Ao longo do libro atópase con personaxes brancas, boas ou supostamente boas, con personaxes negras, malas ou supostamente malas. Precisamente ese xogo de bondades e maldades no que se verá mergullada fará que ela cambie, ou non.

-A obra introduce temáticas propias da adolescencia?

-O conflito da relación cos pais. Como Lea non está convencida de querer facer o que lle esixen, como lle inflúe que as personaxes coas que se vai atopando a vexan dun xeito ou doutro. Son os problemas que se teñen na adolescencia, coa construción da propia identidade. É empezar a soltar as raíces, sen soltalas de todo, e ser un pouco a túa propia árbore. Esa aprendizaxe e coñecemento dun mesmo, que na adolescencia é cando máis notamos e sobre a que máis preocupados estamos, aínda que poida chegar a ser unha constante na nosa vida. Pero precisamente neses anos é cando nos sentimos máis presionados polo noso entorno. Lea é o que sinte.

-Vostede é da Fonsagrada. Hai algo da montaña de Lugo na súa novela?

-O propio nome de Lea vén dado polo río, que pasa pola provincia de Lugo. Outra personaxe chámase Sarsa. Aínda que na zona de Lugo dicimos xarxa, pero quedaba máis duro así que utilicei outra variante. Si que é certo que moitos dos espazos que se describen no libro están moi pensados en base ao que coñezo dos bosques que temos na montaña.