Dozura e melancolía son os ingredientes que fan de María do Ceo unha das fadistas con máis sona. A que foi recoñecida como a embaixadora da cultura galega no mundo, recala este venres no teatro Colón para presentar o seu novo espectáculo, Fado minhoto e outras músicas. Portuguesa de nacemento, pero afincada desde hai máis de corenta anos en Ourense, asegura que actúa "por e para os galegos".

-Despois de vinte anos enriba dos escenarios e con once discos ás súas costas, que lle espera aos coruñeses que acudan ó teatro Colón mañá?

-O concerto está baseado en cancións que xa son moi coñecidas polo público, que forman parte da miña discografía desde sempre. Pero tamén vai haber un adianto do que será o meu próximo traballo discográfico e que a semana que ven entro no estudio a preparar. Será un concerto galaico-portugués como teño costume facer.

-Por todos é coñecido o fado de Lisboa pero, que significa o fado minhato

-É unha novidade que inventamos nós. A fonética portuguesa de Oporto para arriba é minhota. Ven de esa forma de falar moi parecida á galega. Como a miña maneira de cantar é tan así, tan galaico-portuguesa, por qué non que ese estilo se chame fado minhoto. De feito, a forma do portugués pechado non a teño nin a terei nunca porque son xa 45 anos residindo en Galicia, falando galego e cantando por e para os galegos.

-Se antes mencionaba as cancións típicas do seu repertorio, supoño que mañá vaise escoitar María la portuguesa

-Por suposto, eso vai unido a min como as pestanas. Versionei esta canción en casi tódolos meus discos e case sempre procuro cantala nas dúas linguas -galego e portugués- porque sei que á xente lle gusta e lle emociona. Ademáis, tiven a gran sorte de que as fillas de Carlos Cano, o autor do tema, déronme todo tipo de aprobación e cariño.

-Din de vostede que é a predecesora de Amália Rodrígues, e vendo as novas voces do fado, como Mariza ou Carminho, como define o seu fado en relación con estos novos estilos?

-Eu diría que non teño nada que ver coas fadistas que poden estar cantando agora, con todos os meus respetos e a miña admiración cara elas. Lisboa, o berce do fado, tampouco é tan grande, co cal conviven moito unhas con outras e co tempo todo se pega. A min, por sorte ou por desgracia, me separaban moitos kilómetros de distancia. A única referencia que tiña era cando o meu pai ía a Portugal e lle pedía un disco de Amália Rodrígues; é a única referencia que tiven desde nena.

-Sempre procura percorrer Galicia cos seus traballos. Sente que o público que máis a aprecia? Entende que o fado é apreciado no resto de España?

-O fado non cabe dúbida de que é Patrimonio da Humanidade polo moito que gusta. O 80% dos meus concertos son por e para os galegos, xa sexa en Galicia ou noutros países como Arxentina, Alemania, Italia ou Francia. Si que é certo que teño que loitar no resto de comunidades, porque o primeiro que se me esixe é que non cante nada en galego xa que o que esperan é a unha fadista portuguesa. Pero como a última palabra a teño eu enriba dun escenario, canto un poema de Rosalía acompañado dunha guitarra portuguesa e logo veñen felicitarme por ese marabilloso poema. Aínda hai perxuízos ou quizás descoñecemento.

-O seu último traballo, Soños cumpridos, saíu á luz gracias a unha campaña de Soños cumpridoscrowdfunding

-Totalmente. Antigamente sempre corrín eu cos gastos, pero agora faise necesario ter unha compra asegurada dos discos para poder sacalos adiante. O máis difícil nestes tempos é a distribución, e nos seguimos loitando por seguir tendo traballos en físico cando son as plataformas dixitais as que triunfan.